Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 28/11/2017 | Actualizada ás 13:14
O ex-ministro de Fomento e actual europdeputado socialista José Blanco di ter "ganas de ir" á comisión de investigación creada no Congreso dos Deputados en Madrid sobre o accidente mortal do tren Alvia ocorrido o 24 de xullo de 2013 no barrio de Angrois, á entrada de Santiago de Compostela.
Nun encontro no Parlamento Europeo de varios eurodeputados galegos e portugueses, Blanco, Blanco asegurou aos xornalistas que se non declarou antes foi "por coherencia polítca". "Con vinte anos como dirixente político do PSOE sempre defendín deixar falar aos xuíces antes de ir a comisións de investigacións. Pero agora, unha vez aprobada esta comisión, considero que teño que ir", defendeu o ex-ministro.
Neste sentido, incidiu: "Agora que hai unha comisión de investigación no Parlamento, teño ganas de ir".
Sobre o proceso xudicial aberto, tamén comenta que "serán as investigacións as que determinarán se houbo ou non responsabilidades políticas" no accidente, que se cobrou 80 mortos e 144 feridos.
Con todo, defendeu o seu labor como ministro de Fomento: "O que fixen foi garantir altos recursos para que a alta velocidade se executase en Galicia, como así se fixo", argüíu Blanco.
En decembro do 2011, cando exercía de ministro de Fomento en funcións, Blanco e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inauguraron a liña de alta velocidade entre A Coruña, Santiago de Compostela e Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.