Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2018 | Actualizada ás 15:17
A Xunta terá un novo organismo público este ano, cun mega conselleiro e comisario encargado de xestionalo. Trátase do Xacobeo do 2021, un evento que Alberto Núñez Feijóo quere que sexa un revulsvio para o turismo en Galicia e que non se repitan "os problemas de improvisación" de 2010. O obxectivo, insistiu é lograr que o próximo Ano Santo sexa "o mellor da historia desde o punto de vista económico, social, turístico e espiritual".
"Empezamos así o primeiro Consello do ano, coa esperanza de preparar un Xacobeo 2021 que marque unha década e funcione como un revulsivo para que Galicia sexa referencia en turismo nacional e internacional", proclamou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
Este novo organismo estará presidido por el mesmo e nela haberá outros representantes da Vicepresidencia, de Cultura, de Turismo, da Secretaría Xeral de Medios, e do Xacobeo, ademais de representantes convidados, entre os que estarán un do Arcebispado de Santiago, outro do Concello de Santiago e representantes de cinco municipios polos que pasa o Camiño elixidos pola Fegamp.
DOUS CARGOS PARA O XACOBEO
Este mega conselleiro --que xestionará importantes recursos públicos-- nace como unha figura paralela á da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Preguntado sobre esta dicotomía por GC, Feijóo suliñou que o xerente do Xacobeo e o novo conselleiro-comisario son figuras diferentes e desempeñarán funcións diferentes. "O xerente do Xacobeo xestiona o día a día do Xacobeo e o novo conselleiro delegado está para un evento extraordinario e será a cara visible do Xacobeo 2021", respondeu.
Por outra banda, Feijóo ratificou que, á espera dos datos de decembro, as últimas cifras estatísticas parecen indicar que Galicia "baterá a marca dos 5 millóns de turistas ene 2017". Á marxe da perspectiva cuantitativa, o presidente subliñou que "se mellora en todo" no sector turístico. "Melloramos en desestacionalización e aumentamos en estancia media e en turismo internacional", resumiu, antes de subliñar tamén que "os viaxeiros permaneceron máis días e gastaron máis".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.