A Xunta aumenta un 45% o gasto en publicidade nos medios noutra campaña contra incendios

A Consellería do Medio Rural pagará este ano 650.000 euros por servizos de desenvolvemento da campaña publicitaria de prevención, concienciación e sensibilización social contra os lumes forestais. En 2017 investiu 450.000 euros na mesma acción. Volverá priorizar o gasto na prensa en papel malia estar esta en declive.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia recorrerá de novo á propaganda como a súa principal estratexia contra os incendios forestais. O Executivo galego ten previsto investir 650.000 euros no desenvolvemento da campaña publicitaria de prevención, concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais durante este ano 2018. Unha cantidade que supón un incremento de case o 45% respecto a de 2017, en concreto, 200.000 euros máis.

A Xunta pagou a varios xornais por publicidade a toda páxina coa declaración institucional de Feijóo sobre os incendios.
A Xunta pagou a varios xornais por publicidade a toda páxina coa declaración institucional de Feijóo sobre os incendios.

Con tal fin, a Consellería do Medio Rural publicou a convocatoria do concurso para un contrato de servizos de publicidade e campaña en medios por un valor estimado de 537.190,08 euros, excluído o IVE (21%), imposto que eleva a contía total a 650.000 euros.

O obxecto do contrato é definir a estratexia de medios e soportes para desenvolver unha campaña publicitaria para previr, sensibilizar e concienciar aos galegos e galegas das consecuencias que se derivan dos incendios forestais. unha campaña, dirixida á cidadanía, de sensibilización e concienciación das accións que provocan os incendios forestais e as súas consecuencias, así como a persecución das actividades delituosas ou neglixentes que causan estes lumes.

A VELLA PRENSA, EN DECLIVE, A MÁIS BENEFICIADA

Como vén sendo habitual, a Xunta beneficiará especialmente a prensa tradicional en papel, en claro declive pero á que o Goberno galego segue compensando con subvencións e publicidade.

Exemplar de La Voz de Galicia no que comparten a mesma páxina publicidade de Turismo da Xunta e unha noticia da detención dun home por queimar accidentalmente menos dunha hectárea da súa leira, primeiro arrestado en relación á vaga de lumes que asolou Galicia.
Exemplar de La Voz de Galicia no que comparten a mesma páxina publicidade de Turismo da Xunta e unha noticia da detención dun home por queimar accidentalmente menos dunha hectárea da súa leira, primeiro arrestado en relación á vaga de lumes que asolou Galicia.

Ademais de en xornais en papel (prensa xeral e especializada), a campaña distribuirase en cadeas de televisión e radio públicas e privadas e en edicións dixitais de medios de comunciación de Galicia. O contrato comezará o 16 de abril e as accións rematarán o 15 de novembro.

De novo a prensa tradicional levará a maior parte do investimento, entre un 40 e un 55 por cento do total, os medios dixitais entre o 15 e o 30 por cento, radio e televisión levarán entre o 10 e o 25 por cento, e a prensa especializada, entre o cero e o 2 por cento.

200.000 EUROS MÁIS QUE O ANO PASADO

Nos gastos da Xunta en propaganda e subvencións aos medios non hai freo, como si sucede noutros apartados, onde se aplican recortes e axustes, como na sandiade, a educación ou a propia loita contra os incendios. Ano tras ano o Goberno galego segue enchendo as arcas dos grupos de comunicación con millóns de euros e cantidades cada vez maiores. Un bo exemplo disto é esta campaña de Medio Rural de prevención, concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais, que custará nada menos que 200.000 euros máis que a mesma campaña realizada en 2017.

Na pasada campaña, Medio Rural concedeu a C Grupo de Empresas de Comunicación, Marketing e Investigación, S.A. un contrato por un Importe de 450.000 euros (con IVE).

É isto o que necesita Galicia para atallar o problema dos lumes? Ecoloxoxistas, científicos, o sector do rural, a oposición, sindicatos, axentes forestais, brigadistas... Practicamente todos os expertos, implicados ou afectados polos incendios forestais teñen avisado que de nada vale a propaganda se non se aplican políticas reais de prevención de lumes e xestión sustentable e recuperación do rural e do monte galego, cun ordenamento do territorio adecuado, ou se non nos preparamos para o cambio climático de xeito realista e inmediato. Tamén teñen criticado a "improvisación" da Xunta nesta materia, os recortes en recursos humanos e técnicos, ou a galopante privatización de servizos.

Polo tanto, encher as arcas de empresas mediáticas con 650.000 euros en publicidade se antes non se poñen en práctica outras medidas máis pragmáticas e efectivas na loita contra o lume, gastar cada vez máis en propaganda e cada vez menos en servizos públicos de prevención e extinción, semella que é malgastar os cartos públicos en simple mensaxes propagandísticas para lavar a cara do Goberno e seguir beneficiando aos medios de sempre: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, etc, etc.

Con todo, hai que dicir que para o Partido Popular non é tirar os cartos. Porque precisamente atopou nos últimos anos na propanda o mellor camiño para restar impacto na opinión pública ás crises dos incendios e a mala xestión administrativa.

A GUERRA DA PROPAGANDA

Un estudo recente comparou a xestión das crises xeradas polos lumes por dous gobernos contrapostos, o do bipartito (PSdeG-BNG), en 2006, e o do PP en 2016. O seu autor, Gonzalo Louzao Dono, concluíu que "o custo político foi moi superior no caso da crise dos incendios de 2006 que no de 2016".

Da análise realizada, o autor deduciu que se ben ambos os dous gobernos "actuaron de forma defectuosa" na xestión daquelas crises, con "acertos puntuais", pero "sobre todo con moitos erros", asegura que o uso da propaganda permitiu que "a Administración de Feijoó fose a que mellor levou a crise políticamente, saíndo indemne dos ataques da oposición e conseguindo evitar que a crise minase a súas posibilidades electorais", mentres que no caso do bipartito, aquel Goberno "sufriu duras críticas".

Esa é a liña seguida polo Goberno de Feijóo nos últimos anos: centos de miles de euros para propaganda para mitigar as crises dos incendios e comprar vontades e favores dos editores de prensa. De feito, trala última vaga de lumes, que arrasou case 50.000 hectáreas e se cobrou catro vidas o pasado mes de outubro, a Xunta volveu encher con diñeiro público as arcas de diarios impresos de Galicia e Madrid por inserir como publicidade, a toda páxina, a declaración institucional do presidente tralos incendios que asolaron o país e na que Feijóo apuntaba a presunta trama terrorista que ninguén foi quen de destapar até hoxe.

A campaña recibiu durísimas críticas e suscitou unha onda de indignación por ser parte dunha operación propagandística para beneficio político do Goberno Feijóo e beneficio económico de determinados xornais amigos, a conta dunha traxedia da magnitude que viviu Galicia aqueles días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

6 MaikelborrachoideNoia

Propaganda do PP pagada con cartos públicos. O PSOE fai o mesmo en Vigo e o BNG en Pontevedra, e ambos nas súas deputacións. E ningún tribunal fai nada. Tout va bien.

5 perico

Qué relación tiene eido galicia con medio rural? Y con el Banco de Tierras?

4 VERGONZA!!!!

arderon mais de 70 mil hectáreas, morreron 5 persoas e non dimitu o xefe de sala do 1-1-2 o viceconselleiro rueda valenciano señores que vergonza e que estulticia, namentras as mareas de podreiros totalmente idas e sin facer nada soamente move a protesta o bloque ... que vergonza deberían dimitir os dous o xefe de sala do 1-1-2 (rueda valenciano) e as mareas de podreiros por inoperancia

3 Fuilco

Nada nuevo bajo el sol. Lo mismo hace en este medio la Diputación de Lugo o los ayuntamientos de Coruña, Santiago o Lalín: poner publicidad en los medios amigos. La consecuencia en este medio y todos los demás es que luego hay trato de favor hacia los políticos de los organismo que contratan publicidad.

2 anonimo

Sí, case seguro que hai clientelismo, pero vós calades que a esquerda ou o nacionalismo tamén xera mantenzas clientelares desde o poder en temas de memoria histórica, de lingua, etc. Se eu quero vender unha bici, ¿onde podo atopar maior número de compradores, aqui ou na Voz? Está ben que choredes pero penso que non é como parece que fai a Xunta, pero tampouco como queredes e calades vós.