Temas: RAG

As xeracións máis novas están protagonizando “un proceso acelerado de monolingüización en castelán”

A Real Academia Galega alerta no Día da Lingua Materna da creba da transmisión lingüística interxeracional. Reclama un compromiso sincero, unha acción eficaz e iniciativas máis ambiciosas por parte do Goberno e do conxunto das institucións galegas e dos axentes sociais para atallar esta tendencia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/02/2018 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega difundiu este mércores, co gallo do Día Internacional da Lingua MaternaLingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992 – 2016, unha nova publicación do Seminario de Sociolingüística que presenta unha visión panorámica da situación social da lingua galega co obxectivo de identificar as tendencias que marcan a súa evolución nas últimas décadas. O traballo advirte da crecente ruptura da transmisión interxeracional e duns usos minguantes do galego por parte da xente máis nova, especialmente nos ámbitos urbanos e periurbanos.

Campaña 'Gústame o galego', da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua / ghafos.blogspot.com.
Campaña 'Gústame o galego', da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua / ghafos.blogspot.com.

“A nosa ética profesional, na liña da acción continuada da Real Academia Galega canto entidade legalmente encargada da defensa e ilustración da lingua galega, obrígamos a lanzar a voz de alerta, unha voz que quere ser alentadora, pero que non pode deixar de expresarse en tons de alarma”, salienta ao respecto na introdución o coordinador do Seminario de Sociolingüística, o académico Henrique Monteagudo. “Non pretendemos alimentar un discurso pesimista sobre o futuro do galego, pero non podemos deixar de sinalar os riscos que corre o noso idioma”, engade.

TENDENCIA NEGATIVA

A análise, un resumo e unha actualización de Lingua e Sociedade. A evolución sociolingüística 1992-2013, reflicte unha sociedade bilingüe cunha “vitalidade incuestionable” da nosa lingua, con máis de 1,3 millóns de galegofalantes habituais, pero esta cifra non pode ocultar que o signo das tendencias é negativo, sobre todo cando se introduce o factor tempo.

Entre a poboación xeral, o perfil máis frecuente é o das persoas que empregan como lingua habitual o galego (31 %) ou tanto o galego como o castelán (42 %), e os datos do CIS de 2016 amosan que o galego é a lingua materna do 44,7% das persoas de 18 ou máis anos, fronte ao 30,7% que teñen como lingua inicial o castelán ou o 23,6% con ambas.

Pero se na análise se ten en conta a poboación máis nova, desde os 5 anos, e se detén nos 65, a lingua inicial maioritaria empeza a ser o castelán (38% fronte ao 34% do galego e o 28 % de ambas), que é tamén o idioma que emprega habitualmente unha maior proporción nesta ampla franxa de idade que conta coas xeracións máis novas.

Estes resultados -advírtese- ofrecen un prognóstico do que pode acontecer a curto prazo nos usos lingüísticos se a situación non experimenta “un drástico cambio, e sen necesidade de aplicar complicadas fórmulas matemáticas”. De feito, as xeracións máis novas están xa protagonizando “un proceso acelerado de monolingüización en castelán, a un ritmo que non prevían os resultados de estudos demolingüísticos previos”.

CAUSAS

Pero cales son os motivos da creba da transmisión interxeracional do galego? O traballo explica que esta ruptura non é consecuencia tanto das decisións das familias, senón que máis ben procede de “aspectos relacionados coa súa escasa presenza na socialización secundaria”, nomeadamente no ámbito escolar e de maneira especial en determinados contextos semiurbanos.

Sobre o papel da escola, aínda que se evidencia que a institucionalización deu avances positivos, como demostra a crecente competencia para ler e escribir en galego desde os anos noventa, sinálase tamén que co último decreto neste eido, o 79/2010, asistimos a unha reversión dos avances conseguidos.

Con este diagnóstico sobre a mesa, a RAG apela ao conxunto da sociedade e en especial aos seus líderes políticos, económicos e sociais para garantir o futuro da nosa lingua “Cómpre recoñecer as dificultades do presente e os erros do pasado, pero sobre todo é imprescindible un compromiso sincero, unha acción eficaz e iniciativas máis ambiciosas por parte do Goberno e do conxunto das institucións galegas e dos distintos axentes sociais”, conclúe Henrique Monteagudo.

Temas: RAG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 17 comentarios

8 José

O cal demostra a urxencia en aplicar un modelo lingüístico no eido educativo igualiño que o da inmersión en Cataluña. Así de claro.

7 Xan do Can

Nini, Luisito e Olleros. Papanatismo españolista en estado puro ou provocación orquestrada de Galicia Confidencial? Para lixo, ti Nini. Como se non houbese unha língua obrigada, verdade Luisito, como se fose un proceso natural... A liberdade, si ho, cóntallelo aos cataláns, fálame de extradicións por delitos dos altos tribunales españois dos que rin no estranxeiro, do rapeiro que vai á cadea, dos retratos censurados en Arco ou de Fariña, o último libro secuestrado. Todo en 24 horas! E da imposición fascista, diso sabes ti Olleros. Sempre nos queda unha alternativa: a provocación de Galicia Confidencial para atraer lectores. Noxenta!

6 Oleiros

La reacción normal a 35 años de imposición del gallego en la administración, la escuela o en los impostados de los políticos, es que todo el mundo asocie el gallego a la imposición, el fanatismo o los malos hábitos políticos.

5 Luis90

Eu son sensible á conservación das linguas, pero tamén digo, si os mais novos non queren falar en galego, ¿que vase facer? ¿Obrigalos? Hai que aceptar unha posibilidade, que tal vez de cara a uns anos unha inmensa maioría de galego non falen galego... porque non queren! Estamos nun estado de dereito, hai libertade, e esa é unha opción que pode darse, e haberá que respetala. O que sí haberá que garantizar, en todo suposto, é que todos os mozos coñezan o galego e este poida estar presente en todas partes. Pero si unha maioria non quere usalo despois na sua vida cotiá, haberá que aceptalo.

4 Nini

La gente no lo quiere porque no vale para nada. Se le pueden dar las vueltas que se quieran pero lo que subyace es eso.

1 Un de paso

Vale tanto coma o castelán ou calquera outra lingua, nin máis nin menos. Non sexa vostede supremacista.