Por Alberto Quian | Vigo | 07/02/2018 | Actualizada ás 22:17
Un 90 por cento de seguimento, de media, entre os traballadores, e uns 500 xuízos suspendidos nas grandes cidades e preto de 200 nas vilas, así como miles de trámites e outro tipo de procedementos xurídicos paralizados. Estes son os datos da primeira xornada da folga indefinida na Xustiza galega, a primeira na súa historia. Pablo Valeiras, voceiro da plataforma sindical que agrupa a SPJ-USO, AXG-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO, valora para Galicia Confidencial este arranque e detalla as causas que levaron aos funcionarios a este paro e as súas reivindicacións.
Que balance fan desta primeira xornada de paro indefinido?
O balance é espectacular. En vinte anos non houbo ningunha folga na Administración de Xustiza e agora tivemos tres paros desde decembro e este mércores comezamos unha folga indefinida, e evidentemente todo o mundo estaba preocupado, porque é un esforzo moi importantes. E a resposta dos traballadores superou con creces as expectativas, xa que o normal, logo de tres paros, é que o seguimento baixase un chisco, pero a participación mantense en números espectaculares.
Como de costume, os datos dos folguistas contrastan cos da Xunta, que rebaixa o seguimento do paro do 90 por cento, de media, que dan vostedes, ao 38,74 por cento, é dicir, 1.046 traballadores dun total de 2.700, unha cifra que finalmente eleva ao 71 por cento con servizos mínimos e ausencias xustificadas. Que valoración fan deses datos do Goberno galego?
(Ri) Unha vez máis, a Xunta fai unha valoración falsa. Nós facemos un seguimento xulgado por xulgado para coñecer o número de folguistas, os que están de servizos mínimos, canta xente hai de baixa ou de permisos, canta foi traballar voluntariamente... Igual que facemos unha contabilización en cada xulgado de cantos procesos había para este día e cantos se suspenderon. Así que non imos a entrar nin a discutir nin a especular sobre os datos que dá a Xunta. Xa todos sabemos que os gobernos sempre rebaixan as cifras nas folgas e manifestacións. A loita de cifras dános igual. Nós sabemos perfectamente a forza que temos e amosámola na manifestación de Santiago de Compostela, onde os propios medios recoñeceron que como mínimo había 2.000 traballadores da Xustiza galega.
"Sería contraditorio que os mesmos servizos mínimos que o Tribunal Superior de Xustiza deu como legais antes agora diga que son ilegais".
Ata cando e até onde están os funcionarios dispostos a chegar con este paro?
Polo que piden os propios traballadores, até o final. Porque grazas ás declaracións do vicepresidente Alfonso Ruerda e agora as do presidente Alberto Núñez Feijóo, máis os silencios do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que é o que parece que leva agora a negociación, pois evidentemente non imos deixar esta loita até que logremos acabar coa discriminación que sufrimos respecto doutros compañeiros do resto do Estado. O propio Parlamento de Galicia recoñeceu e obrigou ao conselleiro a procurar un encontro cos sindicatos para acabar con esta discriminación.
Recentemente dixeron que mesmo estarían dispostos a chegar até o verán con este paro. Pero unha cousa é a predisposición colectiva e outra, o aguante económico e emocional de cada individuo. Como se pode soster esta situación no tempo sen desfalecer?
Temos un bo exemplo do que aconteceu na Administración de Xustiza en 2008, nas comunidades autónomas sen competencias transferidas, cando os funcionarios conseguiron dobregar ao Ministerio de Xustiza logo de máis de dous meses de folga indefinida. E nós estamos na mesma liña. Imos plantar cara a este goberno, que nos últimos catro anos nos confiscou entre 10.000 e 3.500 euros a cada traballador da Xustiza. Así que estamos dispostos a aguantar o que sexa necesario.
Vostedes cualificaron de "abusivos" os servizos mínimos decretados por Vicepresidencia da Xunta para esta foga. Como valoran a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de denegar a medida cautelar de suspensión solicitada polo comité de folga?
A ver... O que fixo o Tribunal Superior de Xustiza foi non entrar ao fondo da cuestión. O único que fixo foi contestar a nosa petición de medidas cautelares, que era a suspensión provisional desa orde até entrar no fondo da cuestión. A súa decisión foi denegar esa suspensión provisional, pero en ningún momento valorou que eses servizos fosen ou non abusivos. Aínda queda entrar no fondo. O triste é que podería suceder que para cando o faga e teñamos un acordo logrado, on conflicto estea acabado. En todo caso, nós estamos convencidos de que o Tribunal resolverá finalmente que estes servizos mínimos son abusivos, sobre todo porque sería contraditorio que agora decidise outra cousa diferente ao que dixo a última sentenza sobre os paros anteriores. Seria contraditorio que os mesmos servizos mínimos que deron como legais agora digan que son ilegais.
"Retamos a quen sexa a que se poña en contacto co Consello de Relacións Laborais e tente desmentir o que dicimos".
Quen se levantou da mesa de negociación, quen rachou co diálogo, vostedes ou a Xunta?
