Abocados á folga indefinida na Xustiza cuns servizos mínimos "inxustificados"

A Xunta aproba a orde pola que se determinan os servizos mínimos esenciais ante o inminente para a partir do 7 de febreiro. O comité rexéitaos e acusa o vicepresidente Rueda de "enganar á cidadanía" e de adoptar unha actitude "propia dun neno pequeno".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2018 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

Haberá paro indefinido, agás sorpresa de última hora. Goberno e sindicatos seguen sen aproximar posturas. Todo o contrario, cada vez están máis distantes e a medida que pasa o tempo as acusacións cruzadas aumentan en intensidade. Por iso a Xunta decidiu aprobar a orde pola que se determinan os servizos mínimos esenciais ante a convocatoria de folga indefinida nos centros de traballo da administración de Xustiza en Galicia a partir do 7 de febreiro. Os sindicatos avanzaron que os recorrerán por considerar que "son totalmente inxustificados".

Reunión sindicatos xustiza
Reunión sindicatos xustiza | Fonte: Europa Press

"Hai xulgados, por exemplo na Fonsagrada ou Becerrerá, que terían que ter máis funcionarios dos que agora teñen para poder cumprir estes servizos mínimos", asegurou este venres o sindicalista Manuel Díaz, en representación dos sindicatos SPJ-USO, AXG-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CC.OO tras reunirse cos grupos de En Marea, PSdeG e BNG.

Así mesmo, criticou que tampouco "teñen nada que ver" cos servizos mínimos decretados para os anteriores paros realizados os días 1 e 3 de decembro e o 25 de xaneiro. "Aumentáronos de forma totalmente inxustificada", sinalou para defender que a "xurisprudencia tanto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como as sentenzas do Tribunal Supremo (TS) non os amparan".

Pola súa banda, a Xunta, que lamenta que os sindicatos rexeitasen a proposta e abandonasen a reunión celebrada este venres sen ofrecer "ningunha alternativa", xustificou a necesidade destes servizos mínimos en "aras" de "asegurar o mantemento dos servizos esenciais da administración de xustiza e garantir a súa actividade para que a folga non cause prexuízos aos dereitos e intereses lexítimos dos cidadáns".

En concreto, o Goberno galego expresa que a "necesaria conciliación" entre o exercicio do dereito constitucional á folga e o mantemento dos servizos esenciais "obriga" á Xunta a "fixar uns servizos mínimos indispensables" para "garantir o servizo público".

Ademais, precisa que para a súa aprobación se tivo en conta "a doutrina do Tribunal Constitucional e a xurisprudencia do TS existente na materia, así como os distintos procedementos do TSXG".

CONDICIÓNS

Segundo indica o Goberno galego, "deben garantirse os medios" para os actos necesarios do Rexistro Civil; as actuacións que afecten ou poidan afectar á liberdade das persoas tales como as causas con preso; as medidas precautorias ou provisionais en materia de familia, violencia sobre a muller ou liberdade provisional; asi como as actuacións sometidas a prazo perentorio ou a un prazo cuxo incumprimento poida supor unha perda de dereitos ou un prexuízo irreparable nestes.

E tamén para que "se poidan realizar en calquera situación" as cuestións "declaradas urxentes polas leis procesuais e as actuacións nos xulgados e fiscalías de garda e dos servizos de garda do Imelga".

Estes requisitos mínimos son rexeitados polos sindicatos, que inciden en que "levan a que haxa algún órgano xudicial no que tería que estar a traballar máis xente da que hai en cadro".

ACUSAN A RUEDA DE MENTIR

Manuel Díaz compareceu este venres en representación do sete sindicatos do Comité de Folga e acompañado por representantes de todos os partidos da oposición, como Luís Villares (En Marea), Patricia Vilán e Gonzalo Caballero (PSdeG) e Luís Bará (BNG).

O sindicalista acusou o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, de "enganar á cidadanía" e de adoptar unha actitude de "irresponsabilidade total máis propia dun neno pequeno que dun conselleiro".

Así, en primeiro lugar, censurou que o vicepresidente sacase as negociacións do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), onde as partes dialogaban con "luz e taquígrafos" coa mediación da presidenta deste órgano. "O señor Rueda está a falar continuamente dunha reivindicación salarial e é falso", indicou.

Deste xeito, explicou que os sindicatos teñen cinco reivindicacións que se teñen que "negociar no seu conxunto". Estas peticións, segundo indicou, pasan por eliminar os descontos que se lle fai en Galicia, a diferenza doutras comunidades, aos traballadores por enfermidade transitoria; a cobertura de prazas de reforzos ou unha suba salarial.

Neste último punto, aseguraron que Rueda ofrece aos traballadores un incremento "impresentable" de "15 euros ao mes por funcionario". "É totalmente impresentable, son entre 200 e 300 euros por ano e Rueda está a multiplicalo por tres, ao dicir que nos ofrece entre 600 e 900", denunciou.

Con todo, Manuel Díaz deixou claro que os sindicatos están dispostos a negociar "até o día 7" e lamentou que a actitude de Alfonso Rueda poida causar un "mal moi grande á sociedade galega" e aos "profesionais da Xustiza" pola súa "irresponsabilidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta