Pontón fixa o próximo 25 de xullo como data para que o BNG teña decididos os seus candidatos nas municipais

Carga contra Feijóo, ao que ve "absolutamente cohibido" con Rajoy, e chama a PSdeG e En Marea a aparcar "os seus problemas internos"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2017 | Actualizada ás 17:18 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixou o próximo 25 de xullo, 'Día da Patria Galega', como data ideal para que a formación frontista teña definidos os seus candidatos para as eleccións municipais previstas para a primavera de 2019.

A portavoz do BNG no Parlamento, Ana Pontón
A portavoz do BNG no Parlamento, Ana Pontón | Fonte: Europa Press

Fíxoo nunha entrevista este domingo na Cadea Ser na que Pontón deu por feito que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, volverá presentarse. Ademais, avanzou que haberá "algunha sorpresa" nos nomes que representarán ao Bloque nas eleccións locais.

En clave interna, a líder frontista indicou que o BNG atravesa un bo momento e saíu do paso após uns momentos difíciles. "A militancia do BNG acerta. Se o BNG non existise, habería que inventalo", manifestou Pontón que, a continuación, engadiu que Galicia "necesita" ao partido nacionalista.

Por outra banda, criticou a "folga de brazos caídos" coa que identifica os últimos movementos do executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo, ao que ve "incapaz" de ofrecer unha "proposta de futuro" para Galicia.

"Temos un presidente absolutamente cohibido con Mariano Rajoy, incapaz de defender os intereses de Galicia e isto estanos saíndo por un auténtico ollo da cara", declarou, para logo instar a Feijóo a seguir o exemplo dos presidentes da Comunidade Valenciana ou Estremadura, que "saen á rúa" para reclamar un financiamento "máis xusto".

Segundo Pontón, Galicia necesita unha forza política capaz de pór á comunidade no mapa e defender os intereses da súa cidadanía. "Asómbrome de como podemos ter tantas malas noticias nos últimos tempos como os recortes nos investimentos do estado, o atraso da chegada da AVE, a exclusión de Galicia do financiamiento do corredor atlántico, a negativa á transferencia da AP9 ao mesmo tempo que se anuncia unha subida das peaxes", concluíu.

RELACIÓNS CON EN MAREA E PSDEG

Por último, Ana Pontón fixo referencia á relación do BNG cos outros grupos da oposición no Parlamento galego, cos que a formación frontista "está a tentar tecer alianzas" en "temas chave para o país como a AP-9", aínda que lamenta que estas non alcanzasen "moito éxito".

"Espero que En Marea e PSdeG deixen atrás os seus problemas internos porque aquí non sobra ninguén e este país necesita que lle dean esperanza", remarcou Pontón.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta