Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/11/2017 | Actualizada ás 14:00
Miguel Ángel Martínez Novoa leva máis dun mes en prisión. É o único arrestado relacionado coa vaga de incendios que, segundo as últimas cifras da Xunta, queimou case 50.000 hectáreas en Galicia a mediados de outubro. Miguel Ángel é responsable, por unha imprudencia, da queima de menos dunha hectárea nunha leira da súa propiedade en Os Blancos (Ourense) cando estaba asando chourizo. A súa contorna denuncia agora "dilatación" no proceso xudicial e mantén que "é un cabeza de turco".
Miguel Ángel segue no cárcere á espera de que a Audiencia Provincial de Ourense resolva sobre o seu recurso contra a decisión de envialo a prisión cautelar sen fianza. A indignación dos familiares e amigos vai aumentando a medida que pasa o tempo e non se lle dá unha solución ao seu caso. De feito, din, "a semana pasada o seu avogado formulou unha protesta porque nin sequera contestaron o recurso presentado; están dilatando o proceso todo o que poden", denuncia Manuel García, presidente do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) e amigo do detido, home recoñecido no mundo do ecoloxismo en Galicia.
"Mantéñeno en prisión e non hai visos de que o vaian soltar", lamenta García, quen falou recentemente con Miguel Ángel nunha das visitas ás que ten dereito, unha á semana, 40 minutos. "Está moi agobiado porque están dilatando os prazos. Non sabemos nin sequera cando pode haber xuízo", explica o presidente de MEL, quen ve "indignante que se lle pida 20.000 euros a Miguel polos danos do lume na súa propia leira; normalmente a xente que comete imprudencias coma esta lle piden 500, 700 euros de multa por danos", compara.
ANTECEDENTES POR OUTRAS QUEIMAS?
Nalgúns medios de información e en redes sociais acusouse a Miguel Ángel de ter "antecedentes por outras queimas de restrollos", un agravante que nega categoricamente o acusado. "Iso é totalmente falso", asegura. Preguntado por Manuel García, o detido recoñece ter no seu historial un par de condenas, pero que nada teñen que ver co lume.
"Falei con Miguel e comentoume que iso que se di de que ten antecedentes por queimas é totalmente falso. Non hai papel algún nin xuízo algún que demostren iso que se dixo nalgúns medios. O único que me di que hai é unha liorta cun veciño, ao que tivo que pagar 1.200 euros por un conflito cunhas obras e ao que o fillo de Miguel fixo unha pintada no seu muro; e logo outro conflito co seu irmán, por unha cuestión familiar, pola que foi denunciado por este; pero nada máis, nada que ver con queimas", comenta Manuel García, moi crítico con algúns xornais.
CRÍTICAS Á GUARDIA CIVIL E A FEIJÓO
As críticas tamén van dirixidas á Guardia Civil, "polo trato indigno" que, din, lle deron os axentes a Miguel Ángel, quen asegura que o día que foi trasladado a prisión "foi esposado xusto antes de ser baixado do furgón para que saíse na foto", denuncia o presidente do Movemento Ecoloxista da Limia logo de falar con el.
A isto suman as queixas por como foi detido Miguel Ángel, "derrubado e tirado ao chan polos axentes da Guardia Civil, coma se fose un terrorista", logo de que este "se presentase voluntariamente no cuartel", segundo a versión do arrestado e da súa contorna, que tamén criticou a actuación das forzas e corpos de seguridade por "non teren ido a recoller proba algunha á leira" de Miguel Ángel. "Alí puidemos comprobar que quedaron as probas que constatan a versión de Miguel, que foi unha imprudencia e que fixo canto puido por parar o lume", di Manuel García.
Nunha entrevista con este xornal, a filla do arrestado xa denunciara que "ninguén foi investigar, a recoller probas, todo seguía no seu sitio como quedou polo lume" e preguntábase: "Como van investigar os incendios se nin sequera recollen probas?".
Tampouco se libra das críticas o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen deu a entender que “hai algo máis” e que Miguel Ángel non está en prisión por “asar uns chourizos”.
“Se o problema fose só asar uns chourizos...”, dixo Feijóo hai algo máis de dúas semanas, preguntado por GC. “Trátase de algo máis”, engadiu o presidente, pero sen aportar dato ou información algunha ao respecto.
O presidente da Xunta tamén foi moi crítico “cos que están a favor dun incendiario e non doutros”. “Hai que chamar a atención sobre determinados posicionamentos políticos”, dixo en relación aos apoios que o detido tivo do movemento ecoloxista e de formacións políticas de esquerdas.
Isto motivou malestar na familia e amigos de Miguel Ángel, xa que, insisten, "non é un incendiario", polo que consideran "inaceptables" as palabras de Feijóo.
"Miguel cometeu unha imprudencia, iso ninguén o nega, pero queimou a súa propia leira; non é un incendiario, e menos aínda un incendiario reincidente, como din Feijóo e algúns medios. Estanlle arruinando a vida", conclúe Manuel García.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.