Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/11/2017 | Actualizada ás 15:17
No Instituto Español de Oceanografía (IEO) hai malestar polas opinións vertidas por algúns representantes do sector pesqueiro galego no xornal La Voz de Galicia, nas que cuestionan a súa dedicación e labor en relación coa investigación pesqueira. "Sen ánimo de polemizar", din desde este organismo científico, o IEO considera "necesario" responder estas opinións, "absolutamente respectables" pero, ao seu xuízo, "inexactas", co "rigor e seriedade que debe facelo unha institución científica", é dicir, "con datos obxectivos e con cifras concretas".
"A dedicación e achega do IEO ao seguimento e estudo científico da actividade pesqueira española, dentro da cal a galega é particularmente importante, é moi notable, superando a cifra de nove 9 millóns de euros anuais, que son integramente asumidos polo IEO con cargo ao seu orzamento ordinario, sen custo directo algún para o sector pesqueiro", subliñan desde este organismo estatal, que conta con dous importantes centros de investigación en Galicia: o Centro Oceanográfico de Vigo e o da Coruña.
A estes 9 millóns de euros, proseguen, "hai que engadir os salarios do persoal do IEO dedicado a investigación pesqueira, que, sumando todas as categorías profesionais representan máis de 6 millóns de euros brutos anuais".
Así, a cifra total que o IEO dedica ao sector pesqueiro é superior aos 15 millóns de euros anuais.
Agás as actividades realizadas no Mediterráneo, esta "importante achega e investimento de recursos" lévase a cabo en "pequerías nas que a frota galega é maioritaria ou ten unha representación numérica moi significativa", salienta o IEO nun comunicado enviado este venres.
O IEO destaca, ademais, que "emprega o equivalente a 417 investigadores/ano para participar nunha media de 55 reunións internacionais anuais, nas que se avalían máis de 150 stocks diferentes e emítense recomendacións científicas e técnicas de xestión das súas pequerías, así como para realizar unhas 60 campañas de investigación pesqueira ao ano, en todas as rexións do mundo onde faena a frota española, cunha duración anual total de preto de 850 días de mar".
Ademais, o IEO elabora "arredor de 100 informes anuais de asesoramento pesqueiro para a Secretaría General de Pesca (SGP) e para outras administracións europeas, autonómicas e locais".
A todo isto, engaden, súmase tamén o mantemento dunha "rede de mostraxe nos principais portos de descarga do litoral español e nalgúns portos estranxeiros, encargándose tamén de supervisar os traballos e a análise dos datos colleitados polos observadores científicos que desenvolven o seu labor a bordo de buques comerciais, en cumprimento das normativas internacionais adoptadas polas diferentes Organizacións Rexionais de Pesca (ORPs)".
Igualmente, o Instituto remarca os "numerosos proxectos de investigación pesqueira, ou relacionados con ela, cuxo número vixente en 2017 é de 102".
En todas estas actividades, explican, "o IEO sempre defendeu os intereses de España e do sector pesqueiro nacional, atendendo os principios de rigor científico e de obxectividade cos que está comprometido, e en cumprimento dos obxectivos de xestión sustentable dos recursos pesqueiros marcados polas Administracións Pesqueiras competentes e polas distintas ORPs nas que ostenta a representación científica de España".
Para visualizar toda esta labor, aportan o seguinte cadro, no que se detallan as actividades rutineiras desenvolvidas polo IEO (cifras de anos diferentes) de forma exclusiva no campo da investigación e o asesoramento científico sobre pesquerías.
O IEO responde deste xeito o artigo publicado o pasado 13 de novembro en La Voz de Galicia titulado "La pesca gallega suspira por un AZTI", moi crítico con este organismo e no que se afirma que este Instituto xa non presta atención ao sector pesqueiro galego, opinión que o propio IEO rebate con datos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.