As mentiras descóbrense moi facilmente. Cando en novembro convocamos este proceso, a Xunta negaba que existía discriminación de ningún tipo e negaba a posibilidade de chegar a algún acordo porque entendía que non había desacordo. Foi a partir das primeiras convocatorias de folga cando a Xunta se empezou a decatar realmente de que existía un apoio dos traballadores a este proceso moi importante e unha oposición absoluta. A partir de aí conseguimos a mediación, xa que o propio Consello de Relacións Laborais —organismo da Xunta—, ante a magnitude que estaba adquirindo o conflito, tomou a iniciativa de facer unha mediación voluntaria e convocounos a Xunta e sindicatos para tentar chegar a un acordo. Durante esas xornadas houbo un avance moi importante e, de súpeto, dun día para outro, Facenda decidiu botar fóra ao Consello de Relacións Laborais, e desde ese momento xa non se produciu ningún avance. A Dirección de Función Pública citounos un par de veces, pero se se nos trouxo primeiro o mesmo texto que nós non considerabamos e suficiente e, na última reunión, con total desfachatez, presentáronse cun documento empeorado, no que o avanzado para aplicar en 2018 se retrasaba a 2019, e con condicións que non eran as negociadas. O luns da semana pasada tivemos unha reunión mediada, e a Xunta declinou o convite e dixo que non pensaba voltar. Se iso é negociar... E retamos a quen sexa a que se poña en contacto co Consello de Relacións Laborais e tente desmentir o que dicimos.
Feijóo defendeu este mesmo mércores que aplicar a suba salarial este ano sería "ilegal"...
Primeiro, o acordo retributivo está relacionado co problema da discriminación que sufrimos, baseado en cinco puntos: a equiparación salarial dos funcionarios galegos cos do resto do Estado, a creación de novas prazas, a consolidación das prazas de reforzo, mellorar as condicións dos substitutos e que os funcionarios teñan as mesmas condicións nas baixas que no caso de maxistrados, fiscais e letrados. No tema económico, como din que non hai cartos e logo se aplica unha suba dos salarios do sete por cento para os altos cargos, incluído o soldo do propio Feijóo? E como pode ser que nunha comunidade tamén gobernada polo PP como a de Madrid lles veñan de subir os soldos aos funcionarios de Xustiza? Ou tamén en Asturias? Cal é a diferenza entre Galicia e Madrid e Asturias? Cal é o problema?
"O vicepresidente Rueda ou ben vive nun mundo paralelo ou ben descoñece a nosa táboa reivindicativa".
O vicepresidente Alfonso Rueda foi, talvez, o máis duro do Goberno galego con vostedes, especialmente nos medios de comunicación, mantendo un debate público moi quente nas últimas semanas con vostedes. Considérano, como titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e chegados a este punto no que se atopan agora, un interlocutor válido?
Primeiro, JJ Martín, o director xeral de Xustiza da Xunta [Juan José Martín Álvarez], que para nós, repito, xa é simplemente JJ Martín, porque non ten máis valoración ca esa, non é un interlocutor válido. E Rueda, se é quen de decidir por si só, válenos perfectamente como interlocutor, pero o problema é que o señor Rueda non ten capacidade de decisión ningunha. Porque ao final se ten que ser a Consellería de Facenda a que tome as decisións, o que pedimos é que sexa o conselleiro deste departamento o que negocie con nós. Se o problema está en Facenda, teremos que falar con Facenda, non con Rueda.
Pero é Rueda o que está facendo de altofalante da Xunta nos medios...
Si, Pero non ten que ver xa co que diga nos medios. Eu estiven este martes no Parlamento de Galicia escoitando a intervención de Rueda, na súa contestación ao grupo de En Marea. E permitiuse o luxo de dicirlle a Luís Villares que coas súas reivindicacións para o noso colectivo estaba tentando discriminar aos funcionarios da Xunta. Isto siginifica ou ben que Rueda vive nun mundo paralelo ou ben que descoñece a nosa táboa reivindicativa. Porque as nosas referencias para compararnos son os traballadores da Administración de Xustiza do resto de autonomías, porque nós non somos funcionarios da autonómica, non dependemos nin de Función Pública nin da Lei de Función Pública... Somos funcionarios estatais e dependemos da lei orgánica estatal. Polo tanto, non sabemos se é que Rueda está mentindo ou se simplemente é un ignorante.
Este mesmo mércores, Feijóo dixo no Parlamento sobre o conflito: "Apúntome a solucionalo". Aceptarían a Feijóo como interlocutor?
Nós o único que pedimos é un interlocutor con capacidade de decisión e intención de negociar, non alguén que diga que quere negociar e logo non apareza nas mesas de negociación. A realidade é que na mesa se presentaron cun documento pechado e dicíndonos que iso era o que había. Iso non é unha negociación. Que Feijóo colla as rendas parécenos perfecto. Pero foi o propio Feijóo quen dixo que non pode asumir unha suba salarial dos funcionarios do 16 por cento, cando en catro anos se nos confiscou entre 10.000 e 3.500 euros por traballador, que é nada máis e nada menos que o 20 por cento dos nosos soldos, e Feijóo non dixo nada. E sería bo recordarlle ao señor Rueda, ao conselleiro de Facenda e ao señor Feijóo que mensualmente, desde hai tres anos, perdemos 100 euros mensualmente respecto dos nosos compañeiros no resto de comunidades autónomas; é dicir, uhha media de 1.200 euros anuais. Se isto é asumible... É esta a "Galicia da Champions League", a "quinta economía do Estado", como din?
