Por Xurxo Salgado | Compostela | 05/03/2018 | Actualizada ás 22:00
“Que La Voz saque información das cuestións internas da UPG chama a atención e que as saque nun momento como o actual, aínda máis”. É o comentario dun histórico militante desa formación que confirma a existencia de fendas dentro da Unión do Pobo Galego (UPG), a organización que domina o actual BNG. De feito, e segundo difentes fontes consultadas por GC, as políticas que está exercendo a nova dirección do BNG, nutrida en boa parte dos cadros máis novos da UPG, son os que están detrás destas diferencias.
Non son poucas as veces que militantes nacionalistas cargan contra medios que publican informacións críticas co BNG, como é o caso do Galicia Confidencial –cualificandoo de “españoleiro” ou “vendido" ao PP, PSOE ou aos "mareados"--, pero o acontecido esta fin de semana con La Voz -- cuxa liña editorial aposta claramente pola nova dirección-- fai albiscar as diferencias e as fendas abertas dentro da UPG e que, están afectando, ao propio Bloque.
Fontes da UPG consultadas por este medio cren que a dirección da formación nacionalista fomentou, dalgún xeito, a publicación desas informacións. “Non é baladí que quen asine esa opinión teña moi boa relación coa actual voceira nacional e algúns dos e das deputadas no Parlamento galego”, indican. “Querían mandar un recadiño pero igual o recadiño foiselles da man”, sinalan.
DIFERENCIAS DE “PRAXE” POLÍTICA
E o certo é que, segundo estas fontes, a “crise xeracional” da que fala La Voz non é tal, senón que as diferencias son de “praxe política” e, mesmo de “deriva ideolóxica”. “E non ten que ver con vellos ou novos, senón como se están levando as cousas dentro do Bloque por xente que saíu dos cadros da propia UPG”, din. Unhas diferencias que se acentuaron coas políticas de certas institucións que cogobernan, nomeadamente, as deputacións provinciais xunto co PSdeG.
“É curioso que se fale de vellos e de novos, cando son os novos os que actúan con comportamentos de vellos”, ironiza outra fonte consultada que ata fai pouco militaba dentro da UPG. “Antes o inimigo estaba dentro e sempre se podía demonizar a alguén, pero agora dentro só estamos nós”, di en alusión as divisións internas que viviu o BNG nos últimos anos. “Por iso doen aínda máis comportamentos de certa xente”, di.
MARCHA DE XENTE NOVA
Hai uns días, unha das grandes promesas políticas da UPG anunciaba que se daba de baixa desta formación. Iria Figueroa Torres, membro do Secretariado Nacional da UMG –as mocidades deste partido-- e responsable de organización de 'Erguer. Estudantes da Galiza' anunciaba a través de FB, cun longo escrito, que ela e outros militantes deixaban a UMG e a UPG.
A marcha desta estudante de Xornalismo non é unha marcha calquera. Era unha das grandes promesas desta formación e unha das súas grandes líderes estudantís. E, porque marchou Iria Figueroa?. Entre as razóns que apuntaba no seu escrito estaban, dicía, a imposibilidade de dar debates dentro da organización, a toma de decisións verticais ou as críticas ou “sinalamentos co dedo” se alguén da UPG tiña parella ou relacións persoais “con persoas que militan noutras organizacións políticas”.
“E estas decisións non son da vella dirección... Da dirección de Paco Rodríguez ou de Pilar García Negro, senón da nova dirección, deses que La Voz chama novos”, apunta a fonte consultada. De feito, asegura que, decidiron “ir contra Pilar” a través deste medio, precisamente, por “discrepar públicamente”. “Hai medios nos que se pode dar este debate pero preferiron ir a La Voz”, puntualiza.
Refírese ao xornal Sermos Galiza, onde saíu orixinalmente o artigo de Pilar García Negro que criticaba o uso da palabra “cona” na campaña do 8 de marzo. “Pero curiosamente, no Sermos, que sabían que ía dar que falar isto entre a militancia, pois pediron outro artigo a Noa Presas defendendo a postura oficial, a da campaña da “cona”, do que...Oh, que curioso!!!... esqueceuse La Voz”, ironiza.
“MESMO PROXECTO”
“Non existen nin novos, nin existen vellos. No BNG todos e todas estamos nun mesmo proxecto”, aseguran fontes da dirección do Bloque que negan “fendas” ou “diferencias internas”. “O de La Voz foi un artigo sobre un tema puntual que habería que preguntarlle a ese medio porque decidiu publicalo”, indican.
De feito, apuntan a un novo artigo publicado por Pilar García Negro neste medio para desmentir a existencia de divisións. “Se houbera unha estratexia non entedo porque Pilar tamén se prestou a escribir sobre o mesmo en La Voz”, indican. Con todo, non ocultan que as posicións de certos ex dirixentes, tanto en xuntanzas internas, como a través dos medios, “causan prexuízos” á formación.
Neste novo escrito, titulado “Discrepar non é fender...nin é ofender” a propia Pilar García Negro tenta defenderse dos ataques recibidos polo medio no que publica, curiosamente, o artigo, La Voz. “Discrepar dunha acción pontual da organización política á que se pertence non é só un dereito no BNG senón un deber inherente ao debate necesario, á viveza do mesmo e á libre exposición de opinións. Síntoma, claro está, de boa saúde democrática, da que non andan nada servidas outras organizacións políticas como o PP e o goberno da Xunta, onde funciona o «si, bwana» ou o «Palabra de Dios. Te alabamos, Señor»”, apunta.
“FÁGOME ECO DE MOITAS OPINIÓNS DE MILITANTES”
“É comprensíbel, pois, que chame a atención dos que tal actitude manteñen que unha militante do BNG desde a súa fundación se permita diverxer dun acto concreto. No BNG non temos precisamente mentalidade servil ou reverencial. Por tanto: nen burato, nen fisura nen sequer rabuñadura ao BNG pola miña parte. O meu comentario nen fende nen ofende, porque non esa é a intención nen a finalidade”, engade.
E destaca algo comentado polas fontes consultadas por GC; “os recordatorios que me permitín facer non son para lañar o BNG, senón para todo o contrario, facéndome eco, iso si, de moitas opinións de militantes e simpatizantes na mesma dirección”.
E continúa; “Eu non me escandalizo polas palabras, sexan elas eufemismos ou disfemismos. Pobre de min se o fixese, sendo, como son, profesora de lingua e literatura con 40 anos de exercicio ás miñas costas. Non está aí o problema. O problema está no lugar e no uso que facemos delas... O BNG definiu hai ben tempo a política feminista como un ben público e a esta definición se ativo, coa práctica correspondente. Isto é o que vale e o que debe seguir existindo. En ben do BNG e da Galiza pola cal existe”, conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.