Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 22/02/2018 | Actualizada ás 22:00
O carballo anano do Monte Pindo, tamén coñecido como carballo añón ou caxigo (Quercus lusitanica), é único en Galicia. A especie só se atopa nalgúns núcleos do Rif marroquí e en áreas do occidente peninsular ibérico, desde Cádiz até o Portugal central, chegando aos distritos máis setentrionais do sector Divisorio Portugués. A partir de aí, nin rastro desta árbore, até uns 300 quilómetros ao norte, no Olimpo sagrado dos celtas, o Pindo, onde de xeito extraordinario se mantén, contra case todo prognóstico, unha poboación singular, única, de carballo anano. Nin sequera os lumes puideron con ela.
Javier Amigo Vázquez e M. Inmaculada Romero Buján, do Departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), veñen de presentar os resultados dun novo estudo fitosociolóxico sobre esta prodixiosa poboación de Quercus lusitanica que sobrevive no Monte Pindo —municipio de Carnota— como a única desta especie en Galicia e a máis setentrional do mundo.
Trátase, segundo os propios científicos, dun "fenómeno bioxeográfico extraordinario, que se pode resumir como a manifestación más finícola (extremadamente alonxada da súa área de ocupación normal) dun tipo de vexetación arbustiva, exclusiva do occidente ibérico e do Rif".
"Tan finícola é, que nin sequera se fai recoñecible o sintaxón superior (Quercion lusitanicae) do que procede a súa especie directriz e constrúe unha comunidade diferente, cunha matriz na que predominan elementos de Calluno-Ulicetea minoris", detallan os científicos.
Finícola é un termo científico que se aplica a plantas ou comunidades que viven próximas ao bordo da súa área de distribución. Neste caso, estamos a falar dun salto de preto de 300 quilómetros en liña recta, desde o centro de Portugal, á altura de Coimbra, até o Monte Pindo, na provincia da Coruña.
A "excepcionalidade" desta poboación —que mesmo logrou resistir o incendio que arrasou o Monte Pindo en 2013— e "a proporción de elementos híbridos que alberga" levan aos científicos a considerar "necesario un estudo máis profundo sobre a xenómica do conxunto desta poboación".
"Incluso os exemplares híbridos foron vistos frutificados, no recente verán-outono do ano 2017", salientan os investigadores, que destacan que "a capacidade de recuperación por rebrote do carballo anano, incluíndo os seus híbridos tamén ananos, tras os incendios, parece ser o seu punto máis forte para resistir con suficiente número de individuos nesta localidade".
A presenza do carballo anano no Monte Pindo é "un fenómeno de excepcionalidade bioxeográfica que paga a pena ser estudado e a súa poboación protexida".
Aínda que os científicos recoñecen que "parece inviable garantir neste momento o risco nulo de incendio cara ao futuro", os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela fan súa "a demanda que a maioría da cidadanía de Carnota vén solicitando desde hai anos a través da Asociación Monte Pindo Parque Natural, con apoio de decenas de asociacións naturalistas e de todo ámbito de toda Galicia", a cal debería empurrar as Administración públicas a "poñer os medios que garantan a pervivencia deste singular tesouro xeobotánico", que os científicos etiquetan —dándolle peculiaridade— como Ulici izcoi-Ericetum cinereae subas. quercetosum lusitanicae, diferenciándoo das demais poboacións ibéricas e do norte de África.
"A composición florística da proposta como nova subasociación é absolutamente peculiar e diferente de calqueroutra comunidade na que se desenvolve Quercus lusitanica", subliñan os autores do estudo, xa que "inclúe a presenza de dous híbridos dos que este carballo anano é un parental": o Quercus×gallaecicus, híbrido de Q. lusitanica × Q. robur e o híbrido Quercus lusitanica × Q. pyrenaica. Destes, "o Quercus×gallaecicus ten neste enclave a súa área exclusiva de presenza mundial", destacan.
A presenza de Quercus lusitanica no Monte Pindo, conclúen, é "un fenómeno de excepcionalidade bioxeográfica que paga a pena ser estudado e a súa poboación protexida", recalcan os investigadores da USC.
"FUTURO INCERTO"
Os científicos non obvian que o carballo anano "segue tendo en Galicia un futuro incerto, aínda que tecnicamente se trate dunha poboación protexida".
Non só os incendios, como o que arrasou o Pindo en 2013, ou outro anterior en 2001, poñen en risco a supervivencia desta especie, que afronta outras ameazas de tipo biolóxico, como a presenza na área de especies exóticas invasoras. Nos niveis altitudinales máis baixos, onde se asenta o núcleo poboacional, na proximidades á aldea de San Cibrán, cultívase eucalipto, pero tamén está está a penetrar a invasora albicia amarela.
Con todo, os científicos foron sorprendidos pola resistencia do carballo anano, logo do devastador incendio de setembro de 2013, que queimou practicamente toda vexetación en superficie no Monte Pindo. "Na primavera seguinte apreciábanse rebrotes na gran maioría dos exemplares de carballos ananos arrasados polo lume", destacan os investigadores, que tras observacións realizadas sobre o terreo afirman que o Quercus lusitanica "parece desenvolver a súa propia estratexia de loita" contra os lumes.
A única poboación galega de carballo anano está situada en ladeiras pedregosas e posicións de solaina deste excepcional macizo granítico que é o Monte Pindo, que se levanta ao pé do litoral, en plena Costa da Morte, enxalzan os científicos. Aquí, "atopa o carballo anano unhas condicións de substrato que lle son moi propicias: rochedos acedos (graníticos) masivamente aflorantes en forma de bloques, posibilitando un espazo reducido e intermitente, de chan pouco profundo aínda que fresco, que permite o asentamento de Q. lusitanica con escasa competencia con especies arbóreas".
Grazas ao esforzo do colectivo ecoloxista ADEGA no ano 2008, o carballo anano pasou a formar parte do Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
Javier Amigo e Inmaculada Romero lembran que a rareza desta planta en Galicia xa fora destacada polo monógrafo Joâo do Amaral Franco en 1990, mais "non se lle outorgou maior importancia para tomar medida algunha de protección a nivel local". Xa no século XXI, a Xunta de Galicia elaborou o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA), que foi "difundido como anexo a unha normativa legal, cuxa publicación (D.O.G., 2007) ditaminou medidas de protección para unhas 75 especies de plantas vasculares". Pero, remarcan os científicos da USC, "nesta listaxe non se consideraron algunhas plantas galegas valoradas no Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España", do Ministerio de Medio Ambiente.
"O resultado puxo de manifesto a insuficiencia do estudo técnico para a elaboración de devandito CGEA", critican os investigadores, que recordan que "unha das especies non consideradas nese Anexo foi Q. lusitanica, aínda que posteriormente, grazas ao esforzo dun colectivo ecoloxista que procedeu a solicitar a súa inclusión (ADEGA, 2008), en 2011 se modificou o Decreto que regula o devandito CGEA, incluíndo a Q. lusitanica baixo a catalogación de vulnerable (D.O.G., 2011)".
Actualmente, a poboación de carballo anano galego atópase na Zona Especial de Conservación dos Valores Naturais ES1110008, 'Carnota - Monte Pindo', polo que conta coa protección que corresponde aos espazos que forman parte da Rede Natura 2000. Con todo, avisan os expertos, "para xestionar a conservación dunha especie, é necesario coñecer en detalle o tipo de comunidade vexetal do que forma parte, como expresión primeira do hábitat no que se acha esa especie, máxime se se atopa dentro dunha ZECVN", xustifican os autores para presentar o seu estudo sobre o tipo de vexetación que pode definir o hábitat deste arbusto en Galicia, así como o estado de conservación desta singular poboación.
No informe presentado por ADEGA en 2008 para a solicitude de inclusión do carballo anano no CGEA recoñecíanse tres núcleos de poboación nas ladeiras do Monte Pindo; porén agora os científicos da Universidade de Santiago consideran que "se debe considerar como un só núcleo de poboación, con densidades variables de individuos na totalidade da área ocupada".
Doutra banda, tamén fan constar que "non existe ningún exemplar de carballo anano" no Ézaro, municipio de Dumbría, a escasamente vatro quilómetros cara ao norte de Carnota, considerando así errónea a identificación en 2011 de varios arbustos como Quercus lusitanica. "Atópanse, con todo, numerosos exemplares xuvenís de Quercus robur, tamén de Quercus pyrenaica Willd., e algún exemplar disperso cuxo indumento foliar pode levar a que se interprete como un híbrido deste último con Quercus lusitanica, híbrido designado como Quercus×diegoi [...], pero non se atopou ningún exemplar coa arquitectura simpódica e pluricaule, nin a marxe foliar dentadolobulada, caracteres que son típicos de Quercus lusitanica", argúen os científicos para desbotar que os exemplares do Ézaro son carballos ananos.
Esta nova achega científica publícase no último número da revista Nova Acta Científica Compostelana, co título 'La comunidad vegetal del carballo enano, Quercus lusitanica Lam. (Fagaceae, Magnoliopsida), en Monte Pindo (A Coruña, Noroeste ibérico)'. Unha nota ao final do mesmo aclara que "estando o traballo en proceso de publicación", os autores tiveron "coñecemento do achado dunha presenza de Q. lusitanica nunha localidade portuguesa máis setentrional, no municipio de Póvoa de Varzim, distrito do Porto". Isto situaría máis preto do que se coñecía, agora a menos de 180 quilómetros, a poboación desta especie máis cercana á galega. Con todo, os científicos din descoñecer se se trata dun único exemplar ou se é unha poboación máis numerosa, xa que a súa difusión foi coñecida a través de Internet.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.