Por que non hai medallas para os veciños que morreron ou loitaron contra o lume?

Malestar polas medallas aos policías tras a vaga de incendios. Fontes consultadas denuncian que as condecoracións terían que ser para os veciños que perderon a vida, os fogares ou aqueles que estiveron apagando os lumes.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 14/11/2017 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

"Resulta insultante cara aos veciños que se lles premie e saian á palestra continuamente coma se salvasen a alguén, cando a verdade é que foron os responsables das mortes que houbo na parroquia por falta dunha análise en frío da situación, sacando aos veciños de zonas seguras e meténdoos na boca do lobo". Estas duras críticas de Vítor Manuel Vidal Otero, presidente da comunidade de montes e asociación de veciños de Chandebrito, en Nigrán (Pontevedra),  contra os axentes que ese día acudiron a súa parroquia encenderon a mecha dos reproches.

Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Este veciño asegura que os policías non merecen "galardón algún", e acusounos de ser "os responsables das mortes" das dúas veciñas do lugar. Nunha carta, Vidal asegura que os policías actuaron con "inxenua boa vontade", pero insistiu en que non levaron a cabo "actuación gloriosa meritoria de galardón algún" e engadiu que era "evidente" o seu "medo e falta de profesionalidade" ese día.

Ademais, advertiu de que "puido haber máis casas incendiadas a causa do desaloxo por uns voluntariosos pero neglixentes, neste caso, axentes da orde", pois "cando xa só quedaba o fume e dispersos veciños polos diferentes barrios de Chandebrito, amagaron cunha segunda evacuación a fin de ter máis quexustificada a súa fuxida da zona cero".

Estas duras criticas xa están sendo analizadas polos sindicatos que representan a este corpo de seguridade para levar a este veciño ante os tribunais. Tanto a Unión Federal de Policía (UFP) como o Sindicato Unificado de Policía (SUP) puxeron en mans dos seus respectivos servizos xurídicos a posibilidade de emprender accións xudiciais contra Vidal.

Mesma sensación

Con todo, as críticas que verbalizou o presidente da comunidade de montes de Chandebrito tamén as fan outras fontes consultadas por GC, desde bombeiros ata responsables municipais e veciños. “É certo, o peor disto é que nas traxedias como estas nunca se lembran dos que realmente o pasaron mal e o perderon todo”, apunta un veciño das Neves, outro dos puntos 0 dos lumes de outubro.

Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Tamén os bombeiros comparten esa sensación. “Xa sabía que isto ía pasar e que ía xerar moito malestar. E é normal”, indican. Algúns deles estiveron cóbado con cóbado cos veciños loitando contra as lapas. “Todos son heróes, ningún máis que outros e o que fan dando medallas a policías é rachar cunha norma non escrita de que uns son mellores que outros, cando quen realmente os heróes son as vítimas”, suliñan.

Outras fontes municipais tamén recoñecen que a vaga de lumes de outubro “sobrepasou a todos”, mesmo ás forzas da orde. Por iso, non consideran lóxico que se den medallas a policías nacionais e non a policías locais, bombeiros, persoal de emerxencias, brigadistas ou aos propios veciños. “E que non ten sentido iso das medallas”, aclaran.

Máis duro se amosa un brigadista. “Sempre pasa igual. Cando hai unha catástrofe así sempre hai que buscar heróes, aínda que esos heróes non sexan nunca os verdadeiros heróes... Trátase sempre de buscar os heróes adecuados”, denuncia. 

Víctor Manuel Vidal Otero, presidente da Asociación de Veciños de Chandebrito
Víctor Manuel Vidal Otero, presidente da Asociación de Veciños de Chandebrito
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Prado

Victor dixo o que muitos pensan en privado pero ninguén se atreve a dicir públicamente, nin ten a autoridade moral como para facelo. As advertencias dos sindicatos policiais denotan a forza do rodillo da lei mordaza. Moitos dirán que non é unha opinión se non unha acusación, pero as acusacións baseanse ao fin e ao cabo nunha opinión creada previamente. E na súa opinión o tráxico desenlace foi un cúmulo de medo, temple, falta de formación, descoñecemento, ... A policía e a garda civil son corpos de seguridade, non corpos de emerxencias. Iso non quita a boa vontade que puideran por como persoas, porque son persoas tamén, pero teñen un punto de forza que non o teñen o resto de profesionais, xa que son a autoridade, e como tal todos temos obriga de obecelos e iso xa non é unha opinión, é a lei. Os galardóns entregáronse antes de que se enterraran ás vítimas, non foi nada considerado facelo.