Por Galicia Confidencial | Dozón | 20/01/2018 | Actualizada ás 11:23
A localidade pontevedresa de Dozón vive este sábado un espectáculo que ecoloxistas e asociacións animalistas cualificaron xa de “asasinato masivo” de raposos. De feito, serán 160 as persoas que participan, integradas en 16 cuadrillas-que se desprazan desde cada unha do catro provincias-, no denominado 'Campeonato Gallego de Caza del Zorro'.
Nos últimos días foron varias as asociacións de protección dos animais que pediron a prohibición deste espectáculo. Con todo a Xunta mantivo a cita e o responsable da Sociedade de Caza de Dozón, José Rodríguez, insiste en que os cazadores abatirán a estes animais en zonas vedadas.
Distintas asociacións ecoloxistas como Verdegaia, Adega, Libera, partidos como o PACMA, entidades e persoas individuais mobilizáronse para denunciar este tipo de prácticas. A asociación ecoloxista Verdegaia subliña que este tipo de campionatos non teñen respaldo algún por estudos que indiquen que é necesario un control nas poboacións de animais como o raposo e outras “especies importantes nos nosos ecosistemas”.
LOBO MORTO
Ademais, a polémica avivouse logo de aparecer un lobo morto a tiros no municipio de Barro. Trala denuncia dos axentes ambientais, varios grupos ecoloxistas pediron á Xunta que actúe e se busque ao responsable ou responsables do abatemento do animal.
Ademais, ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), ASCEL (Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo Ibérico) e GEAS (Grupo de Estudio dos Animáis Salvaxes) e ACOPO emitiron un comunicado conxunto no que solicitan que se investige este feito e apuntaron ao polémico campionato de Pontevedra de caza de raposo (proba clasificatoria para o galego), xa que a morte do lobo atopado coincidiu coa celebración deste certame e "cabe determinar se existe unha relación circunstancial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.