SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2018 | Actualizada ás 13:42 por EUROPA PRESS
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecerá no próximo pleno do Parlamento de Galicia para "dar conta da proposta" do Executivo autonómico no proceso de negociación para "mellorar as condicións dos traballadores da xustiza", que se atopan en folga indefinida desde o pasado 7 de febreiro.
Na roda de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou que Rueda solicitou a petición propia acudir á Cámara, polo que esta petición acumularase á formulada por todos os grupos da oposición, que esixiron que o tamén conselleiro de Presidencia, Xustiza e Administracións Públicas acudise ao Pazo do Hórreo.
Así, en primeiro lugar, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olaia Rodil, considerou necesario que o vicepresidente explique a postura da Xunta en relación a este conflito. Ademais, instouno a "abandonar a prepotencia e retomar as negociacións" no marco do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), como así reclaman os traballadores.
Pola súa banda, dende o grupo socialista, Patricia Vilán, que considerou que o conselleiro de Xustiza acode ao pleno "forzado", emprazou a Alfonso Rueda a sentarse cos representantes dos traballadores.
"Onte a representación solicitou a mediación do CGRL e fixo unha chamada ao conselleiro de Emprego. Si o vicepresidente non é capaz de poñer de acordo ás consellerías de Emprego, de Facenda e de Xustiza, quizais é o momento de que Feijóo asuma a súa condición de presidente" e interveña, manifestou.
Para rematar, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, criticou a forma na que Rueda aceptou acudir á Cámara xa que, "ao estilo PP", "o propio Goberno propuxo a súa comparecencia a petición propia" despois de que esta xa fora solicitada pola oposición. "Debe dar conta da situación na folga de xustiza e do que ten pensado facer o Goberno galego para solucionar esta situación", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.