Por Xurxo Salgado | Compostela | 08/02/2018 | Actualizada ás 15:11
Galicia está no segundo día de folga dos funcionarios da Xustiza. Unha folga que paralizou os xulgados galegos e que abriu unha fenda moi importante entre a Xunta e os distintos sindicatos convocantes, sobre todo, despois de que estes denunciaran que “non hai vontade de negociación” por parte do Goberno galego. A resposta do seu presidente non se fixo agardar e este xoves criticaba duramente aos funcionarios de Xustiza por querer cobrar máis que o resto.
“Piden un incremento moi potente do seu salario que os diferenciaría do resto dos funcionarios e os situaría por riba da media dos traballadores públicos do Estado”, criticou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Así, indicou que piden que se lle soba un 3,3% máis. Un incremento, dixo, que se acumularía coa suba dos salarios dos funcionarios públicos prevista entre un 1 e un 1,6%. “E isto é moito”, suliñou.
O único no que lle deu a razón aos funcionarios é en que a Xunta tiña pensado incrementar o salario en 2018 “pero que finalmente non tiñan os efectos legais para poder facelo”. Por iso, cargou contra os sindicatos por dicir que os funcionarios de Xustiza están “á cola” do Estado en retribución. “Iso é faltar á verdade”, dixo. Ademais, insistiu en que a Xunta xa recolle todo o que piden os folguistas; máis diñeiro para os xulgados de violencia de xénero, máis xulgados e máis permisos de maternidade.
DEMANDAS QUE NON COINCIDEN
Unhas demandas que non coinciden coa dos funcionarios. Pablo Valeiras, voceiro do comité de folga dos funcionarios, apuntou nunha entrevista ao GC que piden a equiparación salarial dos funcionarios galegos cos do resto do Estado, a creación de novas prazas, a consolidación das prazas de reforzo, mellorar as condicións dos substitutos e que os funcionarios teñan as mesmas condicións nas baixas que no caso de maxistrados, fiscais e letrados. Tamén indicou que nos últimos catro anos, a Xunta confiscou entre 10.000 e 3.500 euros a cada traballador da Xustiza e queixouse de que a Xunta non quere negociar con eles.
Pero a Xunta insiste en que segue aberta a negociar. O propio Feijóo quixo confirmar que non se levantatron das negociacións e que “a Xunta segue na mesa”. “Hai unha proposta que todos deben valorar”, indicou. Unha proposta que os sindicatos xa descartaron por dicir que é prexudicial e que non recolle as súas demandas.
RUEDA E VALERIANO MARTÍNEZ
Por outra banda, Feijóo confirmou –tal e como xa apuntaran antes os sindicatos--, que nas negociacións se incorporou o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. Con todo, descartou que se trata de restar competencias ao vicepresidente e encargado de Xustiza, Alfonso Rueda, senón que “porque ao falar de termos salariais é normal que estea”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.