Un tornado en Sanxenxo

A tempestade ocasionou múltiples estragos materiais en Noalla e Vilalonga. Vídeo no interior.

Por Galicia Confidencial | Sanxenxo | 10/01/2018 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

Meteogalicia, organismo dependente da Consellería Medio Ambiente, detectou un tornado na localidade pontevedresa de Sanxenxo que deixou varias desfeitas. Segundo o servizo meteorolóxico, o tornado foi detectado polo radar, pero descoñécese a súa intensidade concreta, debido a que non hai unha estación no punto no que se observou.

Efectos dun tornado no  CEIP Noalla de Sanxenxo
Efectos dun tornado no CEIP Noalla de Sanxenxo | Fonte: Raúl Villares, de Radio Galega.

O que si se sabe é que os ventos que se rexistraron na contorna de Sanxenxo, onde o tornado entrou pola zona de Portonovo, foron de 107 quilómetros por hora en Cabo Udra, 90 quilómetros por hora en Ons e 73 quilómetros por hora na Lanzada.

Os "ecos" do tornado desprazáronse cara ao municipio pontevedrés de Cotobade, pero segundo as mesmas fontes a este punto xa non chegaron ventos na forma de tornado, aínda que se rexistraron fortes saraibadas. 

Uns 50 alumos do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Noalla-Telleiro, de Sanxenxo, tiveron que ser desaloxados. Fontes da Consellería de Educación confirmaron aque se desprendeu parte do tellado do edificio, o que obrigou ao desaloxo e o que manterá suspendidas as clases esta xornada e a deste xoves, "por precaución".

Ademais, o temporal, que afectou con intensidade á provincia de Pontevedra á primeira hora da xornada deste mércores, obrigou a suspender algunhas liñas do transporte de ría entre Vigo e Cangas, como ocorreu coa Naviera Mar de Ons, aínda que só no tramo entre as 8 e as 11 horas.

Efectos dun tornado en Sanxenxo
Efectos dun tornado en Sanxenxo | Fonte: @SLXE_Sanxenxo.

ESTRAGOS

O tornado causou desfeitas en polo menos unha vintena de casas, un colexio e dúas industrias, e afectou tamén o paseo marítimo da praia da Lanzada.

O propio alcalde, Telmo Martín, fixo reconto in situ das desfeitas, principalmente nas parroquias de Noalla e Vilalonga. Das dúas industrias afectadas, unha delas é un serradoiro de pedra que perdeu gran parte do tellado e deixou á intemperie máquinas de gran valor.

Especialmente afectado resultou o CEIP O Telleiro que foi evacuado de maneira preventiva polos danos sufridos sen que se rexistraron feridos. Concretamente, tiveron que ser desaloxados ao redor de 150 alumnos que este xoves tampouco terán clase como medida de precaución.

Os servizos municipais de Emerxencias de Sanxenxo cualificaron este episodio como un "fenómeno atmosférico singular, probablemente unha tromba mariña" que entrou ás 9,40 horas pola praia da Lanzada arrincando 30 metros do paseo de madeira que voou até o recinto escolar do Telleiro. Alí, a intensidade do vento levantou tellas e parte da cuberta do pavillón deportivo e ocasionou danos nas persianas.

Respecto diso, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comentou durante un acto en Vigo que a localización deste colexio, á beira da praia da Lanzada, ten vantaxes pero tamén a desvantaxe de que "está exposto ás inclemencias" meteorolóxicas.

TERCEIRA VEZ

É a terceira ocasión na que un temporal esnaquiza o paseo construído pola Xunta na Lanzada, polo que Telmo Martín aconsellou aos técnicos que renuncien a construílo en tarima de madeira e opten por outros materiais respectuosos co medio ambiente.

Os efectivos dos bombeiros de Ribadumia e de Emerxencias de Sanxenxo interviñeron no lugar do Freixo, onde unha vivenda rexistrou danos importantes no tellado e nas xanelas e desprendéronse cascotes.

OUTROS DANOS EN SANXENXO

Outras casas do mesmo lugar sufriron danos, concretamente nos tellados, aínda que en menor medida que a anterior. Tamén caeron árbores, algunha delas sobre o tendido eléctrico e telefónico que tamén se viu afectado.

Ademais, o 112 informou que os axentes de seguridade local tiveron coñecemento dun transformador botando fume na suba ao cemiterio de Noalla, aínda que sen causar máis danos na contorna. Segundo informou Gas Natural Unión Fenosa o apagamento detectouse ás 9,40 horas da mañá deste mércores e afectou a 2.567 clientes.

As chamadas dos veciños ao 112 Galicia ao redor das dez desta mañá permitiron activar un operativo no que participaron os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Ribadumia e do GES de Sanxenxo, ademais dos axentes de seguridade locais.

CERDEDO-COTOBADE

Fontes de Meteogalicia indicaron, ademais, que os "ecos" do tornado se desprazaron cara ao municipio pontevedrés de Cotobade, pero segundo as mesmas fontes a este punto xa non chegaron ventos na forma de tornado, aínda que se rexistraron fortes granizadas e tormentas.

Desde o municipio de Cerdedo-Cotobade producíronse varias chamadas ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia de condutores que circulaban pola N-541 e percibiron como o vento intenso levou por diante árbores e sinais de tráfico.

Ocorreu uns minutos antes do dez desta mañá, concretamente nos quilómetros 75 e 76 da estrada nacional, ao paso polo concello de Cerdedo-Cotobade. Até alí, dirixíronse os axentes da Garda Civil de Tráfico alertados polo persoal do 112 Galicia.

Cando chegaron ao lugar, comprobaron que había desprendementos de terra e sinais tirados, polo que solicitaron a intervención do servizo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Edelmiro

Es que Sangenjo es el caribe jallego. El agua está muy caliente. Da gusto bañarse en sus aguas siempre transparentes y cálidas. Siempre hace sol y calor. Sólo le faltaban tornados para confirmarlo. Queremos hacer una película de tornados en Sangenjo como TWISTER. De actor principal el alcalde y su séquito de estómagos agradecidos y los otros que también comen aparte. E David "Otero" del BNG que no galeguizó el apellido.