Os traballadores votan 'si' ao paro total na Xustiza galega "até as últimas consecuencias"

O comité de folga acusa a Xunta de "incendiar os ánimos" a través da Intranet e empregar este sistema como "arma de propaganda política". Ademais, recorrerá os servizos mínimos impostos polo Goberno por "abusivos". "Apartir do día 7 non hai negociación, é a guerra", advirten.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2018 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

As votacións dos traballadores de Xustiza celebradas ao longo deste venres deron un apoio maioritario a que o paro sexa total na folga indefinida convocada a partir do próximo mércores 7 de febreiro.

Xulgados pechados na Coruña por folga na Xustiza galega
Xulgados pechados na Coruña por folga na Xustiza galega | Fonte: @alternativaxus.

Segundo fontes sindicais, as asembleas para decidir se os paros se producirán de forma total ou parcial contaron cunha participación "masiva" e o seu resultado evidencia que os traballadores están dispostos a ir "até as últimas consecuencias" asumindo un desconto "do 100%" na súa nómina polos días de folga.

Deste xeito, acusaron o vicepresidente galego e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, de "agocharse detrás dos micrófonos" e usar a prensa "para desprestixiar" as reivindicacións dos traballadores.

Nesta liña, lembran que o comité de folga está disposto a volver sentar a negociar "cando sexa", pero avisan: "Apartir do día 7 non hai negociación, é a guerra. E non polo comité de folga, senón polos compañeiros".

E é que, como transmiten estas voces próximas ao comité de folga, o uso da rede interna do servizo de Xustiza (Intranet) para lanzar "mensaxes propagandísticas" está "a incendiar os ánimos" entre os traballadores, que se atopan "máis mobilizados".

Xornada de folga na Xustiza galega
Xornada de folga na Xustiza galega | Fonte: @alternativaxus.

Así as cousas, alertan que a falta de negociación por parte da Xunta pode "causar un dano irreparable" no servizo de Xustiza, que "non se vai a poder recuperar en moito tempo".

SERVIZOS MÍNIMOS "INASUMIBLES"

Así mesmo, tachan de "inasumibles" os servizos mínimos propostos pola Xunta, que obrigaría "a duplicar" o cadro coa que contan en condicións normais certos xulgados de Galicia. De feito, os servizos mínimos anunciados polo Goberno galego xa foron recorridos polo comité de folga por seren "totalmente inxustificados".

Por último, acusan a Alfonso Rueda de "mentir" ao reducir a problemática "a unha cuestión de diñeiro", cando as reivindicacións económicas "son só un punto" dos cinco que reclaman os traballadores.

PRESIÓNS DA XUNTA

Lonxe de albiscarse unha solución ao conflito, o certo é que a medida que pasan as horas as posturas son cada vez máis distantes. A isto contribuíu de xeito decisivo a Xunta e, en particular, o vicepresidente Alfonso Rueda, instigando un cruce de acusacións públicas no que pretende gañarse o favor da opinión pública galega.

Nesta estratexia propagandística, o Goberno galego incluíu as "represalias" anunciadas para tentar frear a folga. Por un lado, decretar uns servizos mínimos que os convocantes do paro consideran "abusivos", "inxustificados" e "contra o dereito constitucional", e que suporían "traballar máis xente da que agora teñen en plantilla" xulgados como o  da Fonsagrada, Becerreá ou Arzúa, algo que ven "completamente intolerable"; por outro, anunciar a suspensión de permisos de libranzas e de vacacións para os traballadores da Xustiza durante o mes de febreiro, unha medida que os sindicatos consideran parte das "represalias" da Xunta. Agora a presión chega, segundo o comité, polas comunicacións internas, vía Intranet.

A guerra entre Xunta e traballadores da Xustiza, paradoxalmente, acabará tamén nos xulgados, pois os funcionarios están decididos a recorrer todas e cada unha das medidas adoptadas polo Goberno para tentar parar unha folga que, a estas horas, é inevitable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Breogán

Facedes ben, isto ten que estoupar por algún recuncho. Só hai diñeiro pros amigos do amigo do eldorado.

2 nejrasombra

Xa e moito tempo o que levamos aturando...de todo confiscacions nas extras e condicions penosas nos Xulgados saturados. Non son funcionarios e momento de loitar todolos traballadores

1 Diuop

Guerra? Todo un exemplo de capacidade negociadora civilizada a de istos señores funcionarios de Justicia

1 camilo rueda

Para capacitado o Alfonso Rueda que lle gusta más repartir os diñeiros entre os Seuss amiguetes do PP das agrupaciones locales de Proteccion Civil como o da Estrada.