Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/11/2017 | Actualizada ás 14:16
Facebook, coa súa particular 'regra de xogo, decidiu censurar a promoción do tráiler de Nove de Novembro, o primeiro filme gai en galego A rede social alega “contido inapropiado” para restrinxir a promoción do video, que non contén espidos mais si o bico entre dous homes.
Onte fíxose público o trailer de adianto de Nove de Novembro. A peza de video, que foi difundida dende a mañá por redes sociais, topouse cun inesperado inconveniente á hora de se promocionar en Facebook. “Cando lanzamos en redes noticias ou adiantos importantes sobre o filme, acostumamos poñer pequenas cantidades de diñeiro ás publicacións para que cheguen a máis xente” explica o seu director, Lázaro Louzao, sobre a estratexia publicitaria en redes.
Facebook —a rede social máis popular no mundo— acostuma revisar os contidos que se publican de forma automática, a través de algoritmos e programas informáticos de recoñecemento de imaxe. No aviso enviado por Facebook explicase que o video de Nove de Novembro non cumpre cas súas políticas de publicidade por conter “cantidades excesivas de pel” ou “contido suxestivo”.
“Cando me chegou o aviso de que non se aprobaba a promoción da publicación supuxen que sería por un fallo do programa co que revisan as publicacións”, explica Louzao, que reclamou a restrición aplicada pola rede social.
“Reclamei que se o programa recoñecía moita pel na imaxe era porque había primeiros planos das caras dos protagonistas, porque de feito non saen espidos en ningún momento”, afirma o director do filme.
Nun primeiro momento a rede social aceptou a reclamación, feita por este novo cineasta, para logo volver restrinxir o seu contido unha hora despois. “Pensei que quedara todo resolto, pero despois deron marcha atrás", comenta o director.
"Xa non é a primeira vez que Facebook ten problemas para aceptar contidos LGTB na súa páxina”, denuncia Louzao.
O certo é que a política de contidos de Facebook e os seus algoritmos teñen xerado enorme controversia, xa que, por exemplo, permite noticas falsas —moitas delas, colocadas nos primeiros postos entre as máis visibles— ou contidos racistas e xenófobos, mentres elimina contidos de contido erótico, nais dando o peito ou mesmo contidos relacionados co mundo gai.
O debate está aberto desde hai tempo, xa non só polo tipo de contidos que Facebook acepta ou suprime, senón por un dereito fundamental como é o da liberdade de expresión e de información.
TRÁILER
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.