O conselleiro de Educación avanza un plan para potenciar o uso do galego entre os máis novos

Román Rodríguez insta a non precipitarse nas actuacións sobre o Pazo de Meirás para non cometer "erros xurídicos"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2018 | Actualizada ás 12:26 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avanzou a próxima presentación dun "plan para potenciar o uso do galego" entre a mocidade galega.

Román Rodríguez, na Radio Galega
Román Rodríguez, na Radio Galega | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista na Radio Galega este sábado, Rodríguez admitiu preocupación por este asunto, ao ser preguntado polos datos da Real Academia Galega nos que se apuntaba a que o castelán xa é lingua materna maioritaria en Galicia.

Respecto diso, asegurou que "é un problema absolutamente social", pero valorou que Galicia, "en comparación con outras comunidades autónomas, tamén está á vangarda no sentido de que hai un maior número de persoas que entenden que a súa lingua maioritaria son as dúas, o galego e o castelán". Neste escenario, instou a "traballar en positivo" e a "sacar o galego das liortas políticas".

Respecto á proposta de Cidadáns en España para que as linguas cooficiais non sexan requisito obrigatorio para o acceso á función pública, dixo que se trata dunha "proposta absolutamente desenfocada e que descoñece o que son as realidades das diferentes nacionalidades históricas que temos en España".

PAZO DE MEIRÁS

Por outra banda, sobre o Pazo de Meirás, apelou á cautela: "hai que ser moi coidadosos". Após asegurar que de momento a familia Franco non lle comunicou á Xunta a súa intención de vender o inmoble, opinou que o feito de que estea nunha páxina web dunha axencia inmobiliaria é "un dato curioso".

Insistiu en que "o que si ten que facer a familia cando queira proceder á venda, cando haxa un hipotético comprador ou un hipotético interese cunha oferta firme, é trasladarllo á Xunta de Galicia para que exerza, se quere, o dereito de tenteo e retracto".

Neste contexto, chamou a avanzar "nas diferentes vías para evitar trasladar un euro dos recursos públicos, dos recursos dos galegos, pola compra do pazo, porque xa foi comprado no seu momento".

Ante unha hipotética demanda xudicial contra a familia Franco, derivada dos traballos da comisión técnica que estuda as vías para incorporar Meirás ao patrimonio público, apostou tamén pola prudencia porque "se está ante unha cuestión dunha profundidade xurídica enorme e todos os pasos teñen que ser dados cunha forte seguridade xurídica para evitar efectos perversos" ou que "unha decisión mal tomada poida ter un efecto non desexado que signifique que unha administración pública transfira recursos aos propietarios actuais do pazo".

O obxectivo, engadiu, é "buscar unha liña xurídica que posibilite" que o inmoble "pase a patrimonio público". "Todo o que sexa coller atallos ou correr pode levar a cometer erros e neste tema, se algo non debemos facer, é cometer erros xurídicos que poidan botar por terra a formulación inicial que todos formulamos, que todos desexamos: que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio público sen ter que desembolsar ningún recurso económico aos actuais propietarios", resolveu.

No día de Rosalía, o titular de Cultura reivindicou que a súa figura contribúe a "unir unha sociedade". "Galicia, honrando a Rosalía de Castro, hónrase a si mesma", subliñou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Leike

O único plan posíbel para garantir a supervidencia do galego é: a) A implementación dun sistema escolar completo que teña como principal lingua vehicular o galego b) A galeguización total da Administración galega (dende os concellos á Xunta e incluíndo claro está o Sergas enteiriño) c) a garantía de múltiples medios de comunicación ( dixitais, prensa, radio, televisión...) no noso idioma. O Plan xa foi aprobado no seu día polo Parlamento Galego e o PP paralizou o pouco que se fixera. É cousa de poñelo de novo en marcha coas medidas que o adapten á actual situación tan grave e compensen o tempo perdido. O demais son cortinas de fume e manobras de despiste.