Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/01/2018 | Actualizada ás 14:06
Un novo posto de subdirección amortizado coa eliminación de tres postos máis baixos e de nulo perfil político “para os intereses do PPdeG”. É a denuncia que fai CIG-Administración que critica a decisión da Consellaría de Infraestruturas e Vivenda de eliminar un posto de limpador/a, un de subalterno/a e outro de legoeiro/a para financialo.
Así se recolle na documentación de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) desta consellería como consecuencia da publicación da modificación do seu decreto de estrutura. Entre esta documentación está unha memoria complementaria, unha táboa de equivalencias e uns acordos de transferencia de persoal, que aposta por aumentar os postos directivos na Xunta, a costa doutros postos de menor categoría e menor salario.
É certo que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén a súa “estabilidade orzamentaria” e non hai aumento no capítulo de persoal do goberno galego, pero os sindicatos denuncian que a creación destes novos postos directivos faise a costa de suprimir outros “menos interesantes para os intereses” do PPdeG.
SUBDIRECCIÓNS CUN SÓ ALTO CARGO
Deste xeito, para crear postos estruturais, “que son cubertos por libre designación sen requisito mínimo de experiencia”, din desde CIG-Administración, terán que eliminarse outros postos nivel inferior. E a isto súmase un segundo problema, que é o de crear novas subdireccións pero “sen máis persoal que o propio subdirector”, o que ralentiza o traballo da administración.
“O que está pasando é unha inversión da pirmámide de recursos humanos, onde cada vez hai máis cargos e menos postos base, onde o traballo se realiza con encomendas, encargos, privatizacións, subcontratas, asistencias técnicas ou chamádelle X”, apunta Fulgencio Fernández Martínez, responsable de CIG-Autonómica en Compostela.
En declaracións a GC, este sindicalista denuncia que este sistema é o que leva facendo o PPdeG desde que goberna Feijóo. “Como hai orde de que o orzamento en persoal non pode aumentar, pois recortan por abaixo para subir por arriba. Por iso nos atopamos subdirecións sen persoal. Algo que hoxe semella habitual era impensable antes nos gobernos de Fraga ou do bipartito”, indica.
“DOMESTICACIÓN”
E cales son as razóns para isto. Fulgencio Fernández é contundente: “Queren unha administración domada e sumiasa porque eses postos son de confianza e de libre designación. Case son de gabinete. Non son do partido pero son funcionarios domesticados”, indica.
Unha “domesticación” que chega coa suba do posto de nivel. Así, ter o nivel 30 –o máximo para un funcionario na Xunta-- supón cobrar máis de 1.000 euros ao mes, ademais do salario. Un diñeiro que sae da supresión de salarios por parte do persoal de nivel inferior. De feito, os funcionarios de nivel máis baixo cobran pouco máis de 1.000 euros fronte aos máis de 3.000 que poden cobrar os de nivel superior. GC preguntou á Consellería de Infraestrutura e Vivenda pola creación deste novo posto, pero aínda non obtivo resposta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.