Temas: XUSTIZA FOLGA

Os sindicatos elevan a un 90% o seguimento da folga na Xustiza en Galicia e a Xunta redúceo a un 46,9%

Vicepresidencia resalta que os servizos mínimos se cumpren "na súa totalidade" e "non hai constancia de incidencias de relevancia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2017 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

Os sindicatos convocantes dunha nova xornada de folga na Administración de Xustiza de Galicia este mércores cifran o seguimento medio nun 90%, mentres que a Xunta reduce o apoio ao 46,97 por cento.

Xornada de folga na Xustiza galega
Xornada de folga na Xustiza galega | Fonte: @alternativaxus.

Fontes sindicais sinalaron que a convocatoria realizada por SPJ USO, UXT, CIG, CSIF, CC.OO., STAJ e CUT en Galicia rexistrou un seguimento medio do 89,92%. Por cidades, indicaron que Vigo tivo un 92% de apoio; A Coruña, un 93,5%; Pontevedra, un 95%; Santiago, un 80%; Ourense, un 93,6%; Ferrol, un 85%; e Lugo, un 85%.

Pola súa banda, a Vicepresidencia da Xunta sinalou nun comunicado de prensa que por provincias o seguimento da folga na Coruña foi do 45%; en Lugo, do 35,56%; en Ourense, do 56,57%; e en Pontevedra, do 50%.

Ademais, a Xunta resaltou que os servizos mínimos están a cumprirse "na súa totalidade" e "non hai constancia de incidencias de relevancia". "En todos os casos, o cumprimento dos servizos mínimos decretados foi do 100%", abundou.

Polo seu lado, o comité de folga destacou que na convocatoria de folga deste mércores houbo "moito máis seguimento" que no paro do pasado 1 de decembro. Segundo resaltaron fontes sindicais, producíronse "moitas suspensións de xuízos" en Galicia.

Xulgados pechados na Coruña por folga na Xustiza galega
Xulgados pechados na Coruña por folga na Xustiza galega | Fonte: @alternativaxus.

Por iso, a plataforma sindical valora que os traballadores toman "máis conciencia" da situación en Galicia ante as reivindicacións de melloras salariais e sociais para equiparse a funcionarios de Xustiza doutras comunidades autónomas.

MOBILIZACIÓNS

No marco da nova xornada de folga, os sindicatos levaron a cabo manifestacións nas cidades da Coruña, Vigo e Pontevedra, ademais de concentracións en Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Ourense.

En concreto, na cidade de Vigo unhas 250 persoas sumáronse á mobilización deste mércores, que transcorreu sen incidentes, como na pasada convocatoria por diversas rúas da cidade olívica.

Na Coruña, centos de funcionarios da Administración de Xustiza marcharon polas rúas da cidade herculina para protestar contra o que consideran a súa "discriminación laboral" en distintos aspectos salariais e sociais con respecto a funcionarios doutras comunidades autónomas.

Após unha pancarta coa lema unitario 'Non á discriminación laboral da Xustiza galega', os funcionarios partiron da antiga Audiencia Provincial da Coruña mentres coreaban consignas dirixidas cara ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. Así, "Rueda escoita, xustiza en loita" ou "Conselleiro, mentireiro" foron algúns dos cánticos que corearon na protesta.

Javier Fernández, de Alternativa da Xustiza, tachou de "hipócrita" ao conselleiro Alfonso Rueda xa que "non hai intención de diálogo" de cara a mellorar a situación laboral destes funcionarios.

En canto ao seguimento da folga na Coruña, sitúase no 93,5%, segundo indicou este representante sindical, que destacou a suspensión de case todos os xuízos previstos para este mércores.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza citou aos sindicatos para unha nova reunión o día 20, co fin de "seguir dialogando co obxectivo de chegar a un acordo".

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta