Por Galicia Confidencial | Padrón | 01/03/2018 | Actualizada ás 22:00
Cortizo, fabricante de perfís de aluminio e PVC para a arquitectura e a industria, anunciaba esta semana que pechaba o 2017 con “cifras récord", volvendo establecer máximos históricos de facturación, produción e emprego. Así, suliñaba que en 2017 o seu volume de negocio foi de 554 millóns de euros, o que supón un incremento do 17,9% respecto dos 470 millóns do exercicio anterior.
Ademais, destacaba tamén que creou 290 novos postos de traballo, o que eleva o cadro até os 2.800 empregados. Este crecemento, indicaba, foi "especialmente significativo" nos seus centros produtivos de Padrón, onde conta con 1.539 empregados, 160 máis que no anterior exercicio. Un anuncio que non gustou, precisamente, entre os seus traballadores que denuncian que ese crecemento “foi a conta da súa explotación”.
Hai un ano, colectivos de traballadores contactaban con este medio para denunciar “situacións escravistas” nesta empresa. Así, aseguraban que tiñan que traballar sábados e domingos e só libraban unha fin de semana ao mes e que os tiñan ameazados con despidos senón facían o que piden os encargados. “Fannos traballar 7 días seguidos (56 horas) en cada quenda sin descanso”, sinalaban entón.
Unhas denuncias que, en declaracións a GC, desmentían posteriormente fontes autorizadas da empresa e indicaban que xa se fixeran algunhas “correccións nas quendas de fin de semana”, tal e como pedían os traballadores. Ademais, e tras as informacións deste medio que tiveron gran repercusión na comarca, a empresa realizou cambios, como ter un calendario anual e quendas de traballo máis reguladas.
MALESTAR DOS TRABALLADORES
Non obstante, un ano despois, o novo anuncio da empresa de que segue aumentando beneficios, xerou malestar entre os traballadores. “Será que gañan eles máis porque nós non vemos un can”, apuntan a este medio representantes laborais que prefiren manter o anonimato por temor a represalias.
De feito, apuntan que, desde hai xa semanas que a empresa está despedindo a aqueles traballadores que non quixeron facer horas extras. Tamén sinalan que os obrigan a estar a catro quendas de traballo o que, din, “impide calquera tipo de conciliación laboral e familiar”. “Ás veces non disfrutamos da familia, sobre todo, os que temos nenos pequenos”, quéixanse.
“CONDICIÓNS PRECARIAS”
De feito, tamén a estas críticas sumouse CIG-Industria de Compostela. Benedicto Blanco, secretario comarcal desta federación asegura que ese medre “é a conta de manter ao seu persoal nunhas condicións laborais precarias”. Así, denuncia que todos os beneficios que este grupo gaña é “a costa de ter aos traballadores atemorizados porque se non fas aquilo ao que che obrigan acabas na rúa”.
Neste sentido lembra que a empresa ten a obriga de elaborar un calendario laboral onde conste a distribución semanal e diaria da xornada, o horario de traballo para cada quenda, os descansos semanais e as vacacións e sempre axustándose ás 1.760 horas/ano. “A partir de aí, se logo a empresa quere facer unha distribución irregular da xornada pode facelo sempre que respecte as condicións que exixe o convenio.”
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.