Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/02/2018 | Actualizada ás 10:00
"Para que lles cadren as contas son capaces –Feijóo e Rueda-- até de converter en comunidades a Ceuta e Melilla", esgrimiron este xoves os portavoces sindicais dos funcionarios de Xustiza para criticar os argumentos dados pola Xunta. Previamente, o xoves pasado no Consello da Xunta, Feijóo acusara aos funcionarios de querer cobrar máis que a media dos traballadores do Estado.
Feijóo insisitiu o xoves en que a subida salarial que pide o comité de folga, "de entre un 12 e un 16 por cento" --uns 3.000 euros ao ano por funcionario--, é "inasumible" e reivindicou a proposta da Administración que situaría as retribucións dos empregados públicos do sector xudicial en Galicia "cara arriba" na táboa de comunidades e "por encima" da media.
En concreto, a Xunta expón, a través do complemento autonómico transitorio, un incremento de 75 euros ao mes (900 euros ao ano) para os xestores; 62 euros ao mes (744 ao ano) para os tramitadores; e 55 euros ao mes (660 ao ano) para os auxilios. O incremento, que tería efectos a partir do 1 de xaneiro de 2019, aplicaríase en tres anualidades.
Ademais, a proposta recolle que este aumento no complemento é compatible con manter o concepto retributivo de 'IPC galego', que xa perciben os funcionarios por traballar na administración autonómica galega e que supón ao redor de 9 euros ao mes para os xestores; 8 euros ao mes para os tramitadores; e 7 euros ao mes para o corpo de auxilios.
OS FUNCIONARIOS GALEGOS, NA COLA DO ESTADO
Visiblemente molestos coas declaracións do presidente, os voceiros dos funcionarios criticaron a "deshonestidade política" de Feijóo, ademais de cualificalo de "indecente e farsante". Ao tempo, pediron que cese o que consideran "bastas manipulacións dos datos" no que respecta, por exemplo, á amortización de prazas e á situación retributiva deste colectivo.
Os traballadotres aseguran que o que cobran está por baixo da media, de feito, no posto dez das autonomías e insisten en que a Xunta ofrece "cero" euros de subida para 2018 –algo que o propio Feijóo admitiu--, o que mantería a Galicia "á cola" neste exercicio. Aínda coa proposta económica da Xunta, que se aplicaría en tres anualidades e a partir de 2019, tamén desmentiron que se vaian a incrementar "entre 600 e 900 euros" ao ano, nin sequera en 2021.
En concreto, o incremento estaría (en 2021), segundo os cálculos dos sindicatos, entre os 500,39 euros ao ano dos auxilios e os 520,39 euros dos xestores, pasando polos 507,39 euros anuais dos tramitadores.
POR BAIXO ATA 2021
"Coa xenerosa oferta que nos fan para 2021, o que cobrariamos nese ano seguiría estando por baixo da media do que se cobra no resto de territorios na actualidade. A maiores, durante 2013, 2014, 2015 e 2016, Feijóo confiscounos das nóminas entre 3.400 e 10.000 euros, algo que non ocorreu no resto do Estado", agregan.
Así mesmo, defenderon que, fronte ao que di a Xunta, a subida que piden poderíase aplicar en 2018 e "non sería ilegal" se se fai pola vía da produtividade que contempla a Lei Xeral do Poder Xudicial. Por iso, convocaron ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ou ao vicepresidente galego, Alfonso Rueda, a participar o vindeiro luns en Santiago nunha reunión, ao entender que esta interlocución é básica para resolver o paro indefinido no sector xudicial galego, que cumpre este venres o seu terceiro día.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.