Temas: XORNALISMO

Unha homenaxe ao Tío Marcos d'a Portela para celebrar o primeiro Día dos Medios en Galego

A Asociación dos Medios en Galego (AMEGA) escolle o 7 de febreiro como a xornada para reivindicar a importancia dos xornais e medios de comunicación que usan a língua do país.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/01/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O 7 de febreiro de 1876 nacía o primeiro medio en galego “O Tío Marcos da Portela”. Subtitulada “Parrafeos co pobo galego” e impulsada por Valentín Lamas Carvajal, esta cabeceira conseguiu un notable éxito, chegando a vender 4.000 exemplares nunha comunidade que daquela contaba con altos niveis de analfabetismo.

Algúns dos representantes da Asociación de Medios en Galego (AMEGA) cando foi presentada
Algúns dos representantes da Asociación de Medios en Galego (AMEGA) cando foi presentada

E aproveitando esa data, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) decidiu poñer en marcha o primeiro Día dos Medios en Galego. Unha data que ten coma obxectivo facer valer a importancia da lingua galega nun país no que está en franco retroceso a pesar de ser o idioma que fala a metade da poboación.

A Asociación de Medios en Galego quere neste día “contribuír ao recoñecemento institucional daquelas iniciativas pioneiras que procuraban a toma de conciencia dos problemas do país e reflexionaban na búsqueda de solucións”.  O seu obxectivo con esta celebracoón é “visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país”. Os actos centrais deste Día dos Medios en Galego celebraránse en Fene o sábado 3 de febreiro.

O TÍO MARCOS D'A PORTELA

Valentín Lamas Carvajal recolleu na publicación a bandeira ergueita por Rosalía de Castro en Cantares gallegos, e sumouse á defensa e reivindicación da cultura popular levando ao papel os sentimentos cotiáns da sociedade galega, especialmente da xente máis humilde. Con moito humor, sentido crítico e ironía, o escritor e editor ourensán soubo conectar á perfección coas principais preocupacións do mundo rural.  

Portada do Tío Marcos d'a Portela
Portada do Tío Marcos d'a Portela

Nas páxinas de O Tío Marcos d´a Portela protestábase contra temas candentes do momento como a sangría da emigración, a elevada carga impositiva –os denominados trabucos- o atraso da agricultura, as malas comunicacións e a febleza da industrialización, problemas que aínda segue tendo hoxe Galicia, 141 anos despois.

Ao Tío Marcos sucedéronlle nos anos inmediatos outras oito publicacións escritas tamén en galego: A Fuliada, O Galiciano, A gaita gallega, Galicia, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego e A Monteira. Todo este movemento xornalístico difundiu o Rexurdimento, que no terreo literario encabezaron Rosalía de Castro, Manuel Curros Enriquez e Eduardo Pondal, no ámbito máis inmediato e popular.

Temas: XORNALISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta