‘Fulión’ e ‘Fuliada’ nun dos entroidos tradicionais mellor conservados de Galicia

O concello de Manzaneda presume da antigüedade dunha festa declarada de interese turístico de Galicia no ano 2008. Dani Domínguez, coñecido como “Tariro”, mázcara no fulión da “Mourela para acá” fala nesta entrevista do peculiar desta celebración.

Por X.M. Fernández | Manzaneda | 07/02/2018 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

Dende un mes antes do martes de entroido aquí a xente “anda ao fulión". O fulión é  unha representación de veciños e veciñas equipados con bombos, cornas, aixadas e gadañas que, acompañados das mázcaras, visitan as parroquias da contorna para animar o ambiente e pasalo ben. Están organizados de forma espontánea pola xente das aldeas e o Concello non intervén.

O baile da mázcara. Foto: Emilio Romanos
O baile da mázcara. Foto: Emilio Romanos

O martes de entroido, 13 de febreiro, é o día no que coincidirán todos os fulións que hai no concello convocados por este para facer un pasarrúas pola vila e despois reunirse nun xantar popular. Para coñecer algún detalle máis desta ancestral celebración falamos con Dani Domínguez, coñecido como “Tariro”, mázcara no fulión da “Mourela para acá”.

Que caracteriza o “fulión”?

Primeiro de todo que non se debe dicir “folión”, aquí foi e será sempre “fulión”. Destaca por ser un encontro festeiro, espontáneo e anárquico de xente para visitar aos veciños e veciñas. Espontáneo por non programado e polas visitas sorpresa e anárquico porque non temos director de grupo nin se ensaian ritmos cousa que empezan a facer noutros lugares.

Quen o conforma?

Principalmente un grupo de xente equipada con bombos, cornas, apeiros de labranza como aixadas e gadañas e as mázcaras. A maiores, xente que se une para acompañalos, nalgúns fulións súmanse gaiteiros e gaiteiras podendo aparecer tamén o “oso e o domador”, o “toro e o toureiro” e o “paiaso”.

Mázcara. Foto: Lois Rúa
Mázcara. Foto: Lois Rúa

E como se fai logo para poder coincidir con algún?

Pois preguntar pola zona, se tes sorte e alguén te avisa dalgún, perfecto. O normal é que se fagan venres e sábados dentro do ciclo do entroido porque é cando a xente ten máis tempo.

Fálanos da vestimenta da “mázcara”.

A mázcara é a protagonista. Na cabeza leva un pucho ou mitra, polo xeral de forma cónica, con aramios revestidos de cintas ou papeis de cores que a fan moi vistosa. Historicamente sempre levaron careta que se facía con cartóns e incluso coa pel dalgún bombo cando rachaba. Actualmente hai mázcaras que a levan e mázcaras que non, quizais por comodidade se foi perdendo. Na parte de arriba do corpo leva camisa branca con algunhas cintas de cores e mantón de cor vermello ou negro atravesado dende o ombreiro esquerdo ata a cintura. Os vell@s chamábanlle “mantón cubano” ou “mantón de flores” porque posiblemente os traían de Cuba e eran moi vistosos. Na cintura vai o cinto de chocallas que eran as campás que levaban as ovellas e cabras. Daquela quitábanselle aos animais no tempo de fulión e o badalo era de corno de vaca. Na parte de abaixo calzón branco e pantalón branco con puntillas sendo opcional levar por enriba do anterior a coñecida como braga. Nos pes levánse botas negras e polainas de coiro, coñecidas estas últimas como “legues”, que van do nocello ao xeonllo. E como complemento que forma parte do traxe da mázcara está o caxato.

As mázcaras poden ser homes ou mulleres, verdade?

Si, antigamente era cousa de homes pero hoxe en día todo o mundo sen distinción pode ser mázcara.

O baile das mázcaras ten o seu aquel, verdade?

É unha das súas características máis representativa. Cónstame que Rafael Quintía, membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), dixo da mázcara que é quizais a única que baila sobre o seu propio eixe.

Os vellos din que as boas mázcaras “bailan no cu dunha tega” (a tega é unha medida de grau). Hai xente que pensa que só bailan algunhas mázcaras, isto non é así, bailan todas, o que pasa é que se van turnando para non cansarse. Bailan ao ritmo dos bombos xirando a ambos lados mentres fan soar as chocallas levantando lixeiramente os brazos e o caxato en posición vertical.

Fulión e Fuliada, que é cada cousa?

A fuliada é todo en xeral pero para entendernos o fulión é o que comentamos, o encontro espontáneo e a visita ás parroquias e a fuliada é cando o fulión remata nalgunha aira onde se representan pezas teatrais satíricas e coplas referidas aos parroquianos e parroquianas: anécdotas, conflitos de parella, defectos dalgúns veciños, etc. Nestas fuliadas adoitan aparecer personaxes que hai anos que se están a recuperar como o “oso e o domador”, o “touro e o toureiro”“o paiaso”. O oso frégase á xente e o touro envístea mentres que domador e toureiro encárganse de acougalos; o paiaso vén a ser o peculiar director da fuliada. A diferenza dos fulións, as fuliadas si están organizadas e pódense anunciar con tempo.

Seica hai un ritual para empezar, cal é?

Antigamente para facer o fulión e a fuliada era necesario o permiso da Garda Civil e do cura da parroquia. E agora, algo que se mantén aínda da tradición é pedir permiso ao chegar ás aldeas. Na entrada do lugar, o fulión ten que pedir permiso aos veciños e veciñas, permiso que se pide en verso e que ten que ser concedido tamén en verso para poder entrar e facer a festa. Xa dentro, o son da corna manda empezar o fulión (a corna é unha trompeta de metal que usaban os pastores para comunicarse e dar saída aos rabaños). Despois, música e danza de mázcaras polas rúas do lugar. Os veciños e veciñas ofrecen comida e bebida aos presentes, do mellor que teñan na casa nese momento.

Aínda que non é o normal, no programa do concello infórmase dalgún fulión e fuliadas que se poden ver no mes de febreiro.

Fulión. Foto: Emilio Romanos
Fulión. Foto: Emilio Romanos
O Touro e o Toureiro. Foto máis antiga do 1959. Fonte: 'Tariro'
O Touro e o Toureiro. Foto máis antiga do 1959. Fonte: 'Tariro'
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Franc Pedrés

A braga non é algo opcional. Os do meu fulión(fulion da parroquia de San Martiño en manzaneda) levamola case todos, non estou seguro de se todos. Igual que a combinacion, feita de puntilla tamen, que historicamente siempre se levou(e algus ainda a levamos) a combinacion por encima da braga. Ningunha desas duas prendas é opcional, nos ainda o conservamos.

1 Paco da Rosa

E os adornos navideños do pucho tamén son "tradicionais" e "históricos"? As veces estabades mellor caladiños!