Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/02/2018 | Actualizada ás 14:13
A Xunta financia os campionatos galegos de caza, entre eles, o do raposo, que causou unha forte polémica nos últimos días, xustificando que se trata dunha “ferramenta educativa” e un “elemento crucial no desenvolvemento harmónico das persoa”. Así, quedou rexistrado no convenio asinado en xullo do pasado ano entre o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira Diz, e a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asinaron o pasado ano un convenio
Así, a través deste convenio, a Xunta subvencionou con case 27.000 euros as actividades da Federación de Caza. Un diñeiro que se distribuíu en 12.000 euros para campionatos galegos de caza, 8.000 a Rendemento e case 7.000 euros a gastos xerais de funcionamento. Curiosamente, este mesmo sábado haberá campionatos de caza do raposo en Cerdedo, Cotobade, Campo Lameiro, Forcarei e A Estrada,
O Goberno do PPdeG xustificou o “interese público” destas axudas na “necesidade de promover o deporte” dando cumprimento ao establecido na Lei do deporte de Galicia e, “dada a importancia que ten o deporte na sociedade actual como actividde cidadá voluntaria, como ferramenta educativa, como elemento crucial no desenvolvemento harmónico das persoas e no seu equilibrio físico e psicolóxico e como elemento que contribúe ao establecemento de relacións plens do individuo co grupo e dos grupos entre si”.
GASTOS DERIVADOS DE COMPETICIÓNS
Estas axudas serviron para financiar campionatos galegos de caza, entre eles o do raposo, e tamén outras actividades de rendemento. Así, no apartado de campionatos, a Xunta financiou gastos derivados da organización destas competicións tales como arbitraxes, alugueiros de instalación, material deportivo, ambulancias, publicidade, carteleira, trofeos, medallas ou equipamentos.
No caso de rendemento, para actividades relacionadas con competicións oficiais de caza, a Xunta financiou remuneracións do persoal técnico e as súas correspondentes cotizacións obrigatorias á Seguridade Social e á Facenda Públicia, incluíndose nestes o director tecnico, adestradores e “outros profesionais de apoio que axuden á mellora do rendemento deportivo (fisioterapeuta, psicólogo, masaxista, nutricionaista..)”. Tamén subvencionou o alugueiro, mantemento, consumo de auga, electricidade, gas e alimentación dos deportistas e adestradores asociados a cada un destes programas e gastos de desprazamento. Finalmente, material e roupa deportiva e gastos de utilización de vehículos, entre outros.
OUTRAS SUBVENCIÓNS
Non foi a única subvención que recibiu a Federación de Caza. Tamén en xullo do pasado ano a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, e o presidente desta Federación, Javier Nogueira, reeditaron outro convenio para o financiamento público dunha "xornada divulgativa orientada a menores de 30 anos para que coñezan esta actividade como un deporte saudable e sustentable". En total, máis de 25.000 euros para "fomentar entre os máis novos os valores ambientais asociados" á caza, como "o respecto e o coidado do patrimonio natural".
AXUDA LUMES
Precisamente, e logo dos incendios do pasado outubro. A Federación de Caza e colectivos de cazadores tamén se adheriu ás axudas concedidas pola Xunta. Foron 40 solicitudes destinadas a atender os gastos de recuperación e protección dos recursos cinexéticos. Unhas solicitudes polas que recibirán 475.000 euros.
Un diñeiro que contrasta, curiosamente, cos 0 euros recibidos para poñer en valor o patrimonio cultural queimado ou os 129.000 que se destinarán ao sector turístico logo das 12 solicitudes de titulares de establecementos afectados e concellos cuxa sinalización se viu afectada, tal e como recolle a weh Historia de Galicia.
CRÍTICAS DO BNG
Por outra banda, o deputado do BNG, Luís Bará denuncia a “colaboración e apoio institucional do Partido popular” ao campionato que se celebra este sábado, en catro concellos galegos “gobernados polo Partido popular” e que consiste en “matar o maior número de raposos no menor tempo posible”. O deputado seguirá rexistrando iniciativas para que cese esta actividade e critica o apoio e colaboración institucional dos concellos de Cerdedo, Cotobade, Campo lameiro, Forcarei e A Estrada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.