Por Xurxo Salgado | Compostela | 15/11/2017 | Actualizada ás 08:00
“Onde está esa chuvia de ouro que prometeron?”. A pregunta retórica é de Víctor Manuel Vidal Otero, presidente da Comunidade de Montes de Chandebrito, un dos lugares máis afectados pola vaga de lumes do pasado outubro e onde morreron dúas veciñas nun operativo que o propio comuneiro cualificou de “caótico”.
De feito, unha carta súa desatou a polémica este luns ao insinuar que a actuación policial puido estar detrás desas mortes. “É certo que o escribín e tamén llelo dixen ao inspector xefe da comisaría e o subinspector que se encargou do desaloxo en Chandebrito”, comenta en declaracións a GC. “Non critico aos policías, critico o opeativo”, iniste ao suliñar que na súa carta pasouse por alto algo que lle doe máis que as medallas concedidas aos axentes da orde; a imposibilidade de cobrar as subvencións que a bombo e platillo anunciou o presidente da Xunta poucos días despois dos incendios.
“A xente pensaba que a ían bañar en ouro, que ía haber unha chuvia de cartos, e ao final pasa o de sempre. Anuncian millóns e millóns e resulta que non chega nada”, apunta Víctor Manuel que denuncia as trabas e as burocracias administrativas para que a xente poida cobrar as axudas anunciadas. A Xunta prometeu que habería máis de 20 millóns para os afectados.
Subvencións para "calar á xente"
“O máis triste é que anuncien subvención para calar á xente e logo non chegue a quen o necesita”, indica ao suliñar que xa hai informes do que se queimou, canto, onde e a canta xente afecto e, aínda así, “piden máis e máis papeleos”. “Xa tivemos unha reunión co conselleiro de Sanidade –ex alcalde de Baiona--, e técnicos da Xunta e xa lle expresei a miña inquietude de que esas axudas, ao final, non chegaran á xente, como está sucedendo”, indica.
O proceso é complicado. Primeiro ten que haber unha valoración de danos cunha peritaxe oficial e logo os afectados, ademais de presentar a documentación de propiedade –que nalgúns casos queimouse, polo que é imposible certificala sen pedir copia aos rexistros oficiais que tardan semanas, e mesmo meses-- , teñen que acompañar a solicitude de axudas con tres orzamentos diferentes para a reconstrución dos bens danados. Unha operación moi complicada que moitos veciños non son quen de facer.
E o certo é que para Víctor Manuel é sempre a sociedade a que se ten que organizar para tentar cubrir o caos da administración. “Todo recae nos colectivos que son os que teñen que organizar á xente”, di sobre a asociación de veciños e a comunidade de montes á que pertence. De feito, este mesmo martes decidiron abrir eles mesmos unha oficina cunha avogada para que os veciños poidan tramitar esas axudas. A oficina estará aberta de 10.00 horas a 13.00 horas e de 17.00 a 21.00.
Un dos problemas aos que se enfrontan algún dos afectados é á perda de edficiacións que non estaban regularizadas, principalmente, galpóns, garaxes ou palleiras, pero tamén algunha casa. Por iso, piden que o concello tamén teña en conta esta situación á hora de tramitar licencias para pedir as axudas.
“Poñen millóns e o publicitan para parecer do primeiro mundo”
Ademais pediron axuda ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia –que ofreceu a súa axuda desinteresada aos afectados-- para que realicen eses informes e peritaxes e as axudas cheguen a tempo. Un tempo que é escaso xa que este mes finalizan os prazos dados pola Xunta. “Requisitos para aquí, para alá e ao final nada. Pomos millóns e o publicitamos para que pareza que somos do primeiro mundo e resulta que do 100% de axudas só o recibirán un 2% dos afectados... e, ademais, con trabas”, queixase Víctor Manuel.
O concello de Nigrán xa ten unha oficina municipal pero os veciños de Chandebrito critican que o concello manda informes á Xunta e estes veñen devoltos. “Pasan a bola uns aos outros e os afectados seguimos sen solucións”, denuncia. “E, ao final, os veciños desisten porque gastan máis dando voltas que polo diñeiro que lle van dar ao final”, di.
