Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/12/2017 | Actualizada ás 08:35
Non hai Consello da Xunta no que o Goberno galego non anuncie axudas para os emprendedores. E, a pesar diso, durante o 2016 descendeu o indicador TEA, o que sinala o nivel de actividade emprendedora de iniciativas nacentes (de menos de tres meses) e das novas (cunha antigüidade de entre 3 meses e 3 anos e medio de actividade) medido en relación coa poboación de 18 a 64 anos. Este nivel TEA (Total Early-stage Entrepreneurial Activity) situouse deste xeito en 3,99 puntos porcentuais, fronte aos 5,51 de 2015. Neste mesmo contexto, a ratio TEA feminina supera á masculina por vez primeira en dez anos contribuíndo a amortiguar a caída da taxa de emprendemento.
A profesora Isabel Neira, directora técnica do equipo GEM Galicia responsable deste estudo, explicou na presentación de resultados celebrada este luns no Centro de Estudos Avanzados da USC (CEA) que o descenso estivo motivado “fundamentalmente pola caída da actividade emprendedora por necesidade, máis acusada no caso dos varóns”.
EMPEORA A PERCEPCIÓN DO EMPRENDEMENTO
Segundo a investigadora, en termos xerais “empeora a valoración global da contorna para emprender en Galicia por parte das persoas expertas con respecto a 2015 e en relación con España”. O informe do equipo da USC responsable do estudo estima que o apoio financeiro (38,89) e as políticas do goberno (11,11%) “mantéñense como os dous principais obstáculos á actividade emprendedora”. Segundo as persoas expertas entrevistadas, a mellora das características da forza laboral (22,86%) constituiría o principal estímulo á actividade emprendedora en Galicia. Ademais, a mellora do apoio financeiro (28,57%) mantense como principal recomendación para mellorar o ecosistema emprendedor galego, segundo este estudo.
Por contra, a actividade emprendedora que se inicia por oportunidade continúa a ser a principal motivación para a apertura dun negocio en Galicia durante 2016 e “ de feito incrementa a súa importancia, sendo a vontade de autonomía laboral a súa principal causa” explica a profesora Neira. Pola contra, os proxectos iniciados por necesidade “continúan a ser cada vez menos relevantes como motor do emprendemento galego”, engade o estudo.
Do mesmo xeito, descende igualmente a taxa de abandono en Galicia durante 2016, sendo o principal motivo do peche a rendabilidade insuficiente do negocio. Como se puxo de manifesto na xornada de presentación celebrada no CEA a caída da taxa de actividade emprendedora leva consigo un lixeiro descenso na percepción de oportunidade para emprender: se en 2015 o 21,02% perciben as oportunidade para emprender, un ano despois baixa ao 20,81%. O temor ao fracaso mantense como a barreira máis relevante entre a poboación xeral á hora de iniciar unha actividade emprendedora, alcanzando en 2016 o seu máximo (53,67%). Neste mesmo contexto, Isabel Neira destacou tamén o “importante descenso” na identificación de oportunidades para emprender entre persoas emprendedoras potenciais, do 37,45% en 2015 a 27,74% o pasado ano.
E QUEN EMPRENDE?
No caso de quen se atopa nunha fase incipiente, quen emprende son persoas de aproximadamente 44 anos cun nivel de estudos obrigatorios sen formación específica para emprender na maioría dos casos. O seu nivel de ingresos oscila entre 30.000 e 40.000 euros e a maioría son persoas empregadas a tempo completo procedentes, fundamentalmente, do ámbito urbano. No caso do emprendemento potencial, o informe identifica a unha persoa de aproximadamente 39 anos cun nivel de renda media inferior a 10.000 euros. Finalmente, o emprendemento en fase de consolidación asóciase con varóns cunha media de idade de 48 anos e un nivel de renda entre 10.000 e 20.000 euros.
MÁIS AS MULLERES
Aínda que por vez primeira en dez anos o TEA feminino superou ao masculino, mantense por debaixo da media española (4,04% en Galicia fronte ao 4,66 de España). A porcentaxe de mulleres emprendedoras con estudos universitarios continúa a ser superior á dos varóns (un 26,75% fronte a un 20,44%). O informe tamén identifica “unha certa consolidación das iniciativas emprendedoras lideradas por mulleres, que adoitan emprender cando teñen entre 25 e 44 anos, estudos superiores e formación específica para facelo, perciben rendas anuais por riba dos 30.000 euros e manteñen un fogar de entre 3 e 4 membros”. Soe ser unha actividade emprendedora urbana, do sector servizos de consumo no que traballan con dedicación exclusiva. Igualmente, adoitan ser as únicas propietarias de empresas que, por outra banda, “comezan a ter capacidade de creación de emprego, malia que estean situadas en sectores non tecnolóxicos e con pouca capacidade de internacionalización”.
A actividade onde maioritariamente inician a súa actividade as persoas emprendedoras con estudos universitarios desprázase do sector servizos a empresas ao de servizos de consumo. O informe destaca que nesta edición un 60,05% das persoas emprendedoras con estudos universitarios manifesta ter entre 1 e 5 persoas empregadas, dato que descende ata o 42,22% para as persoas emprendedoras sen formación universitaria.
A pesar do predominio de baixo ou nulo nivel tecnolóxico, entre quen menciona empregar tecnoloxías novas ou recentes, constátase unha diferencia significativa en favor das iniciativas de persoas con titulación universitaria. O informe tampouco observa melloría algunha na percepción de oportunidades para emprender, “máis curiosamente, é perceptible unha certa caída no medo ao fracaso en todos os casos, en particular, no de persoas emprendedoras con estudos universitarios esta cifra cae do 52,48% en 2015 ao 36,90% un ano despois”.
PROXECTO GEM
O proxecto GEM é o máis importante observatorio sobre a actividade emprendedora a nivel mundial. O elemento clave que caracteriza e diferenza estas doutras fontes de información sobre o fenómeno emprendedor ou a creación de empresas é a utilización dunha metodoloxía de investigación propia e común en todos os países e rexións participantes, o que permite proporcionar información comparable entre territorios.
Dende 2005 existe un equipo GEM Galicia liderado por un equipo de investigación pertencente á USC e tendo o seu principal apoio económica no Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). En 2016, o organismo autonómico asinou un convenio polo que o equipo da USC, ademais da dirección técnica, asume a dirección do equipo GEM Galicia.
A nivel de España o proxecto lidérao o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) sobre a base dunha Rede Española de Equipos Rexionais GEM e co apoio de institucións, empresas e organizacións. O proxecto GEM Galicia conta tamén co apoio da Secretaría Xeral de Universidades, da Xunta de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.