As regueifeiras galegas desafíannos este sábado

Este sábado 24 de febreiro, terá lugar o II Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza en Vila de Cruces, organizado pola comunidade educativa do IES Marco do Camballón.

Por Moncho Mariño | Vila de Cruces | 22/02/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia
O encontro ten como obxectivo visualizar a nova xeración de improvisadoras da Nova Regueifa Feminista e servir de foro de reunión para as protagonistas deste movemento. Por iso achegaranse a Vila de Cruces máis de quince repentistas de todo o país. O alumnado do instituto das Cruces convida a toda a veciñanza da comarca e da Galiza a participar neste evento aberto ao público. 

A xornada comeza ás 11.30 cunha Asemblea de Mulleres Regueifeiras, onde se valorará a situación actual do movemento repentista. Á tarde, ás 16.30 terá lugar unha mesa redonda sobre Regueifa e feminismo e a continuación un espectáculo de regueifa ás 18:00 onde participarán regueifeiras de toda Galiza. Ás 20:30 horas haberá outro encontro de mulleres regueifeiras.

No espectáculo participarán regueifeiras locais como Nuria das Cruzes ou Lorena Medela, ao lado doutras repentistas como Alba María, Sara Marchena, Sofia, a Gharota da Ribeira, Marisa Otero, Pia Lago, Lara do Ar, Silvinha, Aurora Redondo, Olaia Liñares ou Joana Santos Vilela e Estrela do Courel, crianzas do Clube de Regueifa da Escola Semente de Compostela. 

No evento haberá un momento para unha homenaxe póstuma ás persoas que no ano 1980 foron gravadas pola musicóloga suíza Dorothe Schubart en Sabrexo e cuxas cancións forman parte do Cancioneiro Popular Galego e do patrimonio inmaterial do noso país. "Unha neta das tres mulleres que foron gravadas no ano 1980 está no instituto, por iso imos celebrar esta homenaxe" di  o profesor e dinamizador Sechu Sende.

PROXECTO REGUEIFESTA

O IES Marco do Camballón está a impulsar a improvisación oral en verso xunto ao IES de Baio através do Proxecto Regueifesta e con este Encontro quere facilitar ao alumnado do Camballón unha experiencia de organización e autoxestión. O alumnado da materia de 2º da ESO “Regueifa e improvisación oral en verso” dinamiza, xunto ao profesorado que orienta esta actividade, un proceso de xestión cultural do que son protagonistas.

Cartel do II Encontro de Mulleres Regueifeiras Cartel do II Encontro de Mulleres Regueifeiras
Cartel do II Encontro de Mulleres Regueifeiras Cartel do II Encontro de Mulleres Regueifeiras
A regueifa precisa de improvisación, "aínda que os temas estean xa seleccionados, nós temos que ir recitando" di Lorena Medela, quen será unha das participantes. Lorena animouse a ser regueifeira "porque me gustaba cantar, vin que amigas miñas se apuntaban á regueifa e por iso me animei a participar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta