Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 12/12/2017 | Actualizada ás 23:44
A académica, cineasta e catedrática Margarita Ledo Andión vén de converterse na primeira muller á que se lle outorga o Premio Otero Pedrayo nos 40 anos de historia deste galardón. A proposta, que foi aprobada por unanimidade, foi realizada pola Deputación de Pontevedra, entidade encargada de convocar e conceder o premio na edición 2017.
“Hoxe é un día feliz para a Deputación de Pontevedra e para a cultura galega, porque por primeira vez se lle concede este premio a unha muller, por méritos máis que sobrados e pola súa capacidade de defensa do idioma e da cultura galega“, asegurou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. Segundo informou a institución provincial, Silval e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, foron os encargados de transmitirlle telefonicamente a noticia á propia Margarita Ledo ao remate da xuntanza do xurado.
Na conversa, Carmela Silva, ademais de felicitala, aproveitou para comentarlle á gañadora que “houbo moitísimas intervencións durante a reunión, porque todos os membros do xurado quixeron intervir e falaron con moitísimo agarimo e con moitísimo respecto sobre a túa traxectoria”. “Saímos todos e todas felices, como se o premio fose noso, sobre todo as mulleres”, dixo.
Pola súa banda o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, quixo trasladarlle os parabéns “por ser pioneira unha vez máis”. Leal insistiu en que “moitas veces ser pioneira só se valora con perspectiva, e eu creo que o premio deste ano vai abrir un camiño para que a visibilidade da muller estea máis presente en todas as facetas da cultura”.
CULTURA GALEGA
No informe da súa proposta, a Deputación de Pontevedra destacou especialmente de Margarita Ledo Andión “a súa traxectoria vital, profesional e intelectual marcada pola súa temperá militancia política, o exilio e o lectorado de galego na Facultade de Letras da Universidade de Porto, o xornalismo comprometido e as primeiras investigacións sobre as relacións dos intelectuais republicanos portugueses e galegos.”
Tamén salientou que “foi pioneira en centrarse en investigacións e xéneros audiovisuais que non estaban desenvolvidos na Galiza e sempre tendo presente a perspectiva de xénero en todos os seus traballos, investigacións e intervencións públicas.” Por último, tamén se referenciou que “foi unha defensora, a través de toda a súa traxectoria, do idioma galego con valor identitario e cultural de seu, e en pé de igualdade cos demais idiomas da península Ibérica e do mundo.”
LONGA TRAXECTORIA
Margarita Ledo Andión naceu en Castro de Rei, Lugo, no ano 1951, e é escritora, cineasta, doutora en Ciencias da Información pola Universitat Autònoma de Barcelona e Catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. É membro da Real Academia Galega desde o ano 2009, converténdose na quinta muller membro desta institución. Ademais ocupa a cadeira que entre 1929 e 1976 ocupara o gran escritor Ramón Otero Pedrayo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.