Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2018 | Actualizada ás 15:17
Sindicatos da Xustiza manifestaron este luns, ante a decisión da Xunta de manter invariable a súa oferta de suba retributiva, que o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha declaración na que insta a colocar o colectivo "da metade para arriba" na táboa salarial das comunidades con competencias asumidas.
"Iso é o que a cidadanía ten que saber. Pedimos que se cumpra esa declaración e chegaría un céntimo de cada 100 euros dos orzamentos da Xunta; iso é o que nos nega", sentenciou Manuel Díaz (UXT), cando se cumpren 14 xornadas efectivas da folga indefinida que arrincou o 7 de febreiro, en relación a unhas contas galegas duns 9.500 millóns de euros.
Con todo, a Xunta non parece disposta a ceder ás súas pretensións e afirma que a súa última proposta segue sobre a mesa (este mesmo luns reiterouno o vicepresidente, Alfonso Rueda). Nela, Rueda defendeu que se accede "ao que querían os sindicatos" nas demandas relativas a consolidación de emprego, amortización de prazas e substitución de compañeiros de rango superior.
En canto ás baixas por incapacidade temporal (IT) e a discriminación que denuncia o comité de folga polos descontos, comprométese a trasladar as condicións "máis vantaxosas" que se acorden en Madrid, para traballadores de Xustiza e "o resto de empregados públicos galegos".
Sobre a oferta económica, mantense unha suba do complemento autonómico transitorio de entre 816 e 1.080 euros ao ano (en función do corpo —auxilios, tramitadores ou xestores—) en dúas anualidades (2019 e 2020). A Xunta defende que este incremento situaría os funcionarios galegos "por enriba da media" do conxunto de comunidades.
Enfronte, os sindicatos discrepan de que haxa acordo nos puntos que sinala a Xunta, á que acusan de "manipular táboas e nóminas", e reivindican unha suba liñal de 225 euros ao mes a aplicar en tres anualidades desde este ano 2018 e para todos os corpos. A Xunta sostén que a suba de "2.700 euros ao ano" por traballador que suporía é "inasumible" para as arcas públicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.