Por Galicia Confidencial | Touro | 31/12/2017 | Actualizada ás 11:44
A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON critica a falta de transparencia do Goberno Local de Touro ao negarse a solicitar información sobre os voos VTEM (Versatile Time Electro-Magnetics) logo de que un gran aro metálico de detección xeofísica caíra neste concello a mediados de novembro.
No pleno celebrado este venres, o Goberno Local (PP) opúxose a dúas das tres mocións presentadas polo BNG en relación á mina, que si tiveron o apoio do grupo socialista. A primeira delas, relacionada cos voos de exploración xeolóxica instaba a olicitar á empresa promotora das investigacións os permisos en vigor para sobrevoar o concello e a altura á que debe facelo e denunciar calquera voo que se produza por debaixo da altura mínima permitida, ademais de solicitar á empresa que cese nas investigacións que afecten a lugares habitados ou de labor agrícola, susceptibles de causar vítimas de producirse nun futuro accidentes similares.
No debate da moción, o rexidor Ignacio Codesido manifestou que xa lle pediu á empresa que mandara unha copia dos permisos. “Temos os permisos ahí, dixéronme que non lle dera publicidade”, dixo. Finalmente, e sen que Codesido fixese públicos os permisos nin a información relativa á altura á que pode voar o helicóptero ou se pode ou non facelo a tan baixa altura sobre núcleos poboados, a moción foi rexeitada cos oito concelleiros do PP.
AUTORIZACIÓNS
A segunda moción presentada facía referencia aos sondeos, permitidos ou non, que a empresa promotora está realizando na contorna sen que o concello coñeza se conta coas autorizacións pertinentes. Algúns dos veciños presentes, segundo o BNG, puxeron en coñecemento do alcalde e da corporación que xa cursaron denuncias contra a empresa por realizar sondeos en propiedades privadas sen autorización.
Por iso, preguntaron ao rexedor se outorgou permiso á concesionaria dos dereitos mineiros para sondear en pistas, camiños e cunetas, feitos que Ignacio Codesido asegurou descoñecer. Con todo, aprobouse a moción que pide a suspensión cautelar dos sondeos mineiros que se están a realizar e demais labores, en tanto en canto non se realicen estudos hidrolóxicos e xeotécnicos que garantan que non se van ver afectados os acuíferos, pozos, cauces, fontes e demais recursos hídricos que abastecen á poboación e ás explotacións agrícolas.Tamé a suspensión inmediatadas das labores mineiras mencionadas en tanto que a empresa non dispoña de autorización de Augas de Galicia para a realización de sondaxes mineiras, en tanto que esta actividade require de título específico habilitante ao efecto.
Finalmente, rexeitouse a última das mocións relacionada coa mina que pedía que instaba ás Consellerías do Mar e de Economía, Emprego e Industria que se desestime a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael nº 1946, nin se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro.
A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON denuncia a falta de transparencia e os atrancos do Goberno Local de Codesido ante as peticións das veciñas e veciños preocupados por un proxecto que cada día suma novas oposicións e investigacións que poñen en dúbida a súa viabilidade, e lamenta que teñan que ser os veciños os que denuncien e teñan que buscar a información por outras vías no relativo aos permisos de voo, alturas legais para realizalos e tamén nos trámites para a denuncia do accidente e dos voos a baixa altura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.