Temas: XUSTIZA FOLGA

Balance dun mes de folga na xustiza: case 10.000 xuízos aprazados e milleiros de trámites suspendidos

Os xulgados galegos cumprirán o mércores un mes paralizados, á espera de que as partes retomen o diálogo. Por unha banda, todos os sindicatos; SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CSIF, CIG e CC.OO, e pola outra, a Xunta de Feijóo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2018 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos cumprirán o vindeiro mércores 7 de febreiro un mes paralizados por mor da primeira folga indefinida dos funcionarios do sector --un colectivo integrado por uns 2.700 traballadores-- nos máis de 20 anos transcorridos desde que se transferiu a competencia á comunidade.

Juzgado vacío en la primera huelga de la justicia en Galicia
Juzgado vacío en la primera huelga de la justicia en Galicia | Fonte: Europa Press

Con 18 xornadas lectivas --días laborais-- acumuladas de paro, o balance é "demoledor" e, segundo os cálculos dos sindicatos, aprazáronse "case 10.000 xuízos" (algúns até 2019 ou 2020), unha cifra que a Xunta ve esaxerada. Pero hai que sumar outros milleiros de trámites e procedementos xurídicos, posto que os rexistros civís tamén están "colapsados".

Distintos membros do comité de folga, no que están representados SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CSIF, CIG e CC.OO., coinciden en apuntar que "cada semana de folga supón un ano de atraso" nun sistema xudicial que, xa de seu, está sobrecargado.

"Catro semanas, son catro anos de atraso", calculan, mentres outras voces como os colexios de procuradores e avogados galegos se pronunciaron xa publicamente para alertar dos efectos do paro e urxir ás partes, Xunta e sindicatos, a negociar para buscar unha saída a un conflito que deriva "en colapso".

Con todo e a pesar de que ambos insisten en que teñen "toda a vontade" de negociar, comité de folga e Goberno galego parecen chegar a un punto de difícil retorno e as súas posturas, máis afastadas que nunca. Así, os sindicatos preparan máis actos reivindicativos e o vicepresidente, Alfonso Rueda, ten previsto comparecer o martes no pleno para abordar o conflito.

Após a última ruptura das negociacións, Rueda ofreceu esta semana aos sindicatos sentar na mesa para falar se suspenden o paro. Pero o comité de folga respondeu que non acepta "chantaxes" e pídenlle que participe no diálogo sen condicións.

É máis, remarcan que a Xunta ten "a obrigación de negociar" e insisten en que debería haber un mediador. Para iso, pediron reiteradamente o retorno do Consello Galego de Relacións Laborais.

PROPOSTAS

Rueda afirmou que se senta farao disposto a "falar de todo", sen descartar o ámbito económico, pero tanto el como o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, remítense, entre tanto, á última oferta que a Administración deixou sobre a mesa. Nela, Rueda defendeu que se accede "ao que querían os sindicatos" nas demandas relativas a consolidación de emprego, amortización de prazas e substitución de compañeiros de rango superior.

En canto ás baixas por incapacidade temporal (IT) e a discriminación que denuncia o comité de folga polos descontos, a Administración comprometeuse a trasladar as condicións "máis vantaxosas" que se acorden en Madrid, para traballadores de xustiza e "o resto de empregados públicos galegos".

Sobre a oferta económica, tradúcese nunha subida do complemento autonómico transitorio de entre 816 e 1.080 euros ao ano (en función do corpo --auxilios, tramitadores ou xestores--) en dúas anualidades (2019 e 2020). A Xunta defende que este incremento situaría aos funcionarios galegos "por encima da media" do conxunto de comunidades.

En fronte, os sindicatos discrepan de que haxa acordo nos puntos que sinala a Xunta, á que acusan de "manipular táboas e nóminas", e reivindican unha subida de 225 euros ao mes a aplicar en tres anualidades desde este ano 2018 e para todos os corpos.

A Xunta sostén que, a subida de "2.700 euros ao ano" por traballador que suporía aceptar é "inasumible" para as arcas públicas. Os sindicatos remítense a unha iniciativa aprobada por unanimidade na Cámara autonómica, que apela a situar ao colectivo "da metade para arriba" na táboa salarial das comunidades coa competencia transferida, e reclaman que "se cumpra o mandato parlamentario".

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 VivenDPM

Son ricos e poden. A folga da constrción do ano 33 durou un ano na Coruña e a xente pedía limosna. Ao mellor se chegan a esto consiguen dar pena e que a cudadanía os apoie, hoxe reforzan ao peperolo