Por Xurxo Salgado | Compostela | 22/02/2018 | Actualizada ás 15:39
“Non se lle vai subir máis o soldo”. Máis claro e máis contundente non puido ser o presidente da Xunta sobre a folga indefinida que desde hai máis dunha semana manteñen os funcionarios de Xustiza. Unha folga que, como xa adiantou GC, o Goberno da Xunta quere afogar utilizando só o argumento económico e trasladando a imaxe, a través dalgúns grandes medios de comunicación, de que son uns privilexiados por pensar só no diñeiro.
Así, repetiu que non haberá un cambio de interlocutores, a pesar de que os sindicatos queren negociar directamente co conselleiro Rueda. “Calquera interlocutor que sexa non lle vai subir máis os soldos”, insistiu na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. E mesmo foi máis alá ao acusalos de ser uns privilexiados e de “tentar cobrar máis que outros funcionarios que sacaron a mesma oposición ca eles e traballan noutras áreas”. “Queren cobrar máis que a maioría dos funcionarios de Galicia e do Estado”, insistiu.
NON FALOU DAS 5 REIVINDICACIÓNS
Feijóo en ningún momento falou das cinco reivindicacións que reclaman os funcionarios: a equiparación salarial dos funcionarios galegos cos do resto do Estado, a creación de novas prazas, a consolidación das prazas de reforzo, mellorar as condicións dos substitutos e que os funcionarios teñan as mesmas condicións nas baixas que no caso de maxistrados, fiscais e letrados. Reduciu toda a problemática a unha cuestión económica.
E, novamente, volveu a acusalos de “desprezar” a suba de 1.000 euros anuais proposta. “É a maior oferta que se fixo nos últimos anos desde unha administración, a maior da última década e non a aceptan”, repetiu ao criticar que eses 1.000 euros “é o que gañaría un mileurista nun mes” e os funcionarios “é o que gañarían de máis ao ano”.
AVISO SOBRE A CUT
Así, volveunos a acusar de ser os responsables de que non haxa acordos “por levantarse da mesa” e advertiu que a Xunta non cambiará os seus interlocutores. É máis, advertiu sobre os comportamentos “dalgunhas centrais sindicais”. “Dicir que non queren aos nosos negociadores é coma se nós dicimos que non pode negociar o seu xefe de negociadores que é da CUT”, dixo tentando acusar a este sindicato dos problemas que existen.
Feijóo dixo estar aberto ao diálogo pero “desde a racionalidde e o sentido común”. E volveu a advertir que non haberá cambio nas condicións económicas porque “nin este, nin ningún goberno podería aceptar a suba que piden”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.