Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2018 | Actualizada ás 11:26
Edición Xerais de Galicia, editorial que ten os dereitos en galego do libro 'Fariña' de Nacho Carretero, estuda "en que medida" lle pode "afectar" o secuestro da publicación ordenado por un xulgado de Collado Villalba a petición do ex-alcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar, xa que tiña previsto lanzar a obra na primavera.
Así o explicou o director xeral de Xerais, Manuel Bragado, quen asegurou que non recibiron "notificación" xudicial sobre a medida cautelar, que tamén leva a prohibición de impresión e comercialización de novos exemplares, e explicou que a obra en galego se atopa "en proceso de edición".
Bragado asegurou que en Xerais están "sorprendidos" e "atónitos" pola medida cautelar sobre 'Fariña', xa que afecta á liberdade de información, polo que espera que o proceso xudicial "se resolva o mellor posible e se respecten os dereitos de todas as persoas implicadas".
Preguntado sobre se anteriormente lle sucedeu algo similar en Xerais, Bragado recalcou que "é a primeira vez" que teñen "un caso deste tipo" no que se establece o secuestro dun libro vinculado con esta editorial.
Á espera de "saber como" lle afectará a medida cautelar á publicación en galego de 'Fariña', Bragado puntualizou que tiñan previsto que a edición en Xerais sexa publicada "na primavera de 2018".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.