Medio Rural aumenta o diñeiro en propaganda tras a vaga de lumes de outubro

Destina case un millón de euros en publicidade institucional en dúas campañas; unha de concienciación contra os incendios e outra do leite. A maior parte dos cartos están destinados aos grupos mediaticos galegos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/02/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural decidiu aumentar o diñeiro destinado a publicidade institucional, especialmente, despois da vaga de lumes do pasado outubro na que arderon case 80.000 hectáreas.  De feito comezou este ano 2018 con dúas campañas publicitarias para concienciar contra os incendios e potenciar o leite galego que suman case un millón de euros.

Así, ten previsto investir 650.000 euros no desenvolvemento da campaña publicitaria para "previr, sensibilizar e concienciar aos galegos das consecuencias que se derivan dos incendios forestais". Unha cantidade que supón un incremento de case o 45% respecto a de 2017, en concreto, 200.000 euros máis.

A duración máxima desta campaña será de 63 días (nove semanas) e a maior parte do orzamento, entre un 40 e 55% irá destinado á prensa escrita. Entre un 15% e 30% para medios dixitais (maioritariamente as versións dixitais deses mesmos medios escritos), e radio e televisión con entre un 10% e un 25% do orzamento total.

MÁIS CARTOS TRAS OS LUMES

Este incremento de diñeiro non é circunstancial. En plena vaga de lumes, o 17 de outubro, o Goberno galego  publicou como publicidade nunha ducia de xornais impresos (as oito cabeceiras tradicionais de Galicia e catro de Madrid) a declaración institucional de Feijóo. Unha declaración que explicaba a postura política do Executivo sobre a vaga de incendios e na que se incidÍa na trama incendiaria, desbotada, agora, pola Fiscalía de Medio Ambiente. Esa publicidade (dun só día) custoulle aos galegos uns 77.000 euros.

Non foi a única relacionada cos lumes. Tres semanas despois, a Xunta subvencionaba un programa medioambiental no Grupo Voz  a través do organismo público Sogama. Un programa para o que destinou 75.000 euros nun procedemento negociado sen publicidade para facer un programa medioambiental en Radio Voz, a 12ª cadea en audiencia de Galicia.

LEITE

Por outra banda, Medio Rural destinará 220.000 euros, IVE inclúido, a desenvolver unha nova campaña publicitaria entre os medios de comunicación galegos para consumir leite galego. A maior parte deste orzamento, como no caso da campaña anterior, vai para os grandes medios de comunicación en papel, que levarán entre un 35 e un 50% do orzamento.

O sector leiteiro representa preto do 40% da produción total do estado. E, a pesar diso, os gandeiros galegos son os que "tradicionalmente menos veñen facturando por cada litro de leite producido". A Xunta explica que isto é debido á propia orografia galega e á atomización das granzas leiteiras que son "moi pequenas" en Galicia e que incrementan "considerablemente" o prezo de recollida e transporte  repercute na rendabilidade do produto.

Por iso, e tras a liberalización en 2015 da produción láctea no conxunto do mercado europeo, a Xunta ven desenvolvendo nos últimos anos, diversas actuacións de comunicación ao abeiro da marca Galega 100%, un selo de diferenciación dun leite producido integramente en Galicia, por empresas e gandeiros galegos e cunha calidade óptima".

A Xunta pagou a varios xornais por publicidade a toda páxina coa declaración institucional de Feijóo sobre os incendios.
A Xunta pagou a varios xornais por publicidade a toda páxina coa declaración institucional de Feijóo sobre os incendios.

Lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 continua o antroido merdeiro

QUE RULE ISE VIDEO: sae frijoles coa mangueira apagando un lume na manchica (cerca de Ourense) xunto con outros dirixentes pepeiros cos baldes cheo de auga nas mans e o inútil indimitido valenzuela o vicepresidente 1-1-2, asi vemos o que temos, a cabeza traballu, o importante e darlle a "couce da malicia" e demais adláteres, os euritos os billetazos de cincocentos, algún directivo peloteiro da telejaita decía de levala o concurso dos oscares, nese sitio ha moita corru-PPcion e moito cambalache onde pode signifcarse coma gran premio pagado a estatuilla e serviría como promoción internacional para a candidatura do presidente a expaña tras a caída do nefando "sobresueldos" MARIJUANO, eu para que vexan que non son tan maloso doulle un premio a película do bombero frijoles, un bo rollo de papel do wáter.