Canto lle custa aos galegos o alugueiro de helicópteros privados?

Desde o 2012 a Xunta privatizou o servizo de extinción de incendios a través de medios aéreos. Desde entón, a Xunta ten gastado millóns de euros en contratos coas empresas Inaer e Natutecnia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 16/11/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Máis de 42 millóns de euros. Iso é o que, ata o momento puido constatar GC que custou  privatización do servizo de extinción de lumes a través de aeronaves e helicópteros desde o 2012. Con todo, son datos aproximados porque, ata o momento, é imposible saber a cantidade total que a Xunta destinou a este servizo que algúns sindicatos din que é moi superior aos 50 millóns de euros.

Brigada sube a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer
Brigada sube a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer

Así, do que GC puido constatar a través dos contratos oficiais, figura unha partida de 5,4 millóns que se destinou a Inaer e Natutecnia para a contratación de helicópteros en 2012. Este orzamento formaría dunha partida máis ampla que era de 25 millóns para os anos 2012, 2013 e 2014.

No verán de 2015, a Xunta destinaría case 800.000 euros por catro helicópteros durante tres meses. O goberno dividiu este servizo en dous lotes. Por tres helicópteros lixeiros e as súas brigadas pagaría á UTE formada por Inaer e Natutecnia un total de 509.910 euros máis IVE. Por un helicóptero e os técnicos coordinadores abonaralles 134.780 euros máis IVE. En total máis de 780.000 euros IVE incluído por tres meses de contrato.

Para as campañas de 2016 e 2017 a Xunta tería destinado 15,5 millóns coa contratación de varios avións, helicópteros e brigadas para a loita e prevención dos incendios forestais. Así, contratou 5 avións durante dous anos por 2.132.728,56 €  sen IVE e 11 helicópteros por 13.315.789,68 €  sen IVE. Ademais, a empresa concesionaria, a UTE entre Inaer e Natutecnia, asumiu as contratacións de todo o persoal que traballe na extinción dos lumes, así como a súa preparación e os medios e equipamentos que utilicen nestas tarefas.

Tal é a cantidade que se destinan a estes contratos e a "opacidade" dos mesmos, que un xulgado de Santiago investiga a varios cargos e ex altos cargos da Xunta, entre eles ao número dous da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández Couto, por "irregularidades".

Un helicóptero sobrevoa o punto verde de Fragoselo, en Coruxo (Vigo), no que se atopa a planta de biomasa, totalmente arrasado polo lume da vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro
Un helicóptero sobrevoa o punto verde de Fragoselo, en Coruxo (Vigo), no que se atopa a planta de biomasa, totalmente arrasado polo lume da vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro | Fonte: Miguel Núñez.

Como son estes contratos

Segundo o último prego do concurso de adxudicación, as misións destas areonaves sería a de extinguir os lumes forestais, vixilancia activa de determinadas zonas para detectar focos de lume, coordinación dos medios áreros do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais, avaliación de grandes lumes ou lumes simultáneos próximos e posterior información ao Centro de coordinación Central e a medición de superficies queimadas.

Estes avións estarían asignados, preferentemente, a algún dos aeroportos existentes en Galicia, ou ben ás bases que a Consellería do Medio Rural ten en Beariz e Antela (Ourense) e Doade e Rozas (Lugo).

A empresa seleccionada debería contratar tamén ao persoal de mantemento, emisoristas, pilotos e a, como mínimo, dous técnicos coordinadores de medios aéreos que deberán ter coñecemento do galego co Celga 4. Aos pilotos, se son estranxeiros –algo moi común nestas contratacións-- só se lles pide dominar o castelán.

As aeronaves deberían estar operativas desde o nacemento do día ata o solpor, os sete días da semana e durante todo o período de prestación de servizos. O horario habitual de presenza física na base para cada tripulación será de 11 horas con 45 minutos diarias. Ademais, deberán estar preparadas para efectuar a saída durante toda a xornada de traballo, de xeito que o tempo transcorrido entre o aviso de despegue e a realización do mesmo non sexa superior a dez minutos.

Helicópteros e brigadas helitransportadas

Por outra banda,  na contratación dos 11 helicópteros para dous anos se servizo, dos que 6 son de tipo lixeiro e cinco de tipo medio, o servizo inclúe, ademais, a prestación de 8 brigadas helitransportadas que tamén poderán coincidir todas ou non no mesmo momento.

A empresa concesionaria debería realizarlle unha proba física de aptitude aos brigadistas e o persoal seleccionado deberá recibir unha formación de, alomenos, 16 horas sobre comportamento do lume, traballo de extinción das brigadas con helicópteros, seguridade e risco na extinción.

A Xunta tería dispoñibles 5 destes helicópteros de tipo lixeiro e catro brigadas e 5 de tipo medio e tres brigadas no 2016, mentres que no 2017 sería seis naves de tipo lixeiro  e cinco brigadas e 5 de tipo medio e tres brigadas.

A misión destes helicópteros será a de transportar as brigadas helitransportadas ou a outras brigadas e equipos de extinción ata o lugar dos lumes, traballar na extinción de incendios mediante o lanzamento de auga ou retardantes ou realizar calquera outra misión relacionada coa prevención e defensa contra os lumes.

As brigadas de prevención e defensa serán de dous tipos; as que teñan como base un helicóptero tipo lixeiro que estarán constituídos por 12 persoas (2 técnicos de brigada helitransportada, 2 peóns condutores, 6 peóns e 2 emisoristas) e as que teñan como base un helicóptero tipo medio que serán xa de 22 persoas ( 2 técnicos, dos xefes de brigada, 4 peóns condutores, 12 peóns e 2 emisoristas). Ademais, a concesionaria terá que ter tres vehículos, dous para os de brigada media e un para os de brigada de tipo lixeiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 pico de oro

Excelente gestión la de la conselleira.

1 bazarra

dos técnicos de Agader suponen 200000 euros a el años, despídelos y contratas todos los helicópteros que quieras.

1 pico de oro

A cambio un compañero que cobra mil se va a calle.