Chandebrito está actuando pola súa conta. Xa non só é abrir a súa propia oficina. A fin de semana pasada decidiron organizar un concerto solidario para a familia que aínda segue desprazada tras arderlle a casa. Un concerto solidario no que se recadaron 3.125 euros que foron íntegramente para Noe e Victoria, os afectados. “O concello buscoulle casa e alimentos, pero a Xunta deixounos tirados”, lamenta.
Tamén nas Neves
Nesta parroquia, de 130 casas e máis 550 veciños, hai 50 familias que teñen algo que reclamar; galpóns, casas ardidas ou afectadas, maquinaria agrícola perdida. Unha situación semellante vívese nas Neves, outro dos concellos máis afectados. Alí 154 vivendas resultaron danadas, 35 delas queimaron completamente --5 eran primeira vivenda e o resto segunda vivenda ou desocupadas--, seis tiveron danos graves e as outras de diversa consideración. Tamén arderon 200 alpendres, 35 garaxes, 800 parcelas forestais e a produción de varias adegas de viño.
Alejandro Martínez, impulsor da Sociedad Cooperativa Agraria Condado-Paradanta, recoñece a dificultade da Xunta para sacar unha batería de axudas acomodadas a todos os afectados. E tamén pon o aceno na rigurosidade dalgún punto da orde. “Hai xente que ten alpendres sen licencia de obra e, agora, non llos queren regularizar”, apunta.
Por iso, tamén sinala aos concellos, e en concreto ao das Neves, para que axilice o antes posible os trámites municipais e que a taxa a pagar sexa mínima ou “case simbólica”. “As persoas que perdemos nos lumes propiedades non tivemos a culpa dese desastre e, agora, para arranxar calquera cousa, hai que pedir unha licencia de obra que tardará o seu e terá un custe. Por iso pedimos algo simbólico”, sinala en declaracións aGC.
“Antes eramos emprendedores e agora somos reemprendedores”, indica este cooperativista que perdeu unha nave, varios panais e cultivos de froita do bosque. No seu caso, o veterinario de Extensión Agraria de Ponteareas estivo o pasado venres na súa explotación para valoración de danos na comea.
“É prematuro falar de se as axudas chegarán a todos e tamén se o que se nos queimou estaba todo legalizado. As administracións teñen que ser máis áxiles; tanto a local como a autonómica neste tipo de casos”, indica. Tamén recoñece que polas Neves pasaron xa técnicos da Xunta para informar de todo, “aínda que para algunha xente vella sexa difícil de entender o dos papeleos” e apunta que tamén o concello creou un grupo de voluntarios que está falando coa xente afectada “ara botar unha man”.
Críticas municipais
Pola súa banda, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, tamén comparte as críticas dos veciños. “Os requisitos da Xunta e as dotacións ecnómicas son insuficientes e restrictivas en canto ao cumplimento dos requisitos” di ao tempo que agura que todo o proceso de tramitación “vai traer problemas”.
Así, indica que as liñas de axuda que teñen que ver co medio rural; superficies forestais queimadas, superficies agrarias, superficies empresariais, van ser difíciles de cumprir. “Moita xente vai quedar sen nada”, aventura. Tamén critica que non se teña en conta na orde elementos do patrimonio como son os canastros, 73 dos cales se viron afectados no seu concello.
“A orde actual é inaceptable e por iso hai que repensar a liña de axuda”, di ao lembrar que, ademais, o Goberno central declarou Galicia e Asturias Zona de Emerxencia Civil e destinará unha dotación de 13,1 millóns ás dúas autonomáis. “Algo insignificante para o desastre que vivimos pero que, en todo caso, ten que servir para repensar os ámbitos de cobertura das axudas e tamén unha ampliación do prazo porque hai moita xente que non vai dar reunida a documentación”.
Xosé Manuel Rodríguez di que estes días xa teñen na oficina municipal máis de 200 citas e agarda ter que atender sobre 1.000 persoas que pedirán axudas. Ademais, avanza que, para facilitar a perceción de axudas, pois “axilizarase” a tramitación de expedientes de obra e se buscará a total gratuidade de todas as taxas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.