Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/12/2017 | Actualizada ás 09:00
Un de cada 5 metros cadrados de solo galego está ocupado por un eucalipto. Esta especie pirófita espallouse até atinxir máis de medio millón de hectáreas –o 17% do territorio galego-. Pero non o fixo soa. "A colonización dos nosos montes viu auspiciada por unhas políticas planificadas e perversas de abandono do medio rural e das terras agrarias para a súa posterior eucaliptización, até o de agora para abastecer a ENCE mais, a partir de agora, tamén para alimentar as plantas de biomasa". É a denuncia que fan distintas entidades ecoloxistas.
Por iso, e coa intención de erradicar esta especie, puxeron en marcha unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”. Esta campaña, que se estenderá ata o mes de marzo, ten como obxectivo conseguir que chegue ao Parlamento co maior respaldo social acadado nunca por unha Iniciativa semellante, "dada a preocupación que a cuestión forestal suscita na sociedade galega".
Representantes de ADEGA, Fins Eirexas; FRUGA, Manoel Dacal e da CIG, Susana Méndez, en nome de 60 asociacións, presentaron a pasada semana “Cousa de Raíces”, a entidade impulsora da ILP que "pretende virar 180º as políticas de xestión dos nosos montes e do noso medio rural".
EUCALIPTO E LUME
"Estamos diante dunha situación que cómpre reverter porque as cifras oficiais amosan que a frecuencia coa que ocorren lumes nun eucaliptal é 3,55 veces superior aos lumes en masas de bosque autóctono. E mesmo supera a frecuencia de lumes en piñeirais, nun factor de 1,14", denunciaron. Así, suliñaron que os datos oficiais tamén amosan, no recente inquérito de estruturas de explotacións agrarias, que entre 2013 e 2016 desapareceron arredor de 3.400 explotacións e que se perderon, en superficie agraria útil, 34.000 hectáreas.
Deste xeito, unha das principais finalidades da ILP é conseguir que, ao igual que xa fixo Portugal, se decrete unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto e que se elimine dos espazos protexidos, Rede Natura e das terras de alto valor ecolóxico. Con todo, a ILP vai máis alá do Plan Forestal, que atinxe só á xestión dos montes, porque pretende unha nova xestión do medio rural no seu conxunto. Entre outras, a protección da biodiversidade de hábitats e especies; medidas para garantir a multifuncionalidade de usos; o fomento do arborado autóctono e mesmo que se elabore un catálogo de frondosas, pendente desde 1992, porque, "sen isto, non se pode planificar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.