Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2018 | Actualizada ás 14:19
Moi duros. E cada vez máis firmes nas súas posición e demandas. Os funcionarios da Xustiza galega non están dispostos a dar un paso atrás nas súas reivindicacións. E agora cargan con especial virulencia contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen tachan de "indecente e farsante".
A sala de vodas dos xulgados de Santiago de Composteloa foi o lugar elixido para facer este venres un balance da folga indefinida que manteñen os funcionarios da Xustiza desde o 7 de febreiro. Tería sido un lugar simbólico para selar un pacto, pero paradoxalmente, a sala de vodas foi o escenario no que se escenificou o que parece un divorcio definitivo entre as partes: traballadores e Xunta.
En representación do sete sindicatos que integran o comité de folga, Manuel Díaz (UGT) incidiu na necesidade de "recoller a luva" despois de que Feijóo os retase na pasada xornada a presentar unhas cifras que desmentisen a afirmación da Xunta de que a súa oferta económica, que non convence ao colectivo, os situaría "por riba da media" de comunidades.
Especialmente dutos co presidente da Xunta, esixiron que este cese o que consideran "bastas manipulacións dos datos" no que respecta, por exemplo, á amortización de prazas e á situación retributiva deste colectivo.
Neste contexto, os representantes sindicais, que acusan a Xunta de "xogar á folga" e buscar "o desgaste" dos traballadores, e a Feijóo de "comprometerse só coa súa carreira política", advertiron de que a táboa que o Goberno galego expón desde hai semanas "está manipulada".
"Para que lles cadren as contas son capaces ata de converter en comunidades a Ceuta e Melilla", esgrimiu, antes de incidir en que, fronte ao que fai a Xunta, "son 12 comunidades" e o Ministerio (que se encarga do resto do territorio) as que sentan na Conferencia Sectorial de Xustiza e as que deben ser tidas en conta.
Neste sentido, subliñaron que a Xunta ofrece "cero" euros de suba para 2018, o que mantería a Galicia "á cola" neste exercicio. Coa súa proposta económica, que se aplicaría en tres anualidades e a partir de 2019, tamén desmentiron que se vaian a incrementar "entre 600 e 900 euros".
CONFLITO ENQUISTADO
Así as cousas, o conflito, lonxe de solucionarse, está enquistado. Os traballadores manteñen as súas "lexítimas" demandas, logo de serlles "confiscado un 20 por cento" das retribucións en catro anos e verse "discriminados" en salario e dereitos respecto dos seus compañeiros do resto de autonomías, pois, como veñen incidindo, son funcionarios estatais, non autonómicos.
Pola contra, a Xunta teima na súa estratexia propagandística en comparalos cos funcionarios autonómicos para facerlle chegar á opinión pública galega que o que piden suporía uns "privilexios" para este colectivo respecto doutros funcionarios de Galicia.
Así, este mesmo xoves o propio presidente da Xunta acusou os funcionarios da Xustiza de pedir "un incremento moi potente do seu salario que os diferenciaría do resto dos funcionarios e os situaría por riba da media dos traballadores públicos do Estado”. Algo que negan rotundamente os traballadores.
Pablo Valeiras, voceiro do comité de folga dos funcionarios, apuntou nunha entrevista concedida a GC que as súas demandas son a equiparación salarial dos funcionarios galegos cos do resto do Estado, a creación de novas prazas, a consolidación das prazas de reforzo, mellorar as condicións dos substitutos e que os funcionarios teñan as mesmas condicións nas baixas que no caso de maxistrados, fiscais e letrados. E que en ningunha, malia o dito pola Xunta, se chegou nunca a ningún acordo.
Tamén indicou que nos últimos catro anos, a Xunta "confiscou" entre 10.000 e 3.500 euros a cada traballador da Xustiza, o que equivale a un 20 por cento do salario, e queixouse de que é o Goberno galego o que non quere negociar con eles.
As negociacións están totalmente rotas. E o diálogo entre as partes pasou das mesas dos despachos aos medios de comunicación e o Parlamento galego. O cruce de declaracións é constante e alcanza niveis de confrontación cada vez máis elevados. A folga seguirá sendo indefinida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.