"Por cada día de folga sufrimos descontos moi importantes, de entre 70 e 85 euros diarios. Polo tanto, primeiro aclarar que nós non queremos estar de folga. Queremos un acordo".
Que é necesario, que ten que poñer a Xunta sobre a mesa, para que se desconvoque a folga?
O primeiro, intención de negociar. Dá a sensación de que na Xunta consideran que todos nós somos folguistas de nacemento e que pretendemos estar de folga porque é o único que nos apetece facer. Gustaríame recordarlle ao presidente e ao conselleiro que por cada día de folga, por cada día que non imos traballar, sufrimos descontos moi importantes, de entre 70 e 85 euros diarios. Polo tanto, primeiro aclarar que nós non queremos estar de folga. Queremos chegar a un acordo e acabar cunha discriminación que sufrimos, recoñecida polo Parlamento galego e con evidencias de números. Pedimos que veñan, que se senten e que negocien, como pasou en Madrid cun goberno do Partido Popular, e como pasou en Asturias.
Pero cal é a proposta concreta ou o punto clave que revertería esta situación?
Esta é unha reivindicación coral. Estamos a falar de cinco puntos, xa mencionados. E para negociar é clave que Xunta non nos comparte cos funcionarios da Administración Autonómica. Somos funcionarios estatais e, recoñecendo iso e a discriminación que sufrimos respecto dos compañeiros doutras autonomías, pódense poñer os primeiros pilares para poder chegar a un acordo.
Mais a Xunta mantivo que si había acordo cando menos en tres dos cinco puntos...
Iso non é certo. Houbo achegamentos, mais non acordos. Non existe acordo en nada. Nunca o houbo. Ademais, falsean a realidade cando din que nos ofertan entre 600 e 900 euros ao ano, cando en realidade é unha suba anual en tres anos; é dicir, serían uns 15 euros ao mes o primeiro ano, outros tantos o segundo ano e unha cantidade similar no terceiro. É dicir, nin sequera sería este ano, senón en tres anos, que serían 2019, 2020 e 2021. Polo tanto, non existe acordo en ningún punto, sí achegamentos en tres e alonxamento absoluto en dous puntos, sobre todo na discriminación sanitaria. E insistimos, non é simplemente un tema económico, é unha reclamación coral.
"Á Xunta parece que non lle chegan a Televisión de Galicia e os medios de comunicación afíns. Por iso decidiu usar tamén a Intranet para lanzar a súa propaganda e tentar incendiar os ánimos"
Son certas as presións, coaccións ou ameazas da Xunta para frear a folga?
Si. Á Xunta parece que non lle chegan a Televisión de Galicia e os medios de comunicación afíns, como algún xornal que está facendo un ataque á Xustiza e os seus traballadores coma se fósemos delincuentes. E como parece que isto non lle chega á Xunta, decidiu usar tamén a Intranet para facer filtracións sobre o proceso de negociacións que se matiñan, lanzar mensaxes propagandísticas e tentar incendiar os ánimos. Tentaron deste xeito burlar as negociacións, intoxicar e xerar malos entendidos entre os traballadores. Pero o seguimento da folga demostrou que esas manipulacións non tiveron efecto. Tamén pretenderon derrogar por decreto as vacacións e libranzas, antes da folga e despois da folga, sen saber canto duraría, usando esta medida como medida de coacción. Pero cunha media do 90 por cento de seguimento do paro, está claro que as tácticas da Xunta non están tendo efecto.
Que mensaxe lle envían á cidadanía galega en xeral, e en particular aos cidadáns afectados por este paro?
A mensaxe é que o noso único interese é acabar coa discriminación que sufrimos, igual que a calqueroutro traballador non lle gustaría estar discriminado con iguais. Igual que reivindicamos na nosa sociedade, por exemplo, que unha muller non pode cobrar menos ca un home facendo as mesmas funcións, polo feito de ser muller, nós dicimos que se os traballadores da Xustiza facemos o meso aquí e en Aragón, teremos que ter os mesmos dereitos. Ademais, a xente ten que saber que parte das nosas reivindicacións van dirixidas a unha mellora do servizo público e a acabar coa temporalidade na Xustiza. Queremos recuperar as 106 prazas de funcionarios desaparecidas desde 2013. A Xunta tumbou esas prazas e iso contribuíu sen dúbida a ralentizar a nosa Xustiza. Estamos loitando para que a Xustiza galega sexa de primeira e non de segunda. Entendemos que podemos causar prexuízos estes días polo paro, pero trátase dunha loita por unha Xustiza de futuro, decente e eficaz. Queremos acabar coa nosa discriminación, pero tamén lograr unha Xustiza eficiente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.