"Grazs polo d hoxe, stba m8 rikisimo tdo!"; así é a nova lingua galega

Os nativos dixitais utilizan novos códigos lingüísticos nas súas conversas mediante dispositivos electrónicos, fundamentalmente marcadas pola tendencia á brevidade e polo seu carácter oralizante. Estefanía Mosquera Castro, investigadora da Universidade da Coruña, estudou este fenómeno.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 11/01/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A lingua galega non escapa á revolución tecnolóxica e o seu forte impacto no ámbito lingüístico. Motivo polo cal a investigadora Estefanía Mosquera Castro pescudou sobre o novo sistema de escrita que utiliza o usuario nativo dixital medio: a variedade electrónica galega.

Reprodución de parte dunha conversa real recollida no estudo 'Os mecanismos de escrita abreviada no discurso electrónico galego: innovación ou tradición?'.
Reprodución de parte dunha conversa real recollida no estudo 'Os mecanismos de escrita abreviada no discurso electrónico galego: innovación ou tradición?'.

Novos códigos lingüísticos emerxen en novos soportes dixitais para a interacción, caracterizados fundamentalmente pola tendencia á brevidade e polo seu carácter oralizante para se aproximar, na medida do posíbel, ás conversas presenciais e, ao mesmo tempo, salvar as posíbeis limitacións comunicativas deses soportes, introduce a investigadora da Universidade da Coruña, autora do estudo 'Os mecanismos de escrita abreviada no discurso electrónico galego: innovación ou tradición?'.

Pero malia que mensaxes coma "Jaja! Akbo d sair! Lvabaa pnsada xo ind asi fixn kmbios d ultim ora! Jeje! A intncion era q o mstr ns servis d algo nn? Algrom d q ch gustas tonti! Coidate pk!" nos podan soar a algúns a chinés, o certo é que, como salienta a autora do estudo, as características desta nova linguaxe "non son todo o revolucionarias que parecen", mais "ao contrario contan con moitos antecedentes na historia da lingua, nomeadamente no referente aos recursos de simplificación".

Para o seu estudo analizou un corpus de mensaxes de texto de arredor de 800 mostras, sobre as que detectou que a adopción e a conseguinte adaptación de moitos dos mecanismos de escrita abreviada que usan os nativos dixitais proceden de estadios lingüísticos anteriores. De feito, conclúe que "o emprego de sistemas de simplificación se documenta xa desde tempos inmemoriais".

O uso actual destas simplicacións lingüísticas —por exemplo: "stou kasa. Klqra kousa mbl. Tño q lr e nn m aptcia ir xa ali. Bks"— está xustificado para Estefanía Mosquera polas "necesidades de se adaptar ou ben a un soporte concreto ou ben ao contexto comunicativo de que se trate".

Usuarios de teléfonos móbiles
Usuarios de teléfonos móbiles

"A sobrevivencia, con variacións, deste mecanismo de escrita breve até os nosos días convida a pensarmos que se trata dun fenómeno lingüístico eficaz que produce máis vantaxes do que atrancos para a comunicación escrita", afirma a investigadora, para quen a utilidade destes códigos lingüísticos "parece compensar os posíbeis problemas de interpretación ou de comprensión que algúns enunciados puideren ocasionar debido ao descoñecemento dos seus mecanismos de redución".

Na actualidade, di, o contexto electrónico e a comunicación mediada por dispositivos dixitais están a "revitalizar novamente os sistemas de escrita reducida". E, aínda que asume que o emprego de abreviacións é "consubstancial á linguaxe" e "as súas orixes remóntanse aos primordios da escrita", tamén recorda que na escrita manual —nesa escrita tradicional sobre o papel— esas abreviacións eran utilizadas "de modo esporádico".

Pero coa irrupción das tecnoloxías dixitais e a aparición de novas formas de interacción baseadas en sistemas de escrita reducida (conxunción de letras, símbolos e números, fundamentalmente), as abreviacións, di Mosquera, "convertéronse nun fenómeno de masas".

Por tanto, considera que "non se trata de actitudes gráficas novidosas", senón que o que as torna relevantes e o que as diferenza das anteriores é unha "maior visibilidade", a que outorga o contexto dixital –"eminentemente público", sinala–.

