Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2017 | Actualizada ás 13:53
O eurodeputado socialista José Blanco reiterou a súa disposición a comparecer na comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois que, en xullo de 2013 en Santiago de Compostela, deixou 80 mortos e máis dun centenar de feridos.
"É a miña obriga se así mo requiren", afirmou este sábado o que foi ministro de Fomento entre 2009 e 2011 a preguntas dos medios durante un acto organizado na capital galega polo sindicato Unións Agrarias (UU.AA.).
Así, o político lucense indicou que a súa "única responsabilidade política" en relación á alta velocidade ferroviaria de Galicia "foi garantir os recursos orzamentarios" para "blindar" a súa chegada.
"Eu estou disposto, por suposto, a comparecer. Non soamente a iso, creo que unha vez que se constitúa a comisión de investigación se deben clarificar algunhas cousas, algunhas sospeitas que se están alimentando que non teñen fundamento", incidiu Blanco.
O Congreso dos Deputados aprobou o pasado 28 de setembro a creación dunha comisión de investigación sobre as causas do accidente ferroviario de Angrois de 2013 cos votos favorables de PSOE, Unidos Podemos e Cidadáns. Só PP, UPN e Foro votaron en contra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.