Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/11/2017 | Actualizada ás 14:00
A case ninguén, agás ao Goberno galego, gusta a campaña publicitaria que a Xunta porá en marcha co gallo do Día Internacional contra Violencia de Xénero (25 de novembro). Unha campaña que custará 196.078,43 euros (con IVE) e que lle foi outorgada a Avante Marketing & Medios. As críticas a esta campaña non tardaron en chegar logo de que fose presentada oificialmente pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.
'O máis grande de Galicia non se maltrata' é o lema da campaña institucional do Goberno galego para o 25 de novembro, na que se presenta a muller galega como "unha xigante" que se sobrepón a todas as adversidades. Así, compárase as mulleres con algúns dos principais monumentos das catro provincias galegas.
Os tres grupos da oposición —En Marea, PSdeG e BNG— coincidiron nas súas críticas á campaña e pediron a súa retirada por representar a "cousificación" da muller. Pero o PPdeG saíu na súa defensa e argüíu que é a "continuidade" da emitida o pasado 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na que se facía constar que as mulleres son 'O máis grande de Galicia'.
Acampaña difundirase mediante cartelaría (35.000 carteis por todas as vilas e cidades de Galicia) e, a partir do 15 de novembro, espallarase nos vellos medios de comunicación (os de sempre, é dicir, medios tradicionais cos que sempre traballa a Xunta), ademais de redes sociais.
A campaña rematará o próximo 26 de novembro, data na que terá lugar en Santiago de Compostela a quinta edición da andaina “Camiño ao respecto”, que percorrerá o treito que une o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro.
Ademais, por vez primeira a Administración autonómica facilitará aos 313 concellos de Galicia carteis personalizados que poderán descargar dende a páxina web www.xunta25denovembro.com.
A DECADENTE PRENSA EN PAPEL, A MÁIS BENEFICIADA
A Secretaría Xeral de Medios (dependente de Presidencia da Xunta de Galicia) concedeu a Avante Marketing & Medios a elaboración, produción e plan de medios desta campaña, por un importe de 196.078,43 euros (con IVE). Trátase do xa clásico contrato negociado sen publicidade por esta Secretaría, baseado nun acordo marco.
A gañadora do contrato derivado do acordo marco foi Canal Uno de Comunicación, por presentar a oferta económica máis vantaxosa. Porén, a Secretaría Xeral de Medios resolveu a retirada da oferta por esta empresa e deu paso á segunda opción, Avante.
Segundo consta no contrato, Avante repartirá un orzamento de 196.078,43 euros (con IVE) en publicidade en medios, dos cales 104.280,70 irán para prensa escrita, 54.532,94 para radio e 37.264,79 para edicións dixitais de medios de comunicación. É dicir, a prensa escrita, en decadencia, leva o 53 por cento do orzamento.
O custo da campaña nos medios deste ano é case 2,5 veces maior que o da pasada edición do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Daquela, a Xunta repartiu 80.000 euros entre determinados medios de comunicación para lanzar esta campaña.
Preguntados por este xornal sobre a marea de críticas que recibiu esta campaña e como se deseñou o plan de medios e o reparto do orzamento entre estes, a axencia Avante Marketing & Medios optou polo silencio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.