En último caso, considera que "a novidade radicaría na creatividade do usuariado que adopta e adapta estratexias lingüísticas anteriores para vencer ou, en todo o caso, paliar as limitacións impostas polo novo marco comunicativo e para se adecuar ao ritmo acelerado da vida actual, que exixe cada vez máis, unha maior brevidade e concisión".

Con todo, aínda que recoñece "innegábeis as repercusións lingüísticas deste fenómeno", considera que en última instancia este fenómeno terá unha "repercusión parcial nas formas, nas posibilidades técnicas, no sistema de representación gráfica, mais non na linguaxe".

ALGÚNS FENÓMENOS LINGÜÍSTICOS

A elisión de caracteres é un dos fenómenos que destaca a investigadora no seu traballo como un recurso moi utilizado no contexto electrónico, ben sexa no interior, no comezo ou no final do vocábulo. Neste sentido, sinala que a tendencia é que as grafías eliminadas sexan fundamentalmente vogais, aínda que tamén se dá coas consoantes.

"Isto responde a un principio básico da teoría da información que sinala que as consoantes presentan un valor informativo moito maior que o das vogais, a pesar de seren estas últimas, cando menos na lingua galega, as únicas con capacidade para formaren núcleo silábico e portaren particularidades prosódicas distintivas", explica a autora, que pon como exemplo a seguinte conversa real:

Jaja! Akbo d sair! Lvabaa pnsada xo ind asi fixn kmbios d ultim ora! Jeje! A intncion era q o mstr ns servis d algo nn? Algrom d q ch gustas tonti! Coidate pk!

Dduzo q nn ims qdar knd nn avisachs ainda! Marcho pa kma. Boas noits.

Obvmnt nn fixexs nda!o prblm e meu, e nn falo xq m costa m8 trballo cada frase. Nn tou bn (vaia nvidd...) e nn m aptc nda, nn se kmo xplikrxo. Sinto tar asi...bks!  

O caracter con máis tendencia a desaparecer nestes discursos electrónicos é o “e”, "con toda seguranza", argúe a investigadora, porque "a súa pronuncia xa vén dada en moitos casos polo nome que a lingua galega dá ás consoantes: así o “c” lese CE, o “t” lese TE, o “p” lese PE etc".

Esta estratexia xera outro fenómeno, a creación de silabogramas, isto é, o emprego dunha única grafía –a consonántica– para representar o conxunto da unidade silábica, "procedemento que se acha na base das escritas semíticas que, ou ben eliminan por completo os elementos vocálicos ou ben os transcriben como sinais diacrítico", explica Mosquera, que prosegue no exemplo:

Ola ptarda! Stou n ksa koa mmoria! A vr s avanzo algo. O find normaliyo. Xa falei kn cris esta tdo klaro. Pois si, vai avr q qdar! Bkos mona! Pasao bn!

Tou mpaxadisima! a partr dagora vou facr peqnas catas da cmida q m ofrezas! a miña bedroom cheira a 1 mistura ntr pintura e dtrxnt (xa tño cortinas!!!!). Boas noits!

Ou vas na playa por casualidd!!!! o dia 11d agsto e o cmple d xiana….xa t aviso pa k nn fagas planes!!!!

A supresión sistemática de todas as vogais que forman unha determinada palabra dá lugar a outro fenómeno, os denominados esqueletes consonánticos, é dicir, "textos en que as persoas destinatarias deben reconstruír a cadea fónica completa a través de inferencias contextuais ou apoiándose na pronuncia das consoantes que figuran representadas, o que lles permitirá restituíren o elemento vocálico elidido", detalla a investigadora da Univerdade da Coruña

Mosquera expón varios exemplos do corpus documentado que levan até o extremo este tipo de prácticas de simplificación:

Qrds qdar?

Nn s prkpar XD

kbp spzo cruñ ;)

As abreviaturas son o outro fenómeno destacado. A economía dos materiais foi, segundo Mosquera, unha das causas que motivaron a introdución de abreviaturas na escrita a través dos séculos. Así, por exemplo, na lingua hebrea documéntase o emprego de abreviaturas desde o século VI antes de Cristo e no arameo só un século despois, mentres que o costume de abreviar os textos latinos remóntase ao período clásico romano.

