Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2018 | Actualizada ás 15:49
A Plataforma SOS Sanidade Pública rexeitou de novo este mércores os recortes e privatizacións no marco de mobilizacións convocadas por toda a Comunidade galega para chamar a "cambiar o rumbo da sanidade" en Galicia.
Na provincia de Lugo, este mércores convocáronse concentracións nas localidades de Monforte, Burela e Lugo. En concreto, os dirixentes provinciais de Comisións Obreiras, CIG, e UXT, ademais de Satse, participaron na mobilización ante o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) da capital luguesa. Na mobilización fronte ao HULA, na que participou máis dun cento de persoas, denunciouse a través dunha pancarta os "intentos de privatización" do Goberno galego.
Ademais, o secretario provincial de UXT, Ángel Tomé, advertiu de que seguirán coas reivindicacións, que é unha "loita que hai que continuar", á vez que afeou que a nova lei "incide en recortes das áreas sanitarias, derivando aos veciños da costa e Monforte ao Lugo". "Isto obedece a unha visión mercantilista e privatizadora da sanidade pública", lamentou.
As organizacións sindicais fixeron fincapé en Lugo que "só se pode infartar de oito a tres da tarde", dado que a sala de Hemodinámica do HULA funciona en "horario de oficina" e non todo o día. Deste xeito, sinalou que ten claro que a Xunta utiliza a esta provincia "como un coello de indias, e estanse ensañando coa saúde dos cidadáns de Lugo en particular".
"VACINA" CONTRA OS RECORTES
Mentres, no Salnés, a portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, defendeu a mobilización como a "vacina" contra a política de recortes en materia sanitaria que promove a Xunta de Galicia.
Deste xeito, Pontón animou a todos os galegos a asistir á manifestación en defensa do sistema sanitario público que terá lugar en Santiago o 4 de febreiro. "Mobilizarse é a mellor vacina contra os recortes e as privatizacións que están a infectar a sanidade pública galega", manifestou.
Ana Pontón participou na concentración convocada por SOS Sanidade Pública ás portas do Hospital do Salnés, na que tamén estiveron presentes os alcaldes de Vilagarcía e Cambados e o senador socialista Modesto Pose, entre outros cargos políticos locais e autonómicos.
Para a portavoz do BNG a actual política da Xunta provoca que crezan as listas de espera, que haxa pacientes que non poden acceder aos medicamentos que necesitan "porque non poden pagalas" e que cada vez haxa menos médicos e menos persoal sanitario nos centros de saúde e nos hospitais públicos.
Ana Pontón denuncia a existencia dunha "folla de ruta moi clara" do mandatario autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que pasa por desmantelar o sistema sanitario público para beneficiar a sanidade privada e "que se faga negocio coa saúde das persoas". Fronte a esa situación, engadiu, a única solución é "unha resposta masiva" da cidadanía.
A portavoz nacionalista reafirmou o compromiso activo da súa formación coa defensa do dereito á saúde e dunha área sanitaria como a do Salnés que, segundo sinalou, o que necesita son "apoios, máis investimentos e mellorar os seus recursos e non recortes e privatizacións".
DIÁLOGO
Mentres, en declaracións a Europa Press con motivo das concentracións, o portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, manifestou que espera que "o Goberno recapacite" e dialogue" para "cambiar o rumbo da sanidade, porque é o máis importante para a cidadanía".
Así, Martín insistiu en que están "abertos ao diálogo" e defendeu que a petición de cambio de rumbo na sanidade "o apoia unha parte importante da cidadanía". Por iso, a plataforma pretende insistir coas concentracións convocadas por toda Galicia na súa oposición á "contrarreforma da lei galega de saúde", así como rexeitar "o desmantelamento dos hospitais comarcais porque afasta á poboación rural da atención hospitalaria", así como á presenza de multinacionais no sistema sanitario galego.
Neste sentido, a plataforma móstrase "moi preocupada" porque "os recortes de médicos, camas e recursos estes anos conduciron ao colapso do sistema".
MOBILIZACIÓNS
Ademais das concentracións celebradas ao longo da mañá, durante a tarde, entre as 19,30 e as 20,30 horas organizáronse outras en cidades como A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Ourense, así como noutras localidades como Ribeira e O Barco de Valdeorras.
Estas concentracións inclúense no calendario de mobilizacións previas á "gran manifestación" que a plataforma convocou para o domingo 4 de febreiro en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública galega.
Así, para rexeitar a nova lei de saúde de Galicia e os recortes e privatizacións na sanidade galega, o 4 de febreiro convocaron unha manifestación que partirá ás 12,00 horas desde a Alameda compostelá.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.