Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2018 | Actualizada ás 12:40
A Real Academia Galega (RAG) deu por iniciado o 'Ano Ana María Victoria Moreno', autora que protagoniza en 2018 o Día das Letras Galegas. O sitio web da Academia xa dedica parte do seu espazo a difundir o legado desta pontevedresa de adopción, nada en Cáceres e "galega de elección".
"A historia de amor entre María Victoria e Galicia empeza en Pontevedra", como destaca a biografía sobre a escritora elaborada polas académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey que pode consultarse no portal da RAG.
Ana María Victoria Moreno, filla dunha malagueña e un toledano e nada de forma circunstancial en Cáceres, viviu boa parte da súa vida na Cidade do Lérez, onde se estableceu logo de aprobar as oposicións a mestra en 1965 despois de impartir clase durante un par de anos no Instituto Masculino de Lugo.
As académicas indagan sobre a vida e obra da escritora falecida en 2005, unha das pioneiras na narración en galego para o público infantil e xuvenil, xénero ao que axudou a situar "nun lugar digno" a través da posta en valor da lingua e un gran desenvolvemento dos personaxes.
"Toda a súa vida é un exemplo de compromiso coa causa da lingua galega e da xustiza social", resaltan as autoras da biografía, na que corrixen unha confusión acerca da data de nacemento de María Victoria difundida pola propia escritora.
E é que ela afirmaba que nacera en 1941 cando, en realidade, o fixera dous anos antes. Todo iso para facer coindiciar a súa data de nacemento coa das súas compañeiras de bacharelato, estudos que empezou tarde debido á situación económica da súa familia.
MARÍA VICTORIA E PONTEVEDRA
Ademais da biografía, na que repasan os principais títulos da obra de María Victoria Moreno desde que publicase en 1973 'Mar adiante'; no sitio web da RAG tamén figura desde este domingo un artigo escrito por Marilar Aleixandre, que se dirixe á autora en forma de carta na que incide de novo na relación desta con Pontevedra.
"Aquí viviches no paraíso. Paraíso foi a túa amada Pontevedra. Paraíso nas aulas, que non desertaches nin estando enferma. Desde Galicia, que este ano che canta, recibe o noso agarimo. Ti segue insistindo", escribe Aleixandre.
Será Pontevedra o lugar escollido para os actos centrais da homenaxe a María Victoria Moreno o próximo 17 de maio, día no que o Teatro Principal acollerá o tradicional acto académico que porá o broche a un programa que, semanas antes, lembrará á autora no 'Salón do Libro Infantil e Xuvenil' baixo o lema 'Mulleres de Conto'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.