VIGO | 08/01/2018 | Actualizada ás 18:51 por EUROPA PRESS
A Federación Rural Galega (Fruga) censura que a Consellería de Medio Rural fai "mera propaganda" ao dicir que en Galicia houbo unha importante subida do prezo do leite o pasado ano, xa que, asegurou, durante o ano 2017 foi "o máis baixo" de España.
Ademais, engadiu que as granxas galegas "seguen sendo as que menos cobran do Estado español", xa que a media nacional estivo en 0,334 euros no mes de novembro e en Galicia foi de 0,32 euros, o que non se pode justificar, dixo, "na escusa das calidades en graxa e proteína, xa que Galicia está ao mesmo nivel que a media".
Segundo denunciou, estas circunstancias supuxeron que o abandono de explotacións lácteas en Galicia fose "moi superior ao resto do Estado", co peche en 2017 de 424 gandarías galegas de leite, o que "representa o 57 por cento do total español". "Unha vez máis, somos os últimos no prezo do leite e os primeiros no número de peches", lamentou.
A iso agregou que de 2013 a 2016 Galicia perdeu 33.000 hectáreas de superficie agraria útil, en favor principalmente de plantacións forestais, "concretamente de eucaliptos". Un marco no que acusou á Xunta de "favorecer os intereses de empresas como Ence" fronte aos gandeiros, que precisan de "base territorial para abaratar custos de produción e favorecer a produción en base a terra".
Por todo isto, Fruga esixiu á Consellería de Medio Rural que "deixe de investir en propaganda", que deixe de porse "medallas mentres a Galicia rural se desangra" e que pare "a reforestación de terras agrarias, se realmente --quere-- favorecer a produción de leite a baixos custos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.