A lei da Xunta que favorece grandes proxectos eólicos con menos trámites, baixo revisión en Bruxelas

A Comisión Europea ten un procedemento de infracción en curso contra o Estado Español por non ter transposto a directiva no prazo especificado. Lidia Senra insiste na "ilegalidade" desta normativa para favorecer ás grandes multinacionais.

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 07/02/2018 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais da Xunta -e á que a oposición denomina como Lei de Depredación da Galiza - será analizada en Europa. Esta normativa permite favorecer aos xigantes privados do monopolio enerxético, como por exemplo, Gas Natural Fenosa ou Enerfin Grupo Elecnor-.

Isto concrétase, entre outros privilexios, na redución á metade dos prazos necesarios para a instrución do procedemento da autorización administrativa previa e de construción, sendo especialmente significativa a redución á metade dos prazos de instrución do procedemento de avaliación ambiental o que "presumibelmente conculca directamente o dereito a consulta e información da cidadanía afectada".

Así o cre, cando menos, a eurodeputada nacionalista galega, Lidia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), que trasladou este mércores á Dirección Xeral de Medioambiente da UE a súa preocupación pola declaración de 18 parques eólicos como “proxectos de interese especial”, ao amparo desta normativa.

FEIJÓO "BUSCA INVERSORES"

“Resulta intolerábel que a estas alturas do século XXI unha Administración pública como a Xunta de Galicia se gabe de aprobar leis para reducir á metade os prazos de avaliación ambiental argumentando que iso atrae inversores”, condenou a eurodeputada galega. “Está claro entón que o que Feijoo quere son inversores aos que lles interesa actuar en países nos que haxa unha deficiente protección dos dereitos sociais e do medioambiente", denunciou.

Dende que a finais de decembro o Comisario de Medioambiente, Karmenu Vella, respostou a unha pregunta parlamentaria de Senra sobre posíbeis incompatibilidades entre a coñecida como "Lei de Depredación" e a Directiva 2014/52/UE alertando do feito de que a propia Comisión Europea ten un  procedemento de infracción en curso contra o Estado Español por non ter transposto a directiva no prazo especificado -16 de maio do 2017-. De feito, Senra está a manter contactos ca Comisión Europea a fin de trasladar directamente aqueles aspectos susceptíbeis de incumprir a normativa europea de protección medioambiental que o Partido Popular, tanto no Goberno central como no galego, estase negando a acatar.

"SALTAR OS DEREITOS"

Neste caso, a eurodeputada alertou á Dirección Xeral de Medioambiente da CE da aplicación da figura “proxecto de interese especial” como “unha estratexia para saltarse o dereito que teñen as persoas afectadas por estes proxectos a pronunciarse sobre os mesmos, así como á garantía de procesos de avaliación ambientais exhaustivos”.

A citada Directiva europea ten entre os seus obxectivos fundamentais a mellora dos principios de avaliación ambiental de proxectos públicos e privados,  co cal, a priori, e para Senra, "semella non ter moita cabida a creación dunha fórmula como a de proxecto de interese especial”, que vén a ser unha "coladeira  para o negocio das eólicas".

Parque eólico en Cabo Vilán
Parque eólico en Cabo Vilán

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta