Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/01/2018 | Actualizada ás 18:16
A Plataforma Feminista Galega volve cargar contra o Goberno do PP por "reafirmar a súa falta de compromiso na loita pola igualdade". Así o consideran as activistas, que acusan ao Executivo de "negar o problema estrutural da violencia machista que asasina a miles de mulleres, só por seren mulleres".
As feministas instan a elaborar un novo prego para a xestión do 016 que non compatibilice a atención ás emerxencias das vítimas de violencia machista co asesoramento aos seus posibles agresores.
"Despois de conxelar o orzamento disposto no pacto contra a violencia machista, o que visiblemente non é considerado como un asunto de prioridade política, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade publica un prego que modifica por completo o obxectivo dun recurso específico contra a violencia machista que leva funcionando dende hai dez anos, o teléfono 016, teléfono de atención ás vítimas de maltrato por violencia de xénero. O PP inclúe un novo servizo que ofrece orientación e información aos homes en materia de igualdade, pervertendo completamente este recurso orientado ás vítimas", censuran as feministas.
Dende a Plataforma Feminista Galega considérano "un profundo erro que banaliza o obxectivo dun recurso necesario para as vítimas de violencia machista" e que "obriga a estas a compartir o mesmo cos seus agresores". Para as feministas, coa elaboración desta reforma, "o PP demostra de novo a súa incompetencia en materia de xénero".
Aínda que asumen e concordan en que son necesarios programas de prevención que inclúan asesoramento e información destinados a homes, as feministas ven "un grave disparate" e sobre todo unha "grande irresponsabilidade" por parte do Goberno do Estado, que o 016, un número de teléfono estipulado para atender emerxencias para vítimas de violencia machista, se utilice para outros fins.
A Plataforma Feminista Galega esixe que se retire de forma inmediata de dito prego de condicións e insta ao Goberno do PP a elaborar outro que non compatibilice a atención ás emerxencias das vítimas de violencia machista co asesoramento aos seus posibles agresores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.