Temas: CóMIC NOVELA

Opinións dun pallaso

A nova novela gráfica de Martín Romero amplía as perspectivas da súa obra sen renunciar ás súas claves creativas.

Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 19/12/2017 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

Título: La deuda

Portada de La Deuda, de Martín Romero
Portada de La Deuda, de Martín Romero

Editorial: La Cúpula

Ano: 2017

Benjamín Castaño é un cómico fracasado que contraeu unha débeda á que agora non pode facer fronte. A súa nai acaba de morrer. De volta na súa aldea natal e tras reencontrarse cos antigos veciños e cun amor de xuventude, Castaño volve a vista atrás e cavila ata onde o levaron as decisións que foi tomando dende a súa mocidade. Martín Romero sitúa ao protagonista do seu novo traballo nunha encrucillada na que os erros do pasado se suman ás urxencias do presente.

La deuda retrata un momento crítico semellante ao que o propio Romero abordara en Las fabulosas crónicas del ratón taciturno (Apa Apa/Sins entido, 2011), no que o protagonista debía abandonar unha infancia nada idílica para ingresar nunha adolescencia que non parecía menos complicada. Benjamín Castaño atópase tamén nunha inflexión vital, o intre no que o pasamento dos pais forza a entrada na madurez e obriga a facer balance. La deuda tenta dilucidar se Castaño sairá a flote ou afundirá definitivamente.

Ademais de recorrer á figura do pallaso triste, Romero introduce un segundo personaxe, un cobrador do frac que persegue ao protagonista a todas partes, que lle permite situar o relato nun terreo fronteirizo, entre realismo e caricatura, entre comedia e traxedia. A historia deste rapaz que acepta un traballo tan humillante para el como para a súa vítima válelle ao autor para deslizar un comentario irónico sobre o sistema económico actual, que reserva infratraballos para os máis novos ao mesmo tempo que deixa á intemperie aos parados de mediana idade. La deuda prescinde do onirismo que impregna case toda a obra previa de Romero e que resultaba especialmente notorio nos Episodios lunares (Reino de Cordelia/Vidas de Papel, 2015), relatos breves que revisaban dende a súa persoal ollada algúns dos lugares comúns do relato fantástico. Mantense o ton melancólico, mais trasládase a un contexto máis real. O retrato de nós mesmos que se nos ofrece é menos metafórico, máis próximo.

O relato desemboca nun lance final que se presenta como unha cita case literal de Cans de palla de Sam Peckimpah, mais non é a masculinidade do protagonista, senón a súa dignidade, o que está en cuestión. La deuda engaiola pola súa economía narrativa, un debuxo de trazos simples capaz de evocar por igual o aquel nostálxico do canadense Seth e o negror de Charles Burns. Romero constrúe o seu relato con silencios persistentes, cunha sutil variedade de rexistros e un pulso narrativo perfecto. Tres títulos publicados abóndanlle a Martín Romero para proxectarse como un autor consolidado, cunha voz definida e un espazo de seu no noso panorama creativo.

Temas: CóMIC NOVELA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta