Por Galicia Confidencial | Ames | 13/02/2018 | Actualizada ás 10:00
Unha cunca de caldo como tapa, tanto durante as comidas, como pola tarde nas ceas. Esa é a iniciativa que, con motivo da celebración do Día de Rosalía 2018, unha efeméride que terá lugar o vindeiro 24 de febreiro, queren poñer en marcha os concellos de Ames, Brión e Padrón, coa Fundación Rosalía de Castro.
“Caldo de Gloria”, que así se chama esta proposta, convida aos establecementos do sector hostaleiro destes concellos a que durante os días 23, 24 e 25 de febreiro sirvan cuncas de caldo. Os locais adheridos recibirán un cartel e manteis de papel para utilizar esas datas. O prazo para apuntarse na devandita campaña estará aberto ata o vindeiro luns 19 de febreiro. Asemade, dentro desta iniciativa, o venres 23 servirase caldo galego na rede municipal de comedores escolares.
E por que caldo?, porque foi o caldo o que Rosalía de Castro describe no poema Miña casiña, meu lar de Follas Novas. Un poema no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que as rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria. Con el non só logra alimentarse e sobrevivir: na súa humildade e ao pé do lume da lareira tamén é feliz.
Trátase dunha receita, tipicamente galega, que será ofrecida como tapa á hora da comida e da cea nos locais que se adhiran a esta iniciativa. Como este ano o Día de Rosalía coincide nun sábado, 24 de febreiro, proponse que o caldo sexa servido durante toda a fin de semana, de venres a domingo. Os locais adheridos recibirán un cartel e manteis de papel para utilizar esas datas.
SEGUNDA EDICIÓN
Esta é unha iniciativa que puxo en marcha en 2017 a Fundación Rosalía de Castro e á que se uniu o ano pasado o Concello de Padrón. Este ano, ademais de Ames, súmase o Concello de Brión, polo que xa serán tres os concellos que leven a cabo dita iniciativa. Para potenciar a participación activa nesta campaña crearase o pertinente hashtag ou cancelo e na páxina web http://rosalia.gal/ poderanse descargar tódolos materiais e textos relacionados co evento.
Para participar neste campaña tan só hai que comunicalo a través dos correos electrónicos turismo@concellodeames.gal ou atencioncidada@concellodeames.gal. O prazo para apuntarse na devandita campaña estará aberto ata o vindeiro luns 19 de febreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.