Nos manuscritos dos textos medievais galego-portugueses xa se documentou o emprego habitual de diversas abreviaturas, tanto no referente aos códices que conteñen as cantigas medievais como nos textos notariais ou tabeliónicos, subliña Mosquera, aparecendo abreviautras para as consoantes nasais (‘) e para a conxunción que (q˜), ou outras cal pr (para a preposición por), qr˜ (por quer), 9 (para a terminación -os, nalgúns casos tamén -us), Ł (para a secuencia fónica uel ou ual) ou o símbolo r para representar o desenvolvemento dunha vibrante simple acompañada dunha vogal ou viceversa.

A economía de tempo parece que foi unha das razóns fundamentais para o emprego de sistemas de escrita reducida ao longo da historia. E os tempos actuais non son unha excepción. 

Entre as abreviaturas máis frecuentes no discurso elecrónico están as seguintes: xq (‘porque’, ‘por que’), x (‘por’), q (‘que’) xa (‘para’), cnd (‘cando’), qn (‘quen’), = (‘igual’), txt (‘texto’), o emprego de numerais ou símbolos, como + (‘máis’/’maior’), - (‘menos’/’menor’) etc. Igualmente, tamén se dan simplificacións que combinan as abreviaturas e o sistema de signos, cal +q (‘máis que’), e mesmo se utilizan para representar determinadas palabras ou secuencias fónicas de palabras: m8 (‘moito’), imx (‘impor’) etc.

Como exemplo, a investigadora expón esta parte dunha conversa real:

Grazs polo d hoxe, stba m8 rikisimo tdo! Es 1sol! Nn sei q faria sn ti! Qtm8m8m8! Muaka! Chamam pa qdr maña e xa m kns q tal a peli. Bks

Si. Grazas. E para un asunto do traballo. A ver se subo facr 1vsit st finde! Q tal todo? Alg1a novidad? Bikos

E nn hai nada mais light? jajaja! Senn a dieta vai ir ao carallo! nn e x -prezar os xixarros! jaja

A sintaxe telegráfica e outro fenómeno lingüístico recorrente entre os nativos dixitais. Para Mosquera, "a inmediatez na comunicación electrónica e, en moitos casos, as restricións técnicas dos diferentes soportes en que esta ten lugar provocaron o desenvolvemento de numerosas estratexias de simplificación e a creación de abreviaturas, nin sempre convencionais nas formas, mais con antecedentes nos procesos". Uns condicionamentos que, afirma, "afectaron igualmente a sintaxe, onde se detecta unha preferencia pola redución da complexidade sintáctica e unha propensión ao uso de enunciados simples", nalgúns casos levados "ao límite".

O obxectivo nestes casos é "facer máis dinámicas e rápidas as interaccións" malia "contrariar en moitos casos as regras textuais de cohesión, conexión e coherencia". Así, subliña Mosquera, "o discurso electrónico elimina en ocasións todos aqueles elementos que poden sobreentenderse polo contexto: conxuncións, nexos, preposicións, verbos etc" . Eis algunhas mostras reais recollidas pola investigadora:

Q tal d kmpras? Kurraxe m8? Dsknsa 1 pk anda, q o merecs! Eu tou [en] pntdeume e logo irei [a] ksa [de] papa! Muaka baby! Sta smana cofe?

stou kasa. Klqra kousa mbl. Tño q lr e nn m aptcia ir xa ali. Bks

Fatura lixo buzon

Malia o chamativo e orixinal que poida resultar este tipo de estruturas, "a elisión de determinados elementos gramaticais remiten, en ocasións, para a escrita telegráfica propia doutras épocas", enfatiza a autora do estudo, que compara os xéneros textuais electrónicos co telégrafo, que "obtivo un grande suceso na medida en que facilitaba a comunicación a distancia e reducía os límites espacio-temporais doutros sistemas comunicativos".

O estudo publicouse recentemente en Gallæcia. Estudos de lingüística portuguesa e galega, obra editada pola Universidade de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xand

Buf! Últimas noticias! A academia sempre por diante.