Temas: XUSTIZA FOLGA

Masivo apoio á primeira folga indefinida na Xustiza galega, cun seguimento do 90%

A Xunta baixa ao 71% o apoio á paro. O Goberno mantén que segue aberto ao diálogo, pero ao mesmo tempo segue negando calquera posibilidade de acordo este ano sobre o aumento retributivo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2018 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

Os efectos da primeira folga indefinida da Xustiza en Galicia xa se fan sentir nos xulgados do país, con "centos" de xuízos suspendidos que poderían "chegar a miles" se o paro continúa nos próximos días e non se soluciona o conflito. O seguimento, segundo fontes sindicais consultadas, rolda un 90 por cento de media.

Xulgado baleiro na primeira folga da xustiza en Galicia
Xulgado baleiro na primeira folga da xustiza en Galicia | Fonte: Europa Press

A porcentaxe de traballadores públicos do sector xudicial autonómico que a secundan sitúase entre o 85 por cento e o 94 por cento nas cidades. Por exemplo, en Lugo, Ferrol e A Coruña é do 85 por cento, en Santiago roldaría o 90 por cento, mentres que en Ourense superaría o 93 por cento, e en Vigo e Pontevedra estaría sobre o 94 por cento. Ademais, os funcionarios xudiciais protagonizaron este mediodía concentracións ante os xulgados das cidades.

En Santiago de Compostela, o coordinador de SPJ-USO en Galicia, Manuel Tejada, explicou que os datos dos xuízos suspendidos aínda están pendentes de recompilar, pero asegura que serán "centos" este mércores e alcanzarán os "miles" se non cesa a folga.

E é que os servizos mínimos, que "se están cumprindo" nunha xornada sen incidentes, asegurou, céntranse nas cuestións urxentes pero non atenden a tramitación ordinaria. Por exemplo, nos rexistros civís só se están realizando os trámites de rexistro de nacemento e as licenzas para enterramento ao considerar que son dous servizos craves e esenciais para a cidadanía.

DATOS DA XUNTA

O Goberno galego rebaixou a porcentaxe de seguimento da primeira xornada da folga indefinida na Xustiza ao 38,74 por cento, é dicir, 1.046 traballadores dun total de 2.700. Un seguimento "importante", en palabras do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, pero que "descendeu" en relación ao último paro, xa que "máis xente" acudiu ao seu posto de traballo, segundo a súa versión, que contrasta coa realidade duns xulgados baleiros.

Folga indefinida na Xustiza galega. Xulgados de Vigo
Folga indefinida na Xustiza galega. Xulgados de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

O director xeral subliñou que o total de traballadores son 2.700. "Sabémolo ben porque pagamos as nóminas", recalcou, nunha rolda de prensa.

Por provincias, o seguimento da folga na Coruña foi, segundo a versión da Xunta, do 40,92 por cento; en Lugo, do 29,93 por cento; en Ourense, do 48,91 por cento, e en Pontevedra, do 39,93 por cento.

Neste cálculo están excluídos os 116 funcionarios que non acudiron ao traballo por "ausencia xustificada (vacacións, asuntos particulares ou días de libranza) e 770 que cumpren servizos mínimos.

Iso si, sumando estes traballadores e asumindo que os servizos mínimos están "obrigados", a porcentaxe de apoio á folga estaría, admitiu o director xeral, en torno ao 71 por cento. "Ese sería o dato que terían que dar os sindicatos se fosen obxectivos e non o 95 por cento, como supoño que farán", aseverou.

UNS 2.500 TRABALLADORES AFECTADOS

Tejada pediu reflexión á Xunta e censurou as "mentiras" da Administración autonómica ante o conflito. No foco dos sindicatos representados no comité de folga, os sete do sector, están as declaracións realizadas polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do máximo mandatario autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que ven "indignantes".

O conflito afecta a uns 2.500 traballadores ligados ao sector xudicial galego e aséntase en cinco reivindicacións. Houbo avances nas ligadas á consolidación de emprego, amortizacións e cobertura de compañeiros de rango superior, pero téñense enquistado os puntos relativos ao apartado retributivo e á "discriminación" que, segundo os sindicatos, sofren os funcionarios que dependen da Administración autonómica nas baixas por incapacidade temporal.

PROPOSTA DA XUNTA

A Xunta mantén que o aumento salarial do complemento transitorio que demanda o comité de folga e que cifra "nuns 3.000 euros ao ano" por traballador público é "absolutamente inasumible" para as arcas públicas galegas, e insiste en que a proposta autonómica sitúa as retribucións dos funcionarios xudiciais de Galicia "por riba da media".

En concreto, a Xunta propón un incremento de 75 euros ao mes (900 euros ao ano) para os xestores; 62 euros ao mes (744 ao ano) para os tramitadores; e 55 euros ao mes (660 ao ano) para os auxilios. Iso si, o incremento, que terá efectos a partir do 1 de xaneiro de 2019, aplicaríase en tres anualidades.

Ademais a proposta recolle que este aumento no complemento é compatible con manter o concepto retributivo do 'IPC galego', que xa perciben os funcionarios por traballar na administración autonómica galega e que supón ao redor de 9 euros ao mes para os xestores; 8 euros ao mes para os tramitadores; e 7 euros ao mes para o corpo de auxilios.

Aos sindicatos non lles satisfai a proposta económica, nin tampouco o feito de que se pospoña o arranque da súa aplicación o 1 de xaneiro de 2019. Ademais, inciden en que o feito de que se realice en tres anualidades suporía que non cobrarían o total comprometido até 2021. En palabras de Tejada, a oferta "xenerosa" que defende a Xunta, é en realidade "pírrica".

En fronte, o Goberno galego di que unha aplicación inmediata dun incremento podería contravenir a normativa básica (a Lei dos Orzamentos Xerais do Estado) e non se pode formalizar. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou leste mesmo mércores que sería "ilegal" aplicala este ano.

Folga indefinida na Xustiza galega. Xulgados de Vigo
Folga indefinida na Xustiza galega. Xulgados de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.
Folga indefinida na Xustiza galega. Xulgados de Vigo
Folga indefinida na Xustiza galega. Xulgados de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.
Concentración de traballadores en Vigo no primeiro día de folga indefinida na Xustiza galega
Concentración de traballadores en Vigo no primeiro día de folga indefinida na Xustiza galega | Fonte: Miguel Núñez.
Concentración de traballadores en Vigo no primeiro día de folga indefinida na Xustiza galega
Concentración de traballadores en Vigo no primeiro día de folga indefinida na Xustiza galega | Fonte: Miguel Núñez